INFORMACIÓN FITOSANITARIA 4 de Junio de 2026

A información que aportamos nos nosos boletíns fitosanitarios baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutras que visitamos ao azar nos nosos percorridos e tamén nas informacións que nos aportan outras persoas, técnicas sobre todo pero tamén viticultoras, e son principalmente referidas á variedade albariño no caso da viña.

Por iso, e aínda que esta información pode ser unha representación da situación xeral, hai que revisar sempre cada predio, pois pode haber situacións diferentes polas condicións particulares e/ou pola/s variedade/s, e só avaliando o estado de cada leira e actuando segundo o observado poderemos lograr, entre todos, unha mellor xestión dos nosos cultivos

Viña

Estado fenolóxico: (I2)-J Baggiolini; (68) – 71 a 73 BBCH

En xeral, a semana transcorrida desde o boletín anterior repetiu o patrón típico desta e doutras primaveras: climatoloxía variable, con temperaturas máximas e mínimas ben altas nas primeiras xornadas, máis suaves despois e alternancia de días máis ou menos solleiros con outros de néboas densas e/ou precipitacións. Aínda considerando estas últimas condicións, máis propias da época do ano, as da semana anterior e tamén dunhas semanas atrás foron moi calorosas, con temperaturas máximas por riba dos 30 ºC, mínimas na contorna dos 20º e moita insolación, e probablemente sexan en parte a causa de que xa na revisión actual ás viñas miraramos cepas dalgunha variedade tinta iniciando o cambio de cor das follas, o que non soe suceder tan cedo.

20260602cambio_de_cor_follas_en_caino_tinto

 

A nivel de fenoloxía, as vides seguen a amosar certa heteroxeneidade no desenvolvemento dos acios, non só entre predios senón tamén no mesmo predio entre plantas ou dentro incluso da mesma planta. Así, en albariño aínda hai acios con partes en floración, outros cos restos da flor aínda sen desprenderse e outros cos grans xa en tamaño perdigón.

20260601acio_con_diferentes_estados_de_evolucion_do_froito 20260602acio_cos_restos_da_flor_non_desprendidos 20260602acio_cos_grans_en_tamano_perdigon

Mildio

Esta semana tivemos que facer as nosas visitas ás viñas entre o luns e o martes, e polo tanto aínda sen iniciarse os días de precipitación lixeira que estaban previstos, segundo previsións consultadas, desde o propio martes á noite. Ao ver que había probabilidades elevadas de choiva, xa moitas persoas renovaron os seus tratamentos con anterioridade, e de feito o propio luns atopamos moitos atomizadores nos nosos percorridos polo Salnés. Con estas aplicacións, as anteriormente realizadas e o feito de que esta campaña o patóxeno non está a amosar, de momento, moita agresividade, a situación máis xeral que atopamos nas diferentes comarcas foi moi favorable, sen novos síntomas en acios, con control total da frutificación nos anteriormente atacados (algún xa totalmente seco) e só con manchas abundantes e danos significativos en viñas abandonadas de variedades diversas.

20260601frutificacion_ausente_en_acio_con_ataque_anterior_de_mildio 20260602elevada_presenza_de_mildio_en_planta_de_borde_de_via_en_condado 20260602mancha_nova_en_planta_abandonada_dun_noiro

A boa eficacia dos tratamentos executados e a baixa agresividade (de momento) do patóxeno se apoia tamén en que nesta temporada está a haber repetidamente condicións moi favorables á esporulación (frutificación) e/ou ás infeccións secundarias e aínda así non é elevado o número de esporanxios recollidos no captador de situado entre as filas testemuña da nosa viña de Areeiro. De feito, desde o boletín anterior só foi bastante alta a cifra recollida o día 28, con 150,12/m3, que foi a culminación da tendencia á alza iniciada o día 24 de maio. No de Sanxenxo, do que só dispoñemos de datos de xornadas completas ata o 31 de maio, o número máximo capturado nun día foi 25,92 esporanxios/m3 de aire.

Para os próximos días, as predicións dos diferentes modelos meteorolóxicos que consultamos volven non ser coincidentes na súa totalidade, pero si apuntan á probabilidade de certa precipitación entre hoxe xoves e sábado e á recuperación progresiva da influencia anticiclónica e novo aumento claro de temperaturas cara metade ou finais da semana próxima, con ventos maioritariamente do norte, polo tanto secos. Con estas previsións, e co subseguinte risco baixo que se desprende desta predición e que loxicamente anuncian a maioría dos modelos de previsión de enfermidades que manexamos, a nosa recomendación para estes días será simplemente manter a vixilancia dos viñedos, sobre todo daqueles que conforme avancen os días vaian quedando fóra da protección teórica do funxicida empregado na aplicación precedente. Nestes casos, a detección de manchas novas illadas non debe tampouco importar en exceso a curto prazo, en especial se é certo que se hai ventos secos e se estes síntomas afectan simplemente a partes altas pouco accesibles aos produtos pola elevada densidade de vexetación.

mancha_moi_incipiente_sen_apenas_frutificacion 20260601mancha_en_zona_alta_de_pampo_en_vina_frondosa

Oídio

Nas revisións desta semana non observamos síntomas, nin sequera nas plantas testemuña sen tratamentos ou nas abandonadas que imos mirando nos nosos percorridos (non fomos a aquela onde os topamos a semana pasada). Porén, sabemos que o oídio está causado por un fungo que pode desenvolverse nunha ampla gama de temperaturas (aínda que con afinidade sobre as bastante altas, no rango dos 25-28ºC) e humidades relativas, sabemos tamén que as néboas e os filtrados de luz o favorecen e que ata o peche do acio os grans son sensibles. Por todos estes motivos hai que intensificar a vixilancia e tamén ir procurando, como xa comentamos no boletín anterior, reducir a frondosidade das viñas máis vigorosas para facilitar a aireación e polo tanto reducir a humidade relativa a nivel dos acios.

detalle_de_folla_co_micelio_de_oidio 20260602planta_cos_acios_ben_aireados_pero_protexidos_do_exceso_de_sol

Botrite

Co tempo máis seco que se prevé polos ventos do norte e as temperaturas elevadas que os van acompañar non se espera a aparición de novos síntomas, tampouco nos acios xa secos por mildio no pasado.

20260601tampouco_se_espera_podre_neste_tipo_de_acios

Black rot

Cos tratamentos con produtos especificamente autorizados para o control desta enfermidade ou cos antimildio/antioídio con efectos fronte a este outro patóxeno parece que se van contendo ben as infeccións, pero en viñas con historial de danos polo fungo hai que manter a vixilancia aínda que mellore a climatoloxía e haxa ventos secos, pois problemas futuros poden vir de infeccións mal controladas.

Scaphoideus titanus, vector da flavescencia dourada

Tras a detección das primeiras ninfas a semana anterior, estes días confirmamos a aparición dalgunhas máis  dentro do Plan para a erradicación e control da flavescencia dourada establecido pola Xunta de Galicia. E dase a circunstancia de que dentro dese programa atopouse xa una muda (exuvio) de N1 a N2.

ninfa_de_primeiro_estado_de_scaphoideus_titanus exuvio_muda_de_ninfa_de_primeiro_estado_de_scaphoideus_titanus

Como xa informamos a semana anterior, de momento non hai que comezar os tratamentos preceptivos (avisaremos, en coordinación con Sanidade Vexetal, cando sexa preciso) senón que é aínda máis importante que antes arrincar as plantas enfermas que estean infectadas e que aínda non foran eliminadas. Tamén é conveniente eliminar todas aquelas vides que se teñan abandonadas, pois poden albergar ao patóxeno aínda que non presenten síntomas.

Outras incidencias

Observamos que nas comarcas do sur da provincia empeza a haber brotes con síntomas novos de erinose e tamén plantas que están a manifestar síntomas de enfermidades da madeira. De darse finalmente a subida de temperaturas que se anuncia para finais da semana próxima ou inicios da seguinte probablemente aparezan máis.

20260602novos_sintomas_de_erinose_en_folla_predio_condado 20260602novos_sintomas_erinose_en_follas_terminais_predio_rosal 20260601sintoma_de_enfermidade_madeira

Maceira

Cydia pomonella

Na trampa de Areeiro seguimos a ter capturas de Cydia pomonella por riba do limiar de tratamento, pero como efectivamente aventuraramos no boletín anterior, se realizaramos tratamentos terían que posicionarse esta semana ou a principios da próxima, pois pasamos de 26 a 7 machos recollidos, e é agora cando están a nacer as eirugas procedentes do pico de poboación pero aínda non estarán dentro dos froitos. Canto á trampa dunha das nosas parcelas de seguimento do Rosal esta semana non tivemos capturas.

20260527primeiro_macho_de_cydia_pomonella_nunha_trampa_do_rosal

Castiñeiro

Tortrícido precoz do castiñeiro (Pammene fasciana)

Seguimos recollendo adultos na trampa que temos instalada en Areeiro. É importante que cada persoa instale trampas nos seus soutos/plantacións para comprobar o estado das poboacións en cada caso concreto.

Macho de Pammene fasciana en trampa

Buxo

Cydalima perspectalis

Nas trampas instaladas en Areeiro continuamos sen capturas de machos da bolboreta do buxo. Ademais, polo de agora todas as sebes que miramos teñen bo aspecto, sen signos da alimentación.