INFORMACIÓN FITOSANITARIA 23 de Abril de 2026
A información que aportamos nos nosos boletíns fitosanitarios baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutras que visitamos ao azar nos nosos percorridos e tamén nas informacións que nos aportan outras persoas, técnicas sobre todo pero tamén viticultoras, e son principalmente referidas á variedade albariño no caso da viña.
Por iso, e aínda que esta información pode ser unha representación da situación xeral, hai que revisar sempre cada predio, pois pode haber situacións diferentes polas condicións particulares e/ou pola/s variedade/s, e só avaliando o estado de cada leira e actuando segundo o observado poderemos lograr, entre todos, unha mellor xestión dos nosos cultivos
Viña
E.F.: G-H Baggiolini; 55-57 BBCH
Ao longo desta semana as temperaturas medias mantivéronse en niveis relativamente suaves con máximas que superaron os 20 ºC a maior parte dos días sobre todo nas zonas do sur da provincia e ceos en xeral con nubes e claros. Deste xeito, a fenoloxía da vide continúa evolucionando e en boa parte das variedades xa está a alcanzar o estado de botóns florais separados. É máis, nos predios máis cálidos da comarca de O Rosal observamos que algunhas cepas de patróns ("bravos") que aínda quedan illadas acadaron xa a floración, situación que, nesas mesmas plantas, observaramos o día 7 de maio na campaña anterior.
Mildio
No aviso de onte día 22 informamos de que o día anterior detectaramos as primeiras manchas de aceite nas nosas parcelas de seguimento de O Salnés, que eran as que visitamos. Onte revisamos as de Condado e Rosal e tamén alí atopamos as primeiras manchas, e por iso, xunto á información que aportamos onte, é de supoñer que se trate dunha situación bastante xeral. É máis, cando nos detivemos ao azar en viñas cuxo historial de tratamentos descoñecemos tamén vimos que tiñan algunha mancha, aínda que é certo que nestes casos non sabemos se estas manchas son as primeiras neses predios ou non.
As que si sabemos que son as primeiras detectadas este ano son as que vimos onte en plantas abandonadas de muros e bordes de vías que revisamos sistematicamente todas as semanas, o que redunda unha vez máis en que a presencia de síntomas é bastante estendida.
Con todo, aínda quedan predios nos que non se detectou mancha algunha, e nesta situación están, por exemplo, unha das nosas parcelas de seguimento de O Rosal (xa con un tratamento antimildio) e a nosa viña de Areeiro, que de momento está sen tratar. Malia esta circunstancia, e como se pode observar na gráfica, a cifra de esporanxios de Plasmopara viticola capturados estes días (cor azul) mantívose en valores semellantes á amosada na anterior información fitosanitaria (en verde), pero tamén é certo que coa excepción da tarde-noite do luns 20, as condicións meteorolóxicas non estar a ser particularmente favorables para o desenvolvemento do patóxeno.
Para os próximos días, as previsións meteorolóxicas consultadas apuntan a unha continuidade destas condicións non tan favorables, pero tamén é certo que algúns modelos matemáticos indican que podería haber algún brote tormentoso, quizais máis probable cara comezos da semana próxima. Con esta incerteza, e á vista da información publicada onte máis o descrito ata aquí, mantemos a recomendación de renovar os tratamentos (quen non o teña feito xa) nas condicións tamén referidas (doses adecuada e boas prácticas para respectar á veciñanza e protexer ao medio ambiente).
Oidio
Do mesmo xeito que comentamos a semana anterior, de momento non temos visto síntomas da enfermidade nas viñas, con independencia da súa sensibilidade ao fungo, malia seguir sen ter realizada aplicación algunha antioídio. Con todo, en función de como evolucione a climatoloxía pode suceder que se vaia aproximando a floración, estado altamente sensible que hai que ter protexido, e por iso naqueles predios máis adiantados nos que haxa variedades sensibles e non se renovara aínda a protección antimildio, xa pode engadirse un funxicida antioídio.
Avelaíñas do acio
Mentres de Eupoecilia ambiguella seguimos sen capturas nas trampas que xa temos instaladas, esta semana produciuse un incremento notorio na cifra de machos de Lobesia botrana en dúas parcelas, unha de O Salnés e outra de O Rosal, onde se recolleron 38 e 28 individuos, respectivamente. Nas outras, ou non tivemos capturas ou só algún individuo, probablemente pola influencia da confusión sexual de predios veciños.
Outros parasitos/incidencias na viña
Maceira
Pulgón cincento
Nos gromos máis tenros de algunhas árbores xa se ven as follas retorcidas a consecuencia do ataque deste pulgón que en casos de poboacións moi elevadas pode deformar os froitos. Mentres as súa presenza estea limitada a algúns brotes pode prescindirse de aplicar un tratamento insecticida eliminando os propios brotes afectados, máis considerando que nesta época hai moitas plantas en flor ás que acoden abellas e outros insectos beneficiosos que hai que protexer.
Avelaíña
Buxo
Bolboreta do buxo (Cydalima perspectalis)
Hoxe mesmo día 23 nos naceron dous adultos máis a partir das crisálides que temos no laboratorio. Porén, nas trampas que temos no exterior non recollemos ningún. Tamén a maioría das plantas de buxo que revisamos están en bo estado. Por outra banda, xusto despois da publicación da información fitosanitaria anterior nos enviaron imaxes dunhas eirugas ben desenvolvidas atopadas en Sarria, onde polo tanto o ciclo parece ir con certo retardo fronte ás zonas que nós revisamos, pero descoñecemos se xa crisalidaron na actualidade.