INFORMACIÓN FITOSANITARIA 16 de abril

VIÑA

Na información fitosanitaria anterior referiamos que non observaramos un crecemento significativo dos gromos da viña pero na revisión desta semana (realizada entre os días 14 e 15) si apreciamos un bo incremento, non só na lonxitude dos pampos senón tamén na envergadura das follas, de feito que parras ou espalleres que na visita anterior estaban practicamente núas, agora aparecían cunha boa cobertura, tanto en albariño coma noutras variedades.

Boa lonxitude pampo e superficie foliar

Loxicamente, esta foi a situación que observamos con máis frecuencia pero tamén había predios máis atrasados, tanto no referido á lonxitude do pampo e á superficie das follas coma ao estado fenolóxico, que nesta semana, e xa referenciado a albariño, está de media entre acios visibles e separados (F-G de Baggiolini; 53-55 da codificación BBCH).

Nalgun predio viña pouco desenvolvida

Mildio

A nivel climatolóxico, os pasados días 8, 9 e 10, e en especial estes dous últimos, déronse condicións de temperatura máxima e humidade relativa típicas do verán: arredor de 30ºC as temperaturas máximas e por debaixo de 60% a media da humidade. Os dous días seguintes, a borrasca Olivier trouxo consigo un novo  episodio de precipitacións, co que a humidade relativa se elevou ata 30 puntos porcentuais fronte á de días anteriores, pero que tamén veu acompañada dunha subida das temperaturas mínimas ata valores mesmo por riba de 15ºC debido ao aire cálido do sur. Tras  Olivier chegou a fronte fría asociada a unha borrasca atlántica que estamos a ter, e que está a deixar temperaturas máximas por baixo dos 20ºC e mínimas de arredor de 7ºC.

Canto aos esporanxios recollidos no captador que temos na comarca do Salnés, a súa cifra total incrementouse sensiblemente destacando, como se pode ver na gráfica, os 92 contabilizados o día 11, coincidindo co incremento da humidade relativa e con temperaturas mínimas altas pola chegada desde o sur da borrasca Olivier. O mesmo día 11 foi cando tamén se capturou a cifra máis elevada no captador de Areeiro, aínda que menor ca do Salnés.

Malia cifra de propágulos do patóxeno e as predicións dalgúns modelos matemáticos que xa indican que finalizou o período de incubación da primeira infección primaria, en ningunha das nosas parcelas de seguimento ou nas outras nas que nos detemos nos nosos percorridos atopamos a primeira mancha de aceite. Tampouco ata o momento da redacción desta información fitosanitaria (tarde do martes 15) temos coñecemento de que aparecera xa noutros viñedos. Con todo, a curto prazo é de esperar que apareza a mancha, aínda que ben é certo que este período pode alargarse coas baixas temperaturas. Precisamente canto á meteoroloxía, e segundo a totalidade de previsións a medio prazo consultadas neste momento, anúnciase a continuidade dos chuvascos, aínda que tamén das temperaturas inferiores ao normal, ata polo menos finais da semana próxima pero salvo a tarde de mañá mércores día 16, cando moitas persoas aproveitarán sen dúbida para aplicar un tratamento. A vixilancia en todo caso ten que ser alta, e moi alta si se espera a intervir a cando apareza a primeira mancha ou se finalmente a tarde do mércores non mellora a climatoloxía, en cuxo caso deberá realizarse unha intervención máis adiante nos posibles momentos de claros que haxa entre chuvascos. Non esquezamos que xa a fenoloxía é sensible pola presenza de inflorescencias e polo tanto dos órganos que van dar lugar á futura produción.

Dentro de cada parcela concreta deben vixiarse especialmente as zonas onde o mildio causa maiores problemas habitualmente, pois nesas zonas é máis probable que se concentren as primeiras infeccións

Outros parasitos da viña

De momento continúa sen haber nada destacable, tanto a nivel de patóxenos coma de artrópodos. Destes últimos podemos mencionar que esta semana vimos varias plantas con síntomas de erinose.

Planta con síntomas de erinose

Outras incidencias na viña

As rachas de vento que se produciron entre luns e martes así como a sarabia que caeu puntualmente nalgunhas zonas, puideron provocar feridas que convén cicatrizar. Por isto, nos posibles tratamentos antimildio que realicen elixan un funxicida que conteña folpet.

Xa o luns 14 aparecían algúns gromos rotos

PLANTAS DE HORTA

Mildio e outros patóxenos

A humidade tan elevada que estamos a ter non só a nivel do aire senón tamén do solo, favorece a propagación de patóxenos en xeral. A existencia de períodos de sol intercalados entre os chuvascos pode provocar evaporación de auga no solo, o que incrementa o risco de que aparezan síntomas nunhas plantas que están moi preto do terreo como son as hortícolas. Por este motivo aconséllase vixiar os cultivos e realizar un tratamento cando se poida para protexer estas plantas, xa que a priori van seguir entrando borrascas que traerán chuvascos.

Posible evaporación auga solo pode traer mildio