INFORMACIÓN FITOSANITARIA 10 de abril
VIÑA
Desde a publicación da información fitosanitaria anterior (xoves día 3), a nivel da climatoloxía rexistrouse o episodio de precipitación/humidade relativa moi elevada que se deu entre a fin de semana e os primeiros días desta, de diferente contía segundo as comarcas, e o tempo seco que hai desde entón. Canto ás temperaturas, mínimas e máximas foron bastante ou moi altas, incluso impropias da época do ano, co subseguinte descenso nos niveis de humidade relativa e de horas de humidade foliar. Mailas temperaturas altas e a humidade (esta dos primeiros días), o crecemento dos gromos da viña, segundo as nosas observacións, non sufriu unha variación significativa, e do mesmo nos informaron algúns colaboradores. A nivel de fenoloxía, só nalgunhas vides máis adiantadas de moitas parcelas comprobamos que o estado estaba a avanzar a acios separados (Baggiolini: G; BBCH: 55), aínda que case todas permanecían en acios visibles (Baggiolini: F; BBCH: 53), quedando aínda plantas nas que só se está a incrementar o número de follas abertas.
Mildio
Durante algúns dos últimos días houbo condicións favorables á enfermidade, e se incrementou o número de esporanxios recollidos na parcela de Sanxenxo e tamén na de Areeiro.
Por outra banda, segundo as indicacións dun modelo matemático de previsión de mildio que manexamos como ferramenta de axuda á toma de decisións, a incubación da infección primaria tanto no Salnés como en Pontevedra está arredor do 65-70% (en teoría a mancha aparecería na contorna do 100%).
Nas revisións desta semana ás parcelas da nosa rede e a outras que fomos mirar tamén, non observamos os primeiros síntomas da enfermidade, nin tampouco ata este momento nos informaron de que teñan aparecido noutras fincas.
De cara aos próximos días xa saberán que imos ter unha climatoloxía inestable, con chuvascos que alternarán con períodos de sol. As temperaturas máximas está previsto que baixen en todos os prognósticos consultados, pero, aínda que as mínimas tamén o farán, non hai coincidencia canto ás datas nas que se producirá o descenso, e algúns apuntan aínda temperaturas nocturnas relativamente altas a curto prazo.
Coa situación descrita, e considerando que xa sabemos de varios predios que foron tratados preventivamente en días pasados, ou que o están a facer neste momento, a nosa recomendación volta a diferir segundo se realicen seguimentos específicos na viña ou non: caso de facelos, incrementar as revisións periódicas fixándose moi ben en todas as follas ben desenvolvidas por si aparece a primeira mancha; de non realizar seguimentos, intervir cun funxicida sistémico unido a un contacto antes do inicio das precipitacións, en especial se nas viñas a maioría dos gromos teñen follas de máis de 4-5 cm de diámetro.
Dentro de cada parcela concreta deben vixiarse especialmente as zonas onde o mildio causa maiores problemas habitualmente, pois nesas zonas é máis probable que se concentren as primeiras infeccións
Outros parasitos da viña
Do mesmo xeito que a semana anterior, non observamos ningunha outra incidencia destacable; só os caracois seguen a ser excesivamente abundantes nalgúns predios.
- Non descoiden nunca as labores de roza da vexetación do solo, necesarias en todo momento pero máis en períodos nos que a climatoloxía favorece o seu rápido crecemento.
- Tamén é moi aconsellable eliminar na súa totalidade as plantas mortas para evitar que os gromos tenros en crecemento ou a madeira das cepas vivas poidan ser infectados polos parasitos que se desenvolven nelas, que están a saír ou o farán de aquí en adiante do seu período de inactividade invernal. Esta actuación é especialmente necesaria, máis ben imprescindible, nas zonas de Galicia afectadas pola flavescencia dourada, pois as plantas enfermas teñen que estar obrigatoriamente destruídas antes de que comece a emerxencia das ninfas do seu insecto vector, Scaphoideus titanus, máis entrada a primavera.
MACEIRA
Moteado
Nas plantas que nós revisamos non observamos aínda os primeiros síntomas, pero coas condicións meteorolóxicas previstas haberá que incrementar a vixilancia, en especial nas variedades máis sensibles.