INFORMACIÓN FITOSANITARIA 10 de febreiro de 2026
As condicións meteorolóxicas deste outono-inverno, especialmente desde novembro, están a ser húmidas e pouco frías (ver táboa de datos climatolóxicos do 1 outubro ao día de hoxe, 9 de febreiro), e por iso moitas intervencións agronómicas propias desta época como as podas, as correccións para mellorar as propiedades do solo ou as sementeiras temperás, ou non se puideron realizar ou non se fixeron en condicións óptimas. Esta situación fai presaxiar, a priori, unha primavera complicada a nivel fitosanitario debido a estas condicións tan propicias para certos patóxenos (e algunhas -menos- pragas de insectos).
Unha vez que cambie a climatoloxía, moitos solos, e en especial os que se atopan nas zonas inundables dos cursos de auga, non estarán preparados para a realización das labores agrícolas, non só pola limitación que supón o encharcado á entrada da maquinaria, senón tamén porque eles mesmos precisarán estar nunhas condicións físicas idóneas ("tempero").
Tras semanas e semanas de borrascas e temporais, é posible que ese cambio podería ocorrer na segunda quincena deste mes grazas a que o anticiclón das Azores parece que se vai situar por fin ao oeste-suroeste da península e con iso limitará a chegada constante dos sistemas de baixas presións.
Froiteiras de pebida
En xeral, este outono-inverno non se deron as condicións para aplicar tratamentos invernais de cobre debido á gran precipitación que se rexistrou. Con todo, cando o tempo cambie, en especial se a ausencia de choiva ven acompañada de temperaturas suaves, o zume ("savia") das plantas empezará a moverse e dará inicio a brotación. En ausencia das intervencións invernais, o estado de engrosamento das xemas é tamén un bo momento para realizar un tratamento con algún destes produtos cúpricos co fin de reducir a futura incidencia de certos patóxenos que afectan a estes cultivos todas as campañas. Este tratamento pode renovarse cando as xemas empezan a abrir (ou segundo as indicacións do funxicida que se use) para reforzar a acción fronte aos fungos. Incluso en variedades moi sensibles a enfermidades endémicas como o moteado podería realizarse un terceiro tratamento antes da floración.
Froiteiras de óso
Coma nas froiteiras de pebida, a climatoloxía tan húmida deste outono-inverno terá impedido na maioría dos casos aplicar tratamentos de cobre para reducir o inóculo de certas patoloxías endémicas (lepra, moniliose...) nestas árbores. Por este motivo, en canto se poida será conveniente aplicar polo menos un tratamento. No caso de que non se poida antes, un dos tratamentos chave da campaña para reducir a incidencia de lepra realizarase cando as xemas comecen a inchar, aproveitando para iso algún claro na climatoloxía. Ademais, se tras o ano anterior quedou na árbore froita momificada, é dicir, froitos endurecidos, pequenos e de cor negra, hai que eliminalos para que non haxa na primavera estas fontes de infección. Aparte desta medida, tamén convén eliminar as ramiñas secas e/ou con cancros ou calquera outro síntoma de patoloxía de madeira.
Kiwi
Probablemente este inverno tampouco se puidera realizar a poda dos kiwis en tempo seco, que é o claramente recomendable tanto neste cultivo coma en calquera outro. Por iso, as bacterioses terán continuado a colonización das plantas a través das feridas de poda, e sabemos que a coñecida como PSA (Pseudomonas syringae pv actinidiae) é agora mesmo a enfermidade máis preocupante destas plantas na nosa zona. É por isto que novamente hai que recomendar un tratamento cúprico en canto se poida, e ir renovándoo segundo as propiedades do produto elixido, sendo moi importante ter protexidas as plantas no momento da brotación. Ademais, antes de aplicar algún destes tratamentos é aconsellable tamén reducir ao mínimo as ramas que se aprecien secas ou mortas polo patóxeno.
Cítricos e aguacates
Estas especies son moi sensibles a Phytophthora spp. patóxenos propios de solos moi húmidos. Por iso, con este inverno no que hai auga acumulada a nivel das raíces e do colo das árbores, non será de estrañar que algúns pés sucumban aos seus ataques. É aconsellable polo tanto tentar de evitar que a auga líquida estea na contorna das árbores.
Por outra banda, cando se trate dunha especie patóxena que afecta aos froitos, como Phythophtora hibernalis, a froita afectada debe ser eliminada tanto da árbore coma do solo o máis frecuentemente posible.
Especies leñosas
Tamén as condicións dominantes desde outubro-novembro están a ser moi favorables a Armillaria mellea, fungo ben coñecido entre as persoas que cultivan viña e outras especies. Esta patoloxía produce a podremia branca das raíces e do colo de árbores e arbustos leñosos, e cando está presente soe aparecer, baixo unha cortiza que se desprende con facilidade, un feltro de micelio de cor branca e un característico cheiro a fungo. Para tentar de reducir a súa incidencia, aparte de arrincar, retirar e destruír os pés afectados, é conveniente proporcionar unha boa drenaxe ao terreo. Ademais, as aplicacións do fungo beneficioso Trichoderma spp. poden contribuír a limitar o seu avance.
Árbores urbanas (e en xeral)
Todos sabemos que o risco de rotura ou caída destes pés é evidente en episodios de temporais ou borrascas de alto impacto. Pero é menos coñecido que tamén cando deixa de chover tras un período longo de precipitacións, as árbores poden ter máis risco de colapsar non só porque o solo está saturado de auga e polo tanto hai menor ancoraxe entre o terreo e o sistema radicular, senón polo maior esforzo ao que están sometidas unhas raíces asfixiadas por falta de osíxeno debido á maior carga da madeira húmida (e das follas nas árbores perennes) nun solo "brando" que está a cambiar en parte as súas propiedades físicas. Polo tanto, teñan precaución, sobre todo se o cambio na climatoloxía é brusco (que a priori non o vai ser) e/ou se ven acompañado de ventos.



