contentlist.configuration.needed

INFORMACIÓN FITOSANITARIA 11-08-2023

A información que aportamos nos nosos boletíns fitosanitarios baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutros predios que visitamos nos nosos percorridos e tamén nos datos que nos aportan diferentes persoas (técnicas e viticultoras). Con todo, hai que revisar sempre cada situación particular, pois pode haber diferencias, e só analizando o estado de cada predio poderemos lograr, entre todos, unha mellor xestión dos nosos cultivos

Co presente boletín finaliza por esta campaña a publicación da Información Fitosanitaria SEMANAL debido a que a uva e outras froitas están xa en fase de maduración e a que a curto e medio-longo prazo se anuncia certa estabilidade climatolóxica, con só algunha posibilidade de precipitación lixeira.
Como non podía ser doutro xeito, queremos agradecer sinceramente a súa colaboración a todas as persoas que colaboraron con nós ao longo de toda a campaña (os propietarios dos predios que nos permiten desenvolver alí as nosas experiencias) ou de xeito máis ou menos intermitente (técnicos e agricultores que nos informaron das súas observacións). E, loxicamente, o noso agradecemento a todas aquelas persoas que nos seguiron todas estas semanas. Moitas grazas a todos eles.

VIÑA

Estado fenolóxico: M2 - N [BBCH: 85-89]

As temperaturas elevadas e o tempo seco que en xeral houbo esta semana fixeron avanzar a maduración da uva, co que estamos xa nas semanas previas á vendima, que mesmo se podería iniciar antes de finalizar agosto.

20230802_Uvas albariño madurando ben

De feito, para aportar datos a modo de orientación do grao alcohólico, esta semana xa recollemos uvas ao azar e non, como ata o de agora, de entre as máis brillantes dos acios dalgunhas viñas. Nesta ocasión, na táboa onde reflectimos o grao das mostras de uva recollidas esta semana mantemos o das mostras do anterior boletín para facer idea da evolución en cada predio:

COMARCA

ZONA

GRAO ALCOHÓLICO

2 agosto

9 agosto

Condado

Corzáns
Meder

7
8,34

9,26
10

Rosal

Eiras
Goián

6,99
6,47

8,67
9,13

Salnés

Barrantes
Castrelo
Modia

9,20
8,86
9,13

11,27
10,93
11,67

 

Mildio

Como é sabido, entre a fin de semana e os comezos desta houbo temperaturas moi elevadas, mesmo superiores a 30-35ºC nalgunhas estacións (especialmente o luns día 7), e os valores medios diarios de humidade relativa foron baixos ou medios, o que non favorece ao patóxeno. Con todo, o mércores 9 e onte xoves 10, houbo néboas máis ou menos densas propiciadas pola calor dos días pasados que deron lugar a unha nova elevación dos valores de humidade relativa e a que se deran de volta algunhas horas de humidade foliar. Estas condicións si son xa favorables ao patóxeno, e de feito se traduciron nunha resposta inmediata en forma de capturas de esporanxios no captador que temos instalado nas plantas testemuña de Areeiro.

Concentración diaria de esporas

Na nosa visita ás viñas non atopamos, aínda así, novos síntomas nin en folla nin nos acios rebuscos que son os que, a estas alturas da campaña, poderían ter algunha sintomatoloxía. O que si observamos foi a permanencia nas viñas de acios secos por mildio das infeccións pasadas e un aumento da defoliación nalgunhas plantas testemuña e tamén nas partes altas das parras.

Ainda quedan na viña acios secos por mildio antigoDefoliacion en planta testemuñaNas partes altas das parras hai algo de defoliación

Para os próximos días os diferentes modelos meteorolóxicos consultados prevén certa estabilidade aínda que con algunhas nubes e, a raíz dunha fronte fría que nos afecta desde hoxe, con posibilidade dalgunhas choivas moi débiles hoxe ou mañá, aínda que en principio non afectarán a todas as localidades e tampouco acadarán valores significativos. Despois, o tempo volverá a mellorar. Con esta situación, aínda poden aparecer novas manchas ata a vendima, pero xa sen incidencia sobre a maduración debido á frondosidade que en xeral teñen as nosas viñas. Despois da vendima, e en especial naquelas viñas onde quede un elevado nivel de inóculo por ter sufrido este ano un ataque forte na floración, continuará o avance da enfermidade na vexetación sempre que haxa condicións climatolóxicas favorables que, a día de hoxe, non se prevén a maioría dos días. Nestes casos, antes da caída da folla será conveniente un tratamento cúprico para garantir o bo agostado da madeira e limitar a incidencia da enfermidade na seguinte campaña.

Oídio

Na revisión desta semana só atopamos síntomas nun acio rebusco e nalgunhas follas das plantas testemuña sen tratamentos. En xeral, polo menos en albariño, non houbo unha grande incidencia deste fungo nas viñas.

Micelio de oidio en haz de variedad tintaOidio acio rebusco

 

Botrite e outras podres

En xeral, na revisión desta semana non atopamos novos síntomas máis que en acios previamente afectados de variedades sensibles e tamén nalgún acio, igualmente deste tipo de variedades, cos grans rachados polas choivas pasadas ou por oídio.

Avance de podre en acio sensible Acios de loureira en perfecto estado Acio de loureira con podre tras ataque oidio

No resto de situacións, o tempo seco favoreceu que o fungo non se instalase. Con todo, aínda antes da vendima poderán xurdir novos acios danados por botrite e/ou outras podremias secundarias, en especial si hai humidade, e por iso non hai que descoidar a vixilancia nin tampouco as labores culturais que favorezan a aireación a nivel dos acios. Por outra banda, no Rexistro de Produtos Fitosanitarios do Ministerio existen funxicidas sen prazo de seguridade ou con prazos de seguridade curtos ou moi curtos que aínda poden ser utilizados (mellor preventivamente) en caso de condicións favorables, pero lembren que é imprescindible respectar os prazos de seguridade que se reflicten na etiqueta dos produtos. 

Avelaíñas da uva (Lobesia botrana, Eupoecilia ambiguella)

Na viña onde atoparamos unha densidade maior de perforacións a semana anterior e onde polo tanto deramos un tratamento insecticida e engadido unha nova cápsula con feromona non observamos máis danos, aínda que si aumentou o número de machos na trampa. No resto dos predios non recollemos apenas individuos nas trampas nin detectamos danos nos acios. A situación pode ser diferente noutras viñas e polo tanto hai que continuar a vixilancia ata o momento da vendima debido á influencia que poden ter as perforacións das eirugas sobre as podres. En principio estimamos que non será preciso dar tratamento algún pola relativa proximidade da vendima. Porén, si nas revisións se atopan danos por riba do 3-5% de acios afectados nas variedades máis sensibles ou de 5-8% nas restantes será conveniente realizala elixindo insecticidas con curto prazo de seguridade, que en todo caso debe ser respectado.

Gran con perforacións eiruga Lobesia Cambio de cor en gran por penetración Lobesia

Cicadelidos

Ao longo desta campaña as capturas de mosquito verde nas trampas que temos instaladas nas viñas da nosa rede de seguimento habitual foron baixas, e do mesmo nos informaron outras persoas. Canto a Scaphoideus titanus, segue a ser recollido nas trampas e lembren que controlalo é unha das poucas formas de loita existentes para conter o avance da grave enfermidade de corentena que transmite, a flavescencia dourada.

Adulto de Scaphoideus titanus en trampa amarela S. titnus pode confundirse con outros e na imaxe so 1 dos 5 insectos resaltados o é

Outros

A calor destes días supuxo un estrés para as plantas e por iso se incrementou o número das que manifestan síntomas de alteracións de madeira. Tamén hai plantas, sobre todo pequenas, que nalgúns predios amosan claros síntomas de seca. Amais, as temperaturas máis elevadas e a luz solar intensa destas xornadas provocaron nestes días a aparición masiva de uvas con golpes de calor ou de sol que poden ser confundidos con botrite pero que na xeneralidade de casos non o é. Como dicimos, a detección desta sintomatoloxía é xeral, e do mesmo  nos informaron varios técnicos e viticultores. As uvas afectadas presentan unha cor semellante á que adquiren cando hai podres e o aspecto inicial parece o de ter sufrido un escaldado. Co tempo estas uvas iranse deshidratando. Nos acios rebuscos, aínda endurecidos a estas alturas da campaña, prodúcense primeiro lesións afundidas xa por deshidratación. En xeral, estes síntomas afectan á cara dos acios sobre a que incide directamente a luz solar, e as condicións de seca ou os esfollados excesivos e mal executados están tamén na orixe do fenómeno.

A parte alta destes acios moi exposta ao sol e por iso o síntomaGrans escaldados por solGolpe de sol en acio rebusco