INFORMACIÓN FITOSANITARIA 10 de Xullo de 2026
A información que aportamos nos nosos boletíns fitosanitarios baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutras que visitamos ao azar nos nosos percorridos e tamén nas informacións que nos aportan outras persoas, técnicas sobre todo pero tamén viticultoras, e son principalmente referidas á variedade albariño no caso da viña.
Por iso, e aínda que esta información pode ser unha representación da situación xeral, hai que revisar sempre cada predio, pois pode haber situacións diferentes polas condicións particulares e/ou pola/s variedade/s, e só avaliando o estado de cada leira e actuando segundo o observado poderemos lograr, entre todos, unha mellor xestión dos nosos cultivos
Viña
A vaga de calor que vimos de sufrir xunto coa humidade ambiental propia da nosa zona explica que a fenoloxía das vides continúe avanzando a un ritmo óptimo aínda que sostido. Deste xeito, en albariño e outras das nosas variedades brancas autóctonas, e segundo as nosas observacións, as vides aínda non están iniciando o pintado, pero nalgún acio illado dalgunhas cepas de localidades máis cálidas empeza a notarse, timidamente iso si, lixeirísimos cambios no aspecto dos grans. Estes cambios xa os observamos nalgunha variedade tinta, como vimos dicindo nas últimas semanas, e tamén nunha europea de uva rosada moi temperá que hai nunha das nosas parcelas de seguimento, que é a mesma que vimos amosando nos últimos anos como primeira en acadar o pintado (concretamente na campaña pasada no Boletín do día 10 de xullo, é dicir, nas mesmas datas ca actual).
Mildio
De acordo coas nosas revisións e tamén coa proporcionada por outras persoas acerca das súas observacións, podemos cualificar a situación xeral dos acios con relación a este e outros patóxenos como moi boa ou excelente no momento actual. A este estado contribúe sen dúbida a climatoloxía maiormente seca e cálida que estamos a ter desde practicamente o pasado mes de xuño. Concretamente, desde finais da semana anterior e ata principios da actual, a segunda onda de calor deste verán levou a que se rexistraran temperaturas elevadísimas durante horas, con máximas que mesmo acadaron (ou superaron) os 40ºC e noites cuxas mínimas se mantiveron na contorna dos 18-21ºC segundo as zonas. Desde a metade da semana as temperaturas son algo máis suaves e tamén hai máis humidade relativa media (ata 30 puntos porcentuais máis) e algo de humidade foliar (incluso ata 10-11 horas segundo os lugares).
Deste xeito, os focos de mildio larvado que se detectaran fai dúas semanas e que xa no Boletín anterior referiamos que non avanzaran, permanecen contidos, e tampouco tivemos informacións que contradixesen esta información. Porén, nas follas das plantas testemuña e tamén nas de viñas que levan tempo sen tratamentos aparecen manchas novas debido a que condicións de infección, hainas, e de feito no captador situado nas plantas testemuña de Areeiro seguimos a recoller unha cantidade elevada de esporanxios, que baixou coa vaga de calor para volver a recuperarse ao finalizar, e tamén no de Sanxenxo seguimos a ter capturas, neste caso moi inferiores ás do captador de Areeiro.
No momento da redacción deste Boletín (mañá do xoves 9 de xullo) os modelos meteorolóxicos indican que hai unha probabilidade moi alta de que se forme unha DANA ao oeste de Galicia, o que traerá un empeoramento do tempo no sentido de que se incrementará a posibilidade de choiva, en principio de escasa contía, e sobre todo se producirá un descenso nas temperaturas. Con todo, as previsións neste momento refiren que aínda pode haber cambios na traxectoria e na intensidade deste fenómeno, pero en xeral si anuncian que haberá precipitacións case todos os días da semana entrante e o mencionado descenso de temperaturas. Coa uva aínda sen entrar no pintado, este episodio pode traer consigo a aparición de novos síntomas en folla e incluso nos acios, neste último caso previsiblemente onde houbera síntomas de mildio larvado. Por iso, ao igual ca semana anterior seguimos recomendando manter a vixilancia por se fora preciso tratar. A evolución das viñas e tamén a contía e tipo de precipitación que se dea condicionarán a data desta potencial actuación e o tipo de produto a empregar, pois en xeral nestes momentos se aplican funxicidas cúpricos e polo tanto de contacto (se non levan unha materia activa asociada) que sofren lavado con choivas superiores a 10-20 l/m2.
Boa parte dos días da semana próxima prevese que os ventos poidan chegar a acadar velocidades de ata 40 Km/h ou máis. Loxicamente, no caso de ter que intervir haberá que adaptar o momento aos ventos, xa que como sempre dicimos HAI QUE APLICAR TRATAMENTOS CON VELOCIDADES DO VENTO INFERIORES A 11 Km/h, e dicir, que como moito se movan as follas das árbores pero sen haber axitación constante ou movemento de ramas.
Oídio
Nas nosas revisións unicamente observamos esta semana síntomas da enfermidade na nosa viña de Areeiro, sen tratar, e tamén os vimos nunha parra dunha variedade probablemente de mesa que tamén semellaba non recibir tratamentos. Con todo, dous técnicos nos informaron de viñas de albariño con bastante presenza do fungo pero moi poucas en todo caso. Haberá que estar pendentes a que condicións meteorolóxicas se darán finalmente nos próximos días, pois o incremento de nubes e humidade da un escenario máis favorable para o fungo, pero as choivas de carácter forte que poden chegar a caer localmente segundo se indica nas predicións máis pesimistas, poden lavar o seu micelio.
Avelaíñas do acio
Nas revisións desta semana ás viñas non atopamos síntoma algún da actividade das avelaíñas, e tamén as capturas de machos nas trampas que temos instaladas foron moi baixas, entre 1 e 5, non en todas as trampas e só de Lobesia botrana.
Scaphoideus titanus, vector da flavescencia dourada
Lembren que estamos no período no que hai que aplicar tratamentos insecticidas para o control desde insecto vector nas zonas demarcadas e, de xeito aconsellado, nas limítrofes para tentar de frear a dispersión da enfermidade nas zonas afectadas e, sobre todo, a áreas onde non está presente.
As aplicacións deben realizarse mollando ben o envés das follas e, no caso de que haxa chupóns nas vides, tamén deben quedar ben cubertos, aínda que o mellor é eliminar estes brotes ladróns para evitar que as ninfas se agochen nas súas follas
Ademais dos tratamentos, as trampas amarelas serven para reducir as poboacións (ao capturar algúns adultos) e para comprobar se as intervencións foron efectivas, pero neste sentido hai que coñecer ben ao vector, pois hai insectos moi semellantes que nas condicións de campo e a ollo nu poden dar lugar a confusión.
Por outra banda, lembren que é altamente recomendable vixiar a potencial aparición de plantas con varios síntomas da flavescencia para eliminalas e destruílas completamente, ou ben, si se observan nunha viña veciña, comunicarllo aos seus propietarios. Os síntomas sabemos que non son específicos desta enfermidade pero a conxunción de varios deles nunha planta implica probabilidade da súa presenza: revirado patente das follas cara o envés, follas de cor vermella nas variedades tintas e branco-amarelado nas brancas, follas máis quebradizas e dispostas unhas sobre outras, porte "chorón" dos pampos por falta de agostado, entrenós curtos, secado de acios, entre outros.
E non esquezan a recomendación de tomar todas as precaucións posibles para evitar a dispersión do vector nos desprazamentos entre comarcas para evitar que este chegue a zonas onde aínda non está detectado
Acariose
As altas temperaturas destes días fixeron que se manifestasen de xeito máis evidente, os síntomas producidos pola alimentación deste ácaro e incluso que os observaramos en predios onde non se apreciaran.
Erinose
Tamén se ven cada vez máis síntomas de erinose, que este ano teñen quizais maior distribución que noutras campañas.
Golpes de sol
Como era de esperar, esta semana se incrementou sensiblemente o número, e tamén a intensidade dos danos, en acios afectados pola elevada insolación. Neste sentido, e debido a que aínda se están a realizar as esfollas nas viñas, lembramos que estas deben realizarse moderadamente e nunca na cara exposta ao sol da tarde. Ben feitas estas tarefas (é dicir, nas caras expostas ao sol da mañá que é menos intenso co da tarde), aportan importantes beneficios á uva (menor incidencia de enfermidades, maior cobertura polos fitosanitarios) pero se non son realizadas así estragan os acios.
Outras incidencias
O estrés que sufriron as plantas pola vaga de calor provocou a maior detección de síntomas de seca e de esgotamento ou falta de nutrientes nas cepas así como a maior presenza de plantas con síntomas de enfermidades de madeira. Se estes últimos síntomas se concentran nun só brazo e non hai posibilidade de recuperación, mesmo nesta época se pode eliminar e destruír, iso si, facéndoo en tempo seco, con cortes limpos e aplicando inmediatamente despois un funxicida na ferida.
Froiteiras
Parasitos animais e fungos de podremia
As froitas en maduración con podres ou feridas por insectos ou paxaros, así como as que non se recolleron no seu momento das árbores, constitúen focos de infección para o resto, así como as caídas no solo. Como sempre lembramos nesta época, estes froitos deben ser retirados e destruídos para reducir danos nos que permanecen en boas condicións.


























