contentlist.configuration.needed

INFORMACIÓN FITOSANITARIA 12/04/2023

VIÑA

DETECCIÓN PRIMEIRA MANCHA DE MILDIO NA VIÑA

Onte 11 de abril recibimos distintas informacións de tres técnicos que nos alertaban da detección da primeira mancha de mildio nalgúns predios de O Salnés. Xa dous días antes algún viticultor nos informara do mesmo, pero sen imaxes e polo tanto sen confirmación. Pola nosa parte, e dados o desenvolvemento da vexetación na viña de Areeiro, as condicións climatolóxicas moi favorables que houbo algúns días na segunda quincena de marzo e as do día de onte, e os índices que nos daban algúns modelos, tiñamos pensado iniciar os seguimentos entre hoxe e mañá xoves. Porén, ante aquelas novas nos acercamos onte ao Salnés, onde puidemos comprobar que efectivamente aparecera a mancha (cunha esporulación moi incipiente) en dúas viñas. Dáse a circunstancia de que en ambos predios a maioría das xemas aínda estaban en "follas estendidas" polo que a priori non parecía que foramos detectar o síntoma; sen embargo, tamén había gromos máis adiantados, e foi neles onde apareceron, e mesmo  nun caso nunha folla basal de moi pouca superficie.

Primeira mancha 2023 nunha viña do Salnés Esta primeira mancha en folla pouco desenvolvida

 

A curto prazo as predicións meteorolóxicas consultadas non coinciden totalmente entre si pero en xeral anuncian certa inestabilidade para os próximos días, cunha moi elevada probabilidade de choivas alternando con períodos de claros e tendencia a mellorar de cara á fin de semana e inicios da semana próxima. En calquera caso, a primavera é unha estación do ano onde a situación pode variar con facilidade, e por iso é mellor estar alerta ás previsións diarias.

Segundo o dito ata agora, hai que iniciar as revisións ás viñas, porque aínda que sabemos que nestes días aparecerá a primeira mancha en todos os predios, as condicións de desenvolvemento da vexetación, de aireación, etc. poden variar. En caso de non facer as revisións, será preciso tratar nos momentos en que as condicións climatolóxicas o permitan, considerando que a viña debe estar seca (pódese engadir un mollante para facilitar a adherencia do funxicida) e que non debe haber ventos de velocidade superior a 3 m/s (10,8 Km/h) para que o produto non sexa arrastrado fóra da viña.