INFORMACIÓN FITOSANITARIA 19 de xullo de 2024

A información que aportamos nos nosos boletíns fitosanitarios baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutros predios que visitamos nos nosos percorridos e tamén nos datos que nos aportan diferentes persoas (técnicas e viticultoras). Con todo, hai que revisar sempre cada situación particular, pois pode haber diferencias, e só analizando o estado de cada predio poderemos lograr, entre todos, unha mellor xestión dos nosos cultivos

VIÑA

Estado fenolóxico: L (escala de Baggiolini). Codificación BBCH: 77-79

En xeral a fenoloxía continúa avanzando con certa pausa e o estado máis abundante segue a ser o peche do acio, pero algunha variedade máis temperá empeza a amosar xa os primeiros grans en inicio de pintado en predios situados en exposicións especialmente cálidas. Incluso nalgún caso estes acios xa amosan danos de alimentación dos paxaros.

Ataque de paxaros xa en variedade temperá Pintado en variedade de mesa temperá

Mildio

Unha nova semana, o anticiclón só exerceu unha influencia débil e parcial na nosa rexión, de xeito que, aparte das precipitacións que caeron en boa parte da provincia entre domingo e luns, o resto das xornadas houbo unha humidade relativa media moi elevada e varias horas de humidade foliar. As precipitacións da fin de semana foron, en case todas as zonas, superiores a 10 l/m2 (case 20 no Salnés), suficientes polo tanto para producir o lavado dos funxicidas cúpricos e de calquera outra materia activa de contacto que se aplicara previamente, e tamén capaces de reducir a protección teórica do resto de produtos que se puideran empregar.  Canto ao número de horas de humidade foliar, é certo que estes días foi en xeral inferior ao das semanas anteriores.

Pola súa banda, as temperaturas mínimas en conxunto estiveron lixeiramente máis baixas, 12 a 14 ºC, e só algún día no Morrazo e no Salnés estiveron na contorna dos 16 ºC. Este lixeiro descenso nas mínimas, o menor número de horas de humidade foliar e a práctica das labores de esfolla e de redución dos crecementos das plantas probablemente contribuíran a que nas nosas plantas testemuña de Areeiro recolleramos cifras só moderadas de esporanxios nos captadores de esporas.

Concentración diaria de esporas

Canto á presenza de síntomas nas viñas, esta semana observamos que, en xeral, estaban ben controlados despois das últimas aplicacións, e do mesmo nos informaron outros técnicos e viticultores (tamén se reduciron sensiblemente as chamadas de alerta). Ademais, nas viñas onde había síntomas desde hai semanas xa o raque e os grans empezan a desecar e xa caen ao simple contacto, motivo que, co paso dos días, fará que desaparezan e que non poidan instalarse sobre eles patóxenos oportunistas como os causantes das podres.

Acios afectados de larvado empezan a desecarseAcios afectados de larvado mais secos caen ao tocalos

No momento da redacción deste boletín (tarde do xoves 18) as diferentes axencias meteorolóxicas consultadas prevén certa precipitación para o sábado pola influencia do aire do Atlántico que chega á nosa zona e que evita que suframos a ola de calor do resto de España. Esta precipitación será escasa, en xeral inferior a 3 l/m2, e por iso non debera ter moitas implicacións na sanidade da viña porque ademais a continuación virá xa tempo estable e influencia anticiclónica, con temperaturas altas e ventos frouxos do norte ou do nordés maioritariamente. Por estes motivos, esta semana aconsellamos manter a vixilancia, que debe ser máis intensa nas viñas que xa presentan mildio larvado, é dicir, as que estiveron ou están peor mantidas a nivel da vexetación (aínda quedan) e tamén as máis debilitadas.

Humidade ambiente e non xestión da vexetación da perdas colleita As viñas máis debilitadas máis larvado

Están a realizarse o esfollado, que é unha práctica enormemente recomendable na nosa zona para favorecer a aireación dos acios. Porén, é unha labor que hai que facer de forma moderada, xa que de non ser así os acios poden non ter de onde alimentarse para continuar crecendo e/ou quedar demasiado expostos ao sol

Oídio

Tampouco nesta semana observamos síntomas nas plantas tratadas, nin sequera de variedades sensibles, pero si nas follas das plantas testemuña sen tratamentos. Porén, un viticultor nos informou de ataques moderados nalgunhas variedades. En principio este fungo afecta menos ás uvas a partir do peche do acio, pero ten a capacidade de facelo ata o pintado, e por iso débese manter a vixilancia.

Follas novas con síntomas oídio planta testemuña

Black rot

Os síntomas que atoparamos a semana anterior nunha viña sensible dunha variedade híbrida da zona do Condado comprobamos esta semana que efectivamente eran debidos á patoloxía, pois nun gran xa observamos os seus picnidios. Non obstante, os síntomas non avanzaran a outros acios e tampouco os atopamos en outras plantas, ben foran tratadas, testemuñas ou abandonadas. 

Posibles sintomas de black rot Picnidios de black rot en gran

Cicadelidos

As choivas da fin de semana terán lavado os insecticidas que potencialmente se tiveran aplicado con anterioridade ao ser de contacto (excepto acetamiprid 20%). Por iso, e dado que están a nacer os adultos de Scaphoideus titanus e que estes teñen, loxicamente,  maior capacidade de dispersión que os estados xuvenís e polo tanto maior capacidade para estender a flavescencia dourada, na zona demarcada establecida pola administración autonómica (zona infestada máis zona tampón -área de 2 km de radio arredor da zona infestada máis unha franxa de 2,5 km coa fronteira con Portugal-) sería conveniente renovar as aplicacións. Hai que ter en conta que a flavescencia dourada é unha enfermidade de corentena cuxo control é obrigatorio, e este hai que facelo, en pleno campo, mediante o control do vector (o S. titanus), o arranque das cepas enfermas e tamén a eliminación das viñas abandonadas. Estas son unha fonte de contaminación moi importante e, desafortunadamente, demasiado frecuentes na nosa xeografía.

Ninfa Scaphoideus 7.5x Hembra de Scaphoideus titanus

Avelaíña da uva

Malia estar colocadas de novo as feromonas nas nosas trampas, non recollemos ningún adulto esta semana en ningunha das nosas parcelas de seguimento, das que só as que están en zona demarcada da flavescencia reciben tratamento insecticida. Non obstante, tamén é certo que non atopamos de momento ningún síntoma da súa actividade (ovos ou perforacións larvarias). Pero loxicamente a situación pode ser diferente noutras viñas, e de feito algúns técnicos nos informaron de que están a ter ata 15 ou 25 capturas, e un viticultor nos comentou xa de picaduras nas uvas. Si nesta ocasión chega a establecerse o anticiclón máis preto de nós, probablemente se dará o incremento da súa actividade ao que nos referiamos a semana anterior. Manter a vixilancia. 

Outros

Como era previsible, tras as altas temperaturas dos primeiros días do mes e o cambio producido despois na climatoloxía, esta semana notamos un incremento importante no número de plantas que manifestan síntomas de alteracións de madeira. Cando a climatoloxía se estabilice poden eliminarse os brazos e plantas mortos. Por outro lado, tamén observamos xa os primeiros acios con golpes de sol

MACEIRA

Avelaíña da maceira

Na nosa parcela de Areeiro, sen tratamentos para coñecer a evolución natural do parasito, recollemos 7 machos na trampa, cifra superior aos 2 adultos por trampa e semana que constitúen neste momento o limiar de tolerancia. Do mesmo nos informaron outros produtores, e xa sabemos que para tentar de garantir o control desta praga practicamente hai que manter as plantas protexidas de xeito continuo pero nestes momentos sobre as variedades temperás xa hai que prestar moita atención ao prazo de seguridade dos insecticidas empregados, que sempre debe ser estritamente respectado.

Monilia, botrite

As choivas reiteradas que temos este ano e a subseguinte humidade elevada está a provocar que parte da pouca froita que hai este ano estea a podrecer na árbore e a caer no solo. Esta froita debe ser eliminada, non só para evitar que o resto poida ser infectado senón tamén para reducir o inóculo dos patóxenos de podremia para a seguinte campaña.

FROITEIRAS DE ÓSO

Monilia, botrite

Tamén moitas ameixas, pexegos e outros, que están a ser recollidos ou próximos a facelo, ao estar en fase de maduración abriron ("racharon") coas choivas, e a partir das gretas resultantes está a haber podres que poden botar por terra a pouca colleita que en xeral hai esta campaña. Retirar esta froita o antes posible.

NOGUEIRA

Mosca da casca verde da noz (Rhagoletis completa)

Esta semana recollemos o primeiro individuo nunha das trampas que temos instaladas en Areeiro pero non na que temos noutra zona. As larvas desta praga destrúen a casca verde da noz, que podrece e fan tamén que as noces caian prematuramente. Para o seu control é moi importante eliminar tamén os froitos caídos ao solo para evitar que as larvas se enterren para pupar.

Os síntomas que producen nas noces poden ser confundidos cos do fungo responsable da antracnose da nogueira que, fronte á mosca, tamén xera síntomas en forma de manchas escuras nas follas.

CASTIÑEIRO

Gnomoniopsis

O ton amarronado dos ourizos e a súa caída prematura tamén pode ser debido a este fungo, que frea o crecemento da castaña e a engurra. Como fungo que é, as condicións ambientais deste ano foron moi favorables para o seu desenvolvemento. Tamén neste caso a retirada dos ourizos con síntomas e dos caídos ao solo é moi importante para reducir inóculo e tamén se pode aplicar algún funxicida cúprico autorizado en castiñeiro.

Para ambas pragas do castiñeiro resulta recomendable estender baixo as árbores unha malla ou plástico na proxección da copa, pois é máis cómodo retirar os ourizos e restos caídos e así tamén se evita que poidan quedar no chan fontes de contaminación para a campaña seguinte.

BUXO

Bolboreta do buxo

Esta semana recollemos un macho de Cydalima perspectalis na trampa  e se incrementaron os danos na sebe onde atoparamos as eirugas. Incrementar a vixilancia, en especial se mellora a climatoloxía.