INFORMACIÓN FITOSANITARIA 6 de agosto de 2026

A información que aportamos nos nosos boletíns fitosanitarios baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutras que visitamos ao azar nos nosos percorridos e tamén nas informacións que nos aportan outras persoas, técnicas sobre todo pero tamén viticultoras, e son principalmente referidas á variedade albariño no caso da viña.

Por iso, e aínda que esta información pode ser unha representación da situación xeral, hai que revisar sempre cada predio, pois pode haber situacións diferentes polas condicións particulares e/ou pola/s variedade/s, e só avaliando o estado de cada leira e actuando segundo o observado poderemos lograr, entre todos, unha mellor xestión dos nosos cultivos

Do mesmo xeito que noutras zonas de España, a vendima tamén se vai adiantar este ano en Galicia, non só mirando o estado actual da uva pola climatoloxía do que vai de verán senón tamén conforme ás previsións meteorolóxicas para os próximos días, que anuncian tempo maioritariamente seco e solleiro.

Por este motivo, e tendo en conta que a vide é o cultivo ao que dedicamos máis contido, este Boletín será o último que publicaremos semanalmente por esta campaña, aínda que tras este iremos emitindo información fitosanitaria e consellos prácticos en diferentes momentos.

Como todos os anos, queremos expresar a nosa profunda gratitude a todas as persoas que colaboraron con nós, en especial a aquelas que permiten que as súas viñas formen parte da nosa rede de seguimento habitual, algunhas despois de moitos anos e outras de incorporación máis recente. Tamén agradecer as súas aportacións a aqueles técnicos que nos informaron nalgún momento das súas observacións e ás persoas viticultoras, das diferentes provincias de Galicia, que nos comentaron nalgúns casos o que apreciaban. E, como non, o noso sincero agradecemento ás persoas subscritas a estes Boletíns e ás que, sen estalo, soen lernos cada semana e nos animan coas súas mensaxes a continuar. GRAZAS

VIÑA

E.F. (en albariño): (M2)-N Baggiolini; BBCH: (85)-89

Na revisión desta semana ás viñas comprobamos como o estado sanitario xeral da uva segue a ser, en xeral, excelente, co que se prevé unha vendima moi abundante e tamén temperá, pois incluso é probable que comece antes da última semana de agosto se temos en conta que a precipitación de inicios de semana foi moi escasa e que as previsións meteorolóxicas indican a curto e medio prazo tempo estable, con moito sol e con temperaturas moi elevadas.

20260805colleita_previsible_abundante_sa_e_tempera 20260804escasa_precipitacion_non_retrasara_vendima

E dado que este é o último Boletín semanal da campaña, recollemos mostras de uva albariña nalgunhas das nosas parcelas de seguimento habitual co fin de proporcionarlles, a modo de orientación, parámetros chave para determinar o inicio da vendima.

grafico

Mildio

Como ben é sabido, ao inicio da semana choveu lixeiramente en case todas as zonas, pero como dicimos a precipitación foi tan reducida que apenas superou os 3 l/m2 nalgunha estación meteorolóxica. Pero antes deste pequeno episodio de precipitación houbo todos os días varias horas de humidade foliar que, unidas a unhas temperaturas mínimas que continuaron bastante elevadas, favoreceron a aparición novos síntomas de mildio nas follas novas dalgunhas parcelas menos ventiladas e que tiveron ou teñen un exceso de vexetación ao longo da campaña, así como nalgúns gromos terminas de plantas testemuña, pero non en todos. Tras as choivas, ademais, este volume de manchas seguirá incrementándose, pois sen ir máis lonxe o número de esporanxios recollidos o día de maior precipitación (martes 5) no captador de Areeiro, situado entre plantas sen tratamentos, foi sete veces superior ao do día anterior, acadando esa xornada a cifra de 2290/m3.

20260804manchas_novas_en_follas_tenras 20240807manchas_de_mildio_marxinais_en_folla_testemuna non_en_todas_as_plantas_abandonadas_habia_manchas_esta_semana

Coa vendima aproximándose, ademais de coas predicións meteorolóxicas no momento de redacción deste Boletín (mañá do xoves día 6), non é previsible que poida chegar a haber problemas de retraso na maduración en caso de darse potencias defoliacións nas viñas que teñen máis danos en folla, pois en xeral aínda queda moita vexetación viable para facer a fotosíntese e que a uva continúe madurando e acumulando azucres. Aínda así, en plantas con pouca folla que estean debilitadas por calquera causa, sobre todo se son de variedades máis tardías, haberá que continuar pendentes por se fora preciso intervir, tendo en conta que hai rexistrados produtos naturais para a loita contra o mildio que poden empregarse no momento da maduración que, ou ben carecen de prazo de seguridade, ou ben o teñen de só 1 ou 3 días.

defoliacion_por_mildio_en_parte_superior_parra

Oídio

De todos os predios que visitamos, o único síntoma que vimos esta semana, se exceptuamos as plantas de Areeiro, moi sensibles pola súa situación rodeada de carballos, foi un micelio moi lixeiro nun rebusco dunha parcela do Salnés. No resto non observamos nada, nin nas variedades máis sensibles.

20260803oidio_en_rebusco_testemuna_areeiro 20260803oidio_en_follas_testemuna_areeiro 20260804oidio_rebusco_tratada_salnes

Con todo, as condicións meteorolóxicas continuarán sendo compatibles coas infeccións por este patóxeno, que ben é certo que non afectará xa ás uvas en maduración, pero que si o poderá facer a rebuscos, follas e pampos. Por este motivo recomendamos que nas viñas con maior densidade de vexetación continúen as labores culturais que favorezan a ventilación e a penetración da luz pero tendo a precaución de non deixar os acios moi expostos ao sol máis intenso do mediodía e a tarde para evitar posibles queimaduras.

Botrite

A climatoloxía da práctica totalidade do verán conduce a que a situación xeral das vides en relación a este patóxeno sexa moi boa e que a súa presenza sexa unicamente puntual incluso nos acios de variedades sensibles, nos que teñen feridas por danos de calquera natureza ou incluso nos das plantas testemuña que non recibiron tratamento. Non obstante, sabemos que este fungo oportunista está nas viñas pois atopamos esporas nos recontos dos captadores e de feito na revisión desta semana observamos, como vimos de dicir, algún acio afectado.

20260805botrite_en_gran_uva_mesa 20260805botrite_en_acio_variedade_tinta

Segundo as previsións meteorolóxicas, a curto e medio prazo só se espera un lixeiro empeoramento do tempo para esta fin de semana cando, segundo certos modelos, haberá ata un 80% de probabilidade de choiva; se produza ou non esta precipitación, pola época do ano na que nos atopamos seguramente seguirá habendo humidade foliar e as temperaturas seguirán elevadas, co que o risco seguirá existindo. Por iso hai que manter a vixilancia e, moi importante, continuar coas labores de xestión da viña que favorezan unha boa circulación do aire arredor dos acios. En caso de que con estas labores non sexa suficiente e se detecte a enfermidade, lembren que no Rexistro do Ministerio hai produtos naturais para previr/limitar a actividade do fungo.

Avelaíñas do acio

Nas trampas das nosas parcelas de seguimento só recollemos entre 1 (a maioría das que tiveron capturas) e 5 machos de Lobesia botrana. Canto a acios afectados polas eirugas, só atopamos un par deles noutras tantas viñas do Salnés, malia que co pintado xa xeral é máis sinxelo detectalos debido ao color que amosan. Entón, segundo as nosas observacións a situación actual non é problemática e tampouco recibimos informacións por parte doutras persoas, do que deducimos que non os debe de haber. Manter a vixilancia aínda que polo transcorrer da campaña non é previsible que as eirugas causen danos directos significativos.

20260804perforacions_eirugas_avelaina grans_afectados_por_avelaina_detectanse_ben_ao_cambio_de_cor

Flavescencia dourada e o seu vector Scaphoideus titanus

Como vimos comentando desde hai un tempo, a loita fronte á flavescencia dourada, obrigatoria nalgunhas parroquias de Pontevedra e Ourense e recomendable noutras, realízase a través dunha combinación de medidas lexislativas, medidas culturais e de loita contra o insecto vector. Ata agora estivemos recomendando a aplicación de insecticidas fronte a Scaphoideus titanus, pero nos informaron de que nalgunhas viñas da zona demarcada non se realizaron por descoñecemento ou por ausencia dos propietarios dos predios. De aquí en diante, coa vendima próxima xa non continuamos coa recomendación de tratamentos, pero aínda é posible reducir algo as poboacións instalando máis trampas amarelas, xa que polo menos parte dos insectos que se recollan nelas non se alimentarán e non porán ovos para pasar o inverno e nacer novos individuos na próxima campaña.

adultos_de_scaphoideus_titanus_nunha_trampa

Ademais, como tamén dixemos en varias ocasións, o arranque e destrución das viñas afectadas ou ospeitosas é unha medida imprescindible. Sabemos que os síntomas desta enfermidade non son específicos pero si unha/s cepa/s dos predios da zona demarcada ou arredores presenta/n varios síntomas á vez, convén eliminala/s, porque sempre será mellor perder unhas poucas plantas que poñer en risco toda unha plantación. E a loita nestas enfermidades é responsabilidade de todos.

sintomas_de_flavescencia_en_variedade_tinta

Trips

Nas revisións desta semana vimos algún síntoma novo en gromos terminais dun predio do Salnés no que paramos nos nosos percorridos, pero nas mostras recollidas non atopamos ningún individuo. Coa vendima próxima non se espera que haxa danos en ningún caso.

20260804sintomas_trips_gromo_terminal

Acariose e erinose

Continúan a aparecer algúns síntomas de ambas pragas, en especial de erinose.

20260805erinose

Outros

En xeral destacamos os de semanas anteriores: golpes de sol en acios expostos, síntomas de estrés hídrico en plantas débiles e enfermidades de madeira, cuxos síntomas continúan a aparecer en case todos os predios.

20260728grans_escaldados_polo_sol 20260805continua_aparicion_sintomas_patoloxias_madeira

BUXO

Bolboreta do buxo, Cydalima perspectalis

Esta semana observamos síntomas de gravidade nalgunhas plantas/sebes que non foron tratadas. Lembramos que esta praga pode matar ás plantas se as súas voraces eirugas chegan a eliminar, coa súa alimentación, as xemas. Por iso aconséllase non descoidar a vixilancia, en especial se as plantas están debilitadas non só pola climatoloxía senón tamén por vivir nun solo compacto, pobre e sen estrutura (ou por calquera outra razón).

planta_de_buxo_moi_afectada_polas_eirugas_de_cydalima gromo_de_buxo_atacado_polas_eirugas_de_cydalima sintomas_da_eiruga_do_buxo