INFORMACIÓN FITOSANITARIA de 5 setembro de 2024

VIÑA

Mildio

Coa contención no crecemento da vexetación derivada da época do ano e das temperaturas máis baixas apenas observamos algunha mancha moi puntualmente nas plantas testemuña sen tratamentos que non sufriron defoliación total, isto malia ter aumentado sensiblemente polo incremento da humidade que se rexistra desde as choivas do día 28 (en xeral inferiores a 3/l/m2) ou as néboas do 1 de setembro. 

Concentración diaria de esporas

Botrite e outras podres do acio

Na revisión que fixemos a algunhas viñas do Salnés non observamos cambios fronte á revisión anterior a pesar das precipitacións rexistradas. Con todo, estas choivas que empezaron onte xa día 5 aínda poderían causar problemas nas viñas máis tardías pois, aínda que as temperaturas nocturnas xa sufriron un bo descenso, as diúrnas seguen a ser compatibles co desenvolvemento do fungo. Por este motivo, nesas viñas, en especial si son de variedades sensibles, poderíase aplicar un tratamento cun funxicida natural como é o formado por una combinación de terpenos das plantas (7 días de plazo de seguridade), ou cepas de Bacillus amyloliquefaciens, Bacillus subtilis, Saccharomyces cerevisiae, ou Pythium oligandrum (sen prazo de seguridade ou este de 3 días), dirixido aos acios. Caso de non realizar o tratamento pero de restar aínda tempo para a vendima, lembren que as operacións destinadas a mellorar a ventilación na contorna dos acios seguen sendo convenientes.

Apenas un punto de botrite Perforacións de avelaíña

Enfermidades da madeira

Se nos últimos boletíns semanais falabamos de que se podía empezar a eliminar brazos de plantas e cepas con síntomas deste complexo de fungos, co tempo húmido é mellor non facelo, pois haberá maior densidade de esporas no ambiente.

incremento de síntomas da madeira

VARIAS FROITEIRAS

Fungos de podremia dos froitos

Con tempo húmido cobra máis importancia aínda a retirada e eliminación da froita afectada aínda pendurada da árbore e tamén da caída ao solo co fin de reducir o inóculo destes patóxenos para a próxima campaña e tamén a presenza de avespas e moscas da froita na contorna.

un froito podre non retirado infecta próximos Mazás na contorna dunha maceira en fase de podremia

CASTIÑEIRO

Patoloxías e insectos carpófagos

Tamén no caso do castiñeiro é conveniente a retirada dos ourizos caídos prematuramente ao solo e máis daqueles que presenten cor marronácea na árbore, co obxectivo de reducir a presenza do patóxeno Gnomoniopsis e dalgúns insectos da castaña. Neste sentido (insectos) nas nosas trampas non temos de momento capturas do tortrícido tardío pero atopamos preto dunhas plantas de castiñeiro a unha femia do gurgullo da castaña Curculio elephas, que polo tanto xa comezou o seu voo.

Sintomas de Gnomoniopsis en castaña Femia de Curculio elephas