INFORMACIÓN FITOSANITARIA 29 de maio de 2026

A información que aportamos nos nosos boletíns fitosanitarios baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutras que visitamos ao azar nos nosos percorridos e tamén nas informacións que nos aportan outras persoas, técnicas sobre todo pero tamén viticultoras, e son principalmente referidas á variedade albariño no caso da viña.

Por iso, e aínda que esta información pode ser unha representación da situación xeral, hai que revisar sempre cada predio, pois pode haber situacións diferentes polas condicións particulares e/ou pola/s variedade/s, e só avaliando o estado de cada leira e actuando segundo o observado poderemos lograr, entre todos, unha mellor xestión dos nosos cultivos

Viña

Estado fenolóxico: (I2)-J Baggiolini; (67) – 68 a 71 BBCH

As condicións meteorolóxicas desta semana favoreceron o avance na fenoloxía xeral e sobre todo o crecemento vexetativo das plantas que, fronte á semana anterior, tiveron un desenvolvemento significativo. Mesmo este crecemento é de tal magnitude nalgúns casos que prexudicará sen dúbida a boa execución das potenciais aplicacións fitosanitarias, pois o produto terá dificultades para acadar as zonas altas no caso das viñas conducidas en parra.

Mildio

A nivel climatolóxico, se temos que caracterizar a semana transcorrida desde a publicación do boletín anterior, habería que dicir que foi moi calorosa, con temperaturas propias do verán que, nas máximas, chegaron a alcanzar os 30 ºC e incluso superalos amplamente como foron os case 35º que se deron onte mércores 27 ás 14:30 na estación Meder de Meteogalicia. Tamén as mínimas foron elevadas, superando nalgúns casos os 20º e sendo en xeral superiores a 13ºC. Ademais, aínda que nas horas centrais do día houbo momentos con humidades relativas baixas, a sensación xeral foi de bochorno, e de feito tamén houbo días con máis de 4 horas de humidade foliar por orballos nocturnos ou tormentas máis ou menos localizadas.

Con estas condicións, se nas horas centrais da xornada o patóxeno podería perder vitalidade ao darse temperaturas na contorna de 30ºC e humidades relativas baixas, os rexistros de temperatura e humidade nocturnos explican o observado nas plantas testemuña sen tratamentos e nas abandonadas, onde atopamos manchas novas con frutificación independentemente da variedade.

Manchas novas en planta testemuña Manchas novas en planta abandonada

Tamén os mencionados rexistros de temperatura e humidade explicarían o importante e progresivo aumento no número de esporanxios recollidos no captador situado entre filas testemuña na nosa viña de Areeiro, que pasou de valores por debaixo de 5 esporanxios/m3 a finais da semana anterior a superar os 100 no día de onte. Do captador de Sanxenxo non dispoñemos de datos tan actualizados pero si podemos dicir que o número é sensiblemente inferior, pois a cifra máxima diaria recollida esta semana foi 33 esporanxios/m3.

Exporanxios Areeiro Exporanxios Sanxenxo

Canto á situación observada nas viñas das diferentes comarcas, en xeral están en moi bo estado, con ausencia total de síntomas ou coas manchas antigas ben controladas e, nos predios con restos de infeccións nos acios, sen nova frutificación nos anteriormente afectados.

20260527_Envés de mancha ben controlada 20260526_Acios afectados ben controlados

No momento da redacción deste Boletín (maña do xoves 28), non hai coincidencia total entre as diferentes previsións meteorolóxicas consultadas, aínda que a curto prazo anuncian un tempo semellante ao destes días canto a estado do ceo, temperaturas mínimas e posibilidade de tormentas, pero con temperaturas máximas lixeiramente máis suaves en xeral. Ademais, cara inicio da semana próxima algunhas prevén certa precipitación e baixada dos rexistros termométricos. Pola súa banda, tampouco os modelos de risco de enfermidades que manexamos nós coinciden entre eles. Con esta incerteza, a nosa recomendación non pode ser outra que continuar de momento coa vixilancia continua das viñas e da evolución da meteoroloxía, tendo que ser máis estritos nos predios onde non se logrou controlar ben algunha infección anterior, onde a protección da aplicación precedente poida estar próxima a finalizar, e tamén naqueles lugares onde poida haber tormentas.

Coa climatoloxía deste ano é imprescindible, como vimos dicindo desde hai semanas, o control das cubertas vexetais que acompañan ás vides pois, se ben é certo que moitas foron rozadas, seguimos a ver situacións incompatibles coa sanidade das vides, incluso onde as plantas aínda son novas.

Predio recentemente rozado Planta nova de vide totalmente invadida de vexetación

Ademais, nos viñedos con maior frondosidade das propias plantas de vide e onde xa estea a floración totalmente superada, hai que pensar en ir controlando pouco a pouco ese exceso de vexetación e ir xa eliminando tamén os netos e os brotes chupóns en xeral. Isto non só para favorecer a penetración dos caldos fitosanitarios, que ademais a partir de agora xa é máis frecuente que se preparen con produtos penetrantes ou de fixación ás ceras cuticulares, senón tamén para que os acios estean máis aireados e lles chegue a necesaria enerxía do sol.

O enleado en viñas frondosas dificulta penetración dos tratamentos Acios ben aireados son máis sas

Oidio

Nas nosas revisións semanais ás viñas, aquelas que non forman parte da nosa rede habitual pero onde nos imos detendo, son de albariño e tamén doutras variedades. Pois ben, nun destes predios (de variedade tinta) vimos unhas plantas cunhas follas co micelio deste fungo, pero os acios non estaban afectados. En albariño e noutras variedades non observamos síntomas, nin nas plantas que non teñen tratamentos, malia que as condicións meteorolóxicas que estamos a ter (luz difusa por néboas e/ou nubes) e a fenoloxía da viña poderían facer que aparecesen. Ademais, os modelos que manexamos indican risco alto para esta enfermidade. Con estes datos recomendamos incrementar a vixilancia por se potencialmente houbera que tratar para evitar infeccións, que en caso de instalarse nas plantas son tremendamente difíciles de controlar.

Planta con oídio Detalle de folla co micelio de oídio

Black rot

A pesar da calor e humidade que hai nalgúns momentos do día, nos nosos seguimentos tampouco esta semana vimos síntomas novos, máis alá das manchas, de momento espalladas, que observamos nalgunhas follas e só nalgúns predios.

Con todo, como as previsións seguen a anunciar bastante temperatura e tamén humidade alta (en especial no caso de tronadas), seguimos aconsellando incrementar a vixilancia, sobre todo nos predios/variedades onde historicamente hai danos.

Avelaíñas do acio

Ningunha das trampas que temos instaladas nas nosas parcelas de seguimento recolleu macho algún de Lobesia botrana ou de Eupoecilia ambiguella. Canto ao número de glomérulos atopado nas mostraxes de acios alo azar que realizamos, esta semana seguimos observando algún que outro esporádico, e en todos os casos eran de Lobesia botrana.

20260526_Un dos glomérulos atopados Parte anterior de eiruga de Lobesia

Scaphoideus titanus, vector da flavescencia dourada

Segundo nos informaron desde o Servizo de Sanidade Vexetal da Xunta de Galicia, o luns día 25 atoparon a primeira ninfa deste insecto nunha viña da comarca do Condado que xa tivera poboacións a campaña anterior, e tamén atoparon outra dous días despois. Pola nosa parte, nas mostraxes que facemos nós vimos unha ninfa nun predio do Rosal e outra tamén nunha viña do Condado. Con estes datos podemos dicir que está a comezar a actividade deste insecto, ademais nas mesmas datas que na campaña anterior.

Ninfa de Scaphoideus titanus

A detección destas ninfas de primeiro estado non implica en absoluto que haxa que comezar xa os tratamentos preceptivos para evitar que continúe estendéndose a enfermidade corentenaria que transmite (avisaremos, en coordinación con Sanidade Vexetal, cando sexa preciso) senón que é aínda máis importante que antes arrincar as plantas enfermas que estean infectadas e que aínda non foran eliminadas. Tamén é conveniente eliminar todas aquelas vides que se teñan abandonadas, pois poden albergar ao patóxeno aínda que non presenten síntomas.

Maceira

Situación xeral observada

O número de capturas de Cydia pomonella na nosa trampa de Areeiro foi esta semana máis elevado que nunca: 26 machos, o que nos fai pensar que, se foramos realizar algunha intervención (que non faremos para ter a curva de voo naturalmente), posiblemente teriamos que efectuala a semana próxima. Tamén recollemos o primeiro na trampa colocada nunhas maceiras que hai nunha das nosas parcelas de seguimento do Rosal.

20260527_Primeiro macho de Cydia pomonella nunha trampa do Rosal

Nestas maceiras observamos tamén as primeiras perforacións das eirugas, e ademais os primeiros síntomas de moteado nunha folla. Porén, como sempre dicimos, a nosa rede de seguimento de maceiras non é tan ampla como a de viña e a situación pode ser distinta en caso de ter variedades máis sensibles.

20260527_Penetración da eiruga de C. pomonella

Castiñeiro

Tortrícido precoz do castiñeiro (Pammene fasciana)

Na trampa que temos instalada en Areeiro estamos a recoller os primeiros adultos desta especie cuxo ataque pode provocar a caída prematura dos ourizos, e reducir así a colleita no seu momento. É importante que cada persoa instale trampas nos seus soutos/plantacións para comprobar o estado das poboacións en cada caso concreto.

Macho de Pammene fasciana en trampa

Buxo

Situación xeral

Continuamos sen capturas de machos de Cydalima perspectalis, a bolboreta do buxo, nas trampas que temos instaladas, e tamén as plantas continúan a ter brotes con bo aspecto.