INFORMACIÓN FITOSANITARIA 22 de Maio de 2026
A información que aportamos nos nosos boletíns fitosanitarios baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutras que visitamos ao azar nos nosos percorridos e tamén nas informacións que nos aportan outras persoas, técnicas sobre todo pero tamén viticultoras, e son principalmente referidas á variedade albariño no caso da viña. Por iso, e aínda que esta información pode ser unha representación da situación xeral, hai que revisar sempre cada predio, pois pode haber situacións diferentes polas condicións particulares e/ou pola/s variedade/s, e só avaliando o estado de cada leira e actuando segundo o observado poderemos lograr, entre todos, unha mellor xestión dos nosos cultivos
Viña
As temperaturas relativamente frescas desta semana non parece que retrasaran especialmente a fenoloxía das plantas e deste xeito, podemos dicir que o albariño está en plena floración. Ben é certo que continúa a haber certa heteroxeneidade entre predios e mesmo dentro do mesmo predio, pero coa entrada de aire sahariano que xa empeza a manifestarse, o máis probable é que se iguale en poucos días. Ademais, o tempo maioritariamente seco non só favorecerá unha adecuada floración e formación do froito senón que fará que os restos das flores se desprendan sen problemas e tamén favorecerá a actividade dos insectos beneficiosos, tan necesarios nos cultivos.
Mildio
Como xa comentamos no apartado anterior, as temperaturas da semana transcorrida desde o boletín anterior foron frescas en xeral, e esta circunstancia axudou a que, malia que tamén houbo humidade foliar nocturna e diúrna todos os días (ata máis de 17 horas de forma continuada), no cómputo global de parcelas visitadas esta semana (as nosas de seguimento máis outras ao azar que revisamos nos nosos percorridos) as infeccións de mildio estaban ben contidas.
Con todo, segue a haber algúns predios nos que aínda persisten restos non ben controlados das infeccións anteriores. Dáse a circunstancia de que estes predios atopámolos todos na comarca do Salnés, pero tamén é certo que é nesta comarca onde, fronte a Condado e Rosal, houbo máis horas de humidade foliar nocturna.
Malia o que vimos de comentar, as capturas no captador que temos instalado nunha viña do Salnés non foron moi altas na semana transcorrida, sendo o número máximo 15 esporanxios/m3. A evolución ao longo dos días foi semellante á obtida no captador de Areeiro, onde os valores foron algo máis baixos e só un día (o 18) se chegou aos 10 esporanxios/m3.
Non nos cansamos de repetir que pola efectividade do control deste e outros patóxenos, onde haxa cuberta vexetal no solo é imprescindible mantela ben segada, case tanto ou tanto como aplicar tratamentos. Se non se mantén así, se reduce a ventilación na contorna das vides e esta circunstancia favorece sensiblemente aos parasitos causantes de enfermidades.
Oidio
Esta semana tampouco atopamos síntomas da enfermidade en ningunha parcela de seguimento nin tampouco nos predios/plantas que revisamos ao azar, estean sometidas a tratamentos ou sexan abandonadas, sexan dunha variedade ou doutra. Con todo, pola fenoloxía actual da viña estamos nun momento sensible e así tamén un dos modelos de predición de enfermidades que manexamos indica que o risco é alto en xeral. A curto e medio prazo a evolución da patoloxía dependerá especialmente do tipo e contía das precipitacións que poden darse a fin de semana, pois as temperaturas non suporán ningunha limitación. Por iso a nosa recomendación é a vixilancia.
Botrite
Como ven sendo habitual esta primavera, a humidade relativa do aire mantívose elevada estes días e houbo xornadas con precipitación, pero sen embargo non atopamos novos síntomas de botrite. Isto era previsible porque, se o oídio se desenvolve sen problema nun amplo rango de temperatura, o fungo causante da podre precisa temperaturas máis altas. Segundo se prevé, a curto-medio prazo estaremos baixo a influencia dun anticiclón e por tanto de temperaturas altas e tempo seco, pero se finalmente se descolga a pequena DANA prevista por algúns modelos meteorolóxicos para a fin de semana, a humidade se incrementará sensiblemente. Por estes motivos, nas zonas ás que chegue haberá que estar pendentes, en especial se houbo danos polos episodios de sarabia ocorridos a finais de abril ou noutros momentos, pero tamén a nivel global por si provocasen que os restos das flores non se desprendan.
Black rot
O fungo causante desta enfermidade gusta das temperaturas elevadas. Esta semana non notamos evolución algunha nos síntomas que observaramos a semana anterior, nin nas plantas sen tratar do Condado nin nas pequenas manchas esporádicas das parcelas tratadas. Con todo, a viña xa entrou no período de elevada sensibilidade ás infeccións e por iso, ademais de pola previsión de temperaturas, incluso as nocturnas, moi altas para os próximos días e a posibilidade de tormentas, hai que incrementar a vixilancia, especialmente nos predios/variedades onde historicamente hai danos.
Avelaíñas do acio
Esta semana recollemos machos de Lobesia botrana en dúas trampas do Salnés e foron 2 e 8 individuos respectivamente. Nas demais trampas da comarca e tamén nas de Condado e Rosal non tivemos capturas, pero é certo que nunha das nosas parcelas do Rosal atopamos tres glomérulos causados por eirugas desta especie.
Maceira
Situación xeral observada
Seguimos a ter capturas superiores ao limiar de tratamento na nosa trampa de Cydia pomonella de Areeiro: 7 individuos. Polo demais, nas plantas que revisamos nós aínda non vimos os primeiros síntomas de moteado, pero tamén é certo que non temos variedades especialmente sensibles. Doutras pragas mencionar simplemente que segue a haber pulgón cincento (que tamén pode afectar aos froitos causándolles deformacións) e que empeza a aparecer pulgón verde.
Pataca
Mildio
O estado xeral nas leiras que imos revisando é excelente, e as plantas en xeral amosan un verdor e un crecemento moi bo. Porén, a subida de temperaturas facilitará a evaporación da auga do solo e incrementará o risco, ademais de que as posibles tormentas que se poden producir tamén implicarán maior probabilidade de infeccións.
Buxo
Igual que dixemos a semana anterior, seguimos sen capturas de machos de Cydalima perspectalis, a bolboreta do buxo, nas trampas que temos instaladas e tamén as plantas están a ter boa brotación en xeral. Incrementar a vixilancia pola climatoloxía prevista, que favorecerá ao insecto e, de producirse preci pitacións, tamén aos fungos que afectan a esta especie.