INFORMACIÓN FITOSANITARIA 11 de Junio 2026

A información que aportamos nos nosos boletíns fitosanitarios baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutras que visitamos ao azar nos nosos percorridos e tamén nas informacións que nos aportan outras persoas, técnicas sobre todo pero tamén viticultoras, e son principalmente referidas á variedade albariño no caso da viña.

Por iso, e aínda que esta información pode ser unha representación da situación xeral, hai que revisar sempre cada predio, pois pode haber situacións diferentes polas condicións particulares e/ou pola/s variedade/s, e só avaliando o estado de cada leira e actuando segundo o observado poderemos lograr, entre todos, unha mellor xestión dos nosos cultivos

Viña

Estado fenolóxico: J – (K) Baggiolini; (71) – 73 – (75) BBCH

Temperaturas medias suaves esta semana, bastante sol e a consabida humidade relativa propia da nosa zona provocaron un novo avance notorio na fenoloxía das viñas de xeito que, aínda sen chegar á metade de xuño, xa os acios están a acadar o estado de grans tamaño chícharo. Nas mesmas datas da campaña anterior os acios estaban tamén chegando a este estado, aínda que cuns días (unha semana de media) de retraso fronte a este ano.

20260609acio_coa_uva_en_tamano_chicharo

Iso si, aínda se atopan acios, e incluso grans dentro do mesmo acio, menos desenvolvidos, situación que tamén ven sendo frecuente na nosa zona. E, aínda que é certo que hai moitos acios, tamén o é que algúns teñen poucos grans malia que, en xeral, a floración se produciu en condicións de tempo estable.

irregularidade_no_tamano_da_uva_no_mesmo_acio_pero_grans_moi_desenvolvidos alguns_acios_tenen_poucos_grans_esta_campana

Mildio

Entre finais da semana anterior e a fin de semana houbo algún día con precipitación nalgunhas zonas da provincia, pero en realidade tampouco foi significativa: non máis de 5 l/m2 de acumulado, estando a cifra máis frecuente entre 2 e 3 l/m2. Despois dese momento, aínda que houbo polas noites algunhas horas de humidade foliar, as temperaturas nocturnas foron frescas (inferiores a 10ºC de media), e cando fai dúas noites comezaron a subir lixeiramente, os ventos moderados do norte impediron que houbera orballo na vexetación. Deste xeito, e considerando a protección que se fixera previamente, esta semana temos que volver cualificar a situación das viñas respecto a este patóxeno como de sa, sen enfermidade en termos xerais, incluso en predios onde o desenvolvemento da vexetación das propias plantas dificulta a chegada dos funxicidas ás partes máis distais das mesmas.

20260610vista_parcial_de_vide_sa_malia_ter_exceso_de_vexetacion

Os síntomas novos que atopamos se limitaron ás plantas testemuña, e sen ir máis lonxe xa o luns día 8 localizamos síntomas abundantes moi recentes en varias plantas sen tratamento da viña de Areeiro, pero tampouco son todas as vides da nosa parcela as que os presentan.

20260608varias_manchas_novas_en_planta_testemuna_areeiro 20260608frutificacion_de_mildio_en_acio_planta_testemuna 20260608acio_con_mildio_novo_planta_testemuna_e_danos_anteriores

Incluso o número de esporanxios recollido no captador situado entre estas plantas é reducido, estando a cifra máxima por debaixo de 25/m3 de aire, e iso malia que é unha viña rodeada de árbores frondosas que a manteñen húmida durante horas.

Canto aos predios das diferentes comarcas sometidos a tratamentos, nos que nalgún momento tiveron danos polo patóxeno, os síntomas estaban aparentemente controlados. E é que tamén no captador que temos instalado nunha das nosas parcelas de seguimento habitual, en todo o que levamos de mes e ata que dispoñemos de datos, se recolleron poucos esporanxios, non chegando o valor máximo aos 18/m3.

No momento da redacción deste Boletín (mañá do xoves 11), as diferentes previsións meteorolóxicas consultadas predín temperaturas moi elevadas a curto prazo, con temperaturas máximas por riba dos 30 ºC, noites tropicais (por riba dos 20 ºC) ou case tropicais e sen os ventos do norte destes últimos días. Pero estas temperaturas tan elevadas darán paso a unha actividade tormentosa que nos vai afectar de xeito irregular segundo as zonas, como é propio dos episodios de treboada, e que pode descargar choivas desde o propio sábado. Xa para a semana seguinte as condicións se estabilizarán, en principio. Deste xeito, a nosa recomendación será actuar en función de se afectan ou no as tormentas a cada zona e do prazo de tempo durante o que se manteñan en cada lugar as temperaturas por riba de 30 ºC: se estas temperaturas son ben superiores e duran máis de 6 horas, desvitalizarán os esporanxios e de non producirse tormentas, simplemente haberá que manter a vixilancia, en especial se está próximo a finalizar a protección do tratamento precedente; nas zonas onde descargue, e tamén considerando a contía da precipitación e a data da última intervención realizada, intensificar a vixilancia por se fora necesario renovar o tratamento, sobre todo se non se acadaron previamente rexistros de temperatura maiores de 30ºC.

Oídio

A uva está entrando nun estado de máxima sensibilidade ás infeccións deste fungo, e tamén as condicións temperaturas tan elevadas que se prevén a curto prazo non limitan o seu desenvolvemento aos mesmos niveis que no caso do mildio: tería que haber durante horas temperaturas superiores aos 35º para empezar a frealo e por riba dos 40 para desvitalizalo. Polo tanto, este é o patóxeno cuxa evolución é máis preocupante a curto prazo, e por iso a vixilancia debe ser moi estrita, como tamén deben ser realizadas as prácticas culturais que favorezan a aireación dos acios. De feito, nós aínda non atopamos síntomas en acio pero un técnico si nos informou esta semana da súa detección nun acio dunha viña moi pouco ventilada e moi sombreada.

sintomas_oidio_en_acio_albarino_imax_cedida_polo_autor

En resumo, a nosa recomendación, que tamén se deriva dos modelos de previsión que manexamos, é a máxima atención á potencial aparición de síntomas por se fora necesario tratar fronte este patóxeno.

Black rot

Os síntomas desta enfermidade seguen a ser esporádicos, aínda que están a aparecer en diferentes comarcas, sempre en folla. O risco neste momento pódese cualificar de feble a moderado.

20260608mancha_de_black_rot_e_de_mildio_moi_incipientes_en_planta_testemuna_areeiro

Avelaíñas do acio

Esta semana xa tivemos as primeiras capturas de machos de Lobesia botrana da segunda xeración, pero en números baixos, entre 3 e 7 por trampa, e só en parcelas do sur da provincia, é dicir de Condado e Rosal. Canto á actividade das eirugas só atopamos un resto de glomérulo nunha viña.

dous_dos_machos_de_lobesia_recollidos_nunha_trampa

Scaphoideus titanus, vector da flavescencia dourada

Á vista das mostras con ninfas de Scaphoideus titanus, todas procedentes da comarca do Condado, que recibimos esta semana no laboratorio, o estado dominante das poboacións do transmisor da flavescencia dourada neste momento é N2. Lembren que as primeiras ninfas se detectaron hai dúas semanas e que polo de agora non é preciso tratar pero en breve avisaremos da data do primeiro tratamento, sempre en coordinación coa consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia.

ninfa_n2_de_scaphoideus

Ademais, esta semana queremos solicitar a todas as persoas (traballadoras directas de campo, técnicas, comercializadoras...) que se despracen entre as comarcas onde está presente o vector e outras diferentes, da IMPORTANCIA DE GARDAR TODAS AS PRECAUCIÓNS POSIBLES PARA EVITAR LEVAR ACCIDENTALMENTE NINFAS OU, CANDO EVOLUCIONEN, ADULTOS, A ZONAS ONDE NON ESTÁ DETECTADO: non hai que esquecer que o que transmite é unha enfermidade moi grave de corentena e hai que evitar por todos os medios a súa dispersión a outros lugares.

Outras incidencias

Coas temperaturas altas que se prevén a curto prazo, plantas afectadas por enfermidades de madeira ou do sistema radicular poderán agravar os seus síntomas ou ben sucumbir aos seus ataques, e de feito nós xa observamos algunha planta morta que a semana pasada apenas amosaba síntomas.

planta_que_morreu_esta_semana_por_enfermidade_sistema_radicular

MACEIRA

Cydia pomonella

Esta semana aínda se reduciu máis a cifra de machos recollidos na nosa trampa de Areeiro, pois so capturamos 2. Na outra trampa que temos non capturamos ningún.

20260527primeiro_macho_de_cydia_pomonella_nunha_trampa_do_rosal

Buxo

Bolboreta do buxo, Cydalima perspectalis

Esta semana non só recollemos os primeiros dous adultos nas trampas instaladas en Areeiro senón que vimos tamén as primeiras postas nos buxos. Por este motivo hai que incrementar a vixilancia, pois pronto empezará o nacemento das primeiras eirugas.