INFORMACIÓN FITOSANITARIA 3 de xullo 2026
A información que aportamos nos nosos boletíns fitosanitarios baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutras que visitamos ao azar nos nosos percorridos e tamén nas informacións que nos aportan outras persoas, técnicas sobre todo pero tamén viticultoras, e son principalmente referidas á variedade albariño no caso da viña.
Por iso, e aínda que esta información pode ser unha representación da situación xeral, hai que revisar sempre cada predio, pois pode haber situacións diferentes polas condicións particulares e/ou pola/s variedade/s, e só avaliando o estado de cada leira e actuando segundo o observado poderemos lograr, entre todos, unha mellor xestión dos nosos cultivos
Viña
Na semana transcorrida desde a publicación do anterior Boletín, as temperaturas continuaron a ser bastante altas, tanto as máximas, que é certo que foron algo inferiores ás da semana anterior, como as mínimas, que están a ser as propias desta época. Ademais, houbo tanto sol como choiva e/ou humidade relativa moi alta nalgunhas xornadas, co que o desenvolvemento das uvas continuou a bo ritmo. Tanto é así que, segundo nos informaron, xa algunha adega adiantou que previsiblemente limitarían a data do derradeiro tratamento da campaña á semana entrante, é dicir, a do 6 de xullo.
Con todo, de momento non atopamos ningún acio de albariño ou de calquera outra variedade autóctona iniciando o pintado, que só observamos, e máis claramente ca semana anterior, na parra da variedade tinta moi temperá que a semana pasada comezaba a pintar e, nas revisións desta semana, tamén nalgunhas outras cepas da mesma variedade pero doutras zonas.
Mildio
No apartado anterior referimos as boas temperaturas diúrnas e nocturnas que se rexistraron estes días e tamén que houbo algo de choiva. Esta última estivo desigualmente repartida en datas e cantidade segundo as zonas, pero en xeral tivo lugar cara finais da semana precedente, entre o xoves 25 e a fin de semana, e acadou rexistros comprendidos entre os 3-5 e os case 30 l/m2. Ademais, algunhas noites houbo unha humidade moi elevada e varias horas de humidade foliar. A combinación de temperaturas nocturnas altas, por riba de 13ºC, máis humidade sabemos que é favorable á frutificación do patóxeno e en xeral á continuidade dos seus sucesivos ciclos de infección, e así se manifestou no número de esporanxios recollidos no captador de Areeiro (máis de 1300/m3 de aire o día 25), que está situado entre filas que non reciben tratamentos, e os síntomas aparecidos esta semana en plantas testemuña non só desta parcela senón tamén doutras plantas sen tratamentos que revisamos.
Porén, nas viñas sometidas a tratamentos, tanto se estes foron renovados nos últimos días coma se non o foron, apenas atopamos síntomas en folla más que nas zonas máis inaccesibles ás aplicacións pola elevada frondosidade das plantas, onde si os observamos.
Tamén o número de esporanxios recollidos no captador de Sanxenxo, aínda que rodeado de viñas e situado nunha parcela bastante sensible pola súa topografía, foi loxicamente inferior ao de Areeiro, e de feito o valor máximo non chegou á cifra mínima capturada en Areeiro.
Canto aos acios, no Boletín anterior comentabamos que atoparamos os primeiros síntomas de mildio larvado nalgúns predios e tamén referiamos que recibiramos informacións no mesmo senso tanto de técnicos coma de particulares. Pois ben, nas revisións desta semana, e aínda habendo condicións favorables ao patóxeno moitos días, comprobamos que os focos de mildio larvado non avanzaran, descoñecendo en moitos casos se foi debido ou non a potencias aplicacións ao non observar marcas (depósitos) das gotas da aplicación.
Deste xeito, temos que dicir que o estado xeral das uvas de albariño, e tamén doutras variedades brancas autóctonas como treixadura ou loureira, das que temos plantas nalgunhas das nosas parcelas de seguimento habitual, é moi bo neste momento. A este bo estado sen dúbida están a contribuír os ventos secos do norte ou nordés que levamos tendo desde hai días.
Para os próximos días, as diferentes predicións meteorolóxicas que consultamos anuncian a presenza do anticiclón fronte ás nosas costas e polo tanto tempo seco e temperaturas moi altas, sobre todo as mínimas. Os ventos serán de dirección variable, pero xa non só de compoñente norte. Con estas condicións, que nos modelos de predición que manexamos se traducen en riscos medios ou baixos de mildio, e co avance na fenoloxía da uva, que cada vez é menos sensible, a nosa recomendación é manter a vixilancia non só das viñas senón tamén da climatoloxía, pois coa calor que imos ter poden desenvolverse localmente tormentas debidas á convección térmica, é dicir, ao ascenso da calor que se da polo quentamento do terreo e, ao enfrearse en altura, formación de nubes de desenvolvemento vertical que descargan estas choivas con aparato que poden ser intensas.
Nos nosos percorridos desta semana observamos como había persoas que estaban a aplicar tratamentos nunhas CONDICIÓNS DE VENTO TOTALMENTE INCOMPATIBLES COAS BOAS PRÁCTICAS E DESACONSELLABLES tanto para a saúde da poboación como para o medio ambiente e mesmo para os propios viticultores, pois nesas condicións os produtos non quedan na viña na súa totalidade senón que se dispersaban incluso ben lonxe do predio. LEMBREN QUE SEMPRE HAI QUE APLICAR TRATAMENTOS CON VELOCIDADES DO VENTO INFERIORES A 11 Km/h, e dicir, que se poden mover como moito as follas das árbores pero non haber axitación constante ou movemento de ramas.
E non descoiden continuar coas labores de cultivo ou agronómicas que favorezan a aireación dos acios para axudar a manter o bo estado que teñen, en xeral, os acios neste momento.
Oídio
Do mesmo xeito que no caso do mildio, tamén nas plantas que non reciben tratamentos ao longo da campaña vimos esta semana novos síntomas en folla e en acios. Incluso nos casos de variedades máis sensibles, os grans amosan xa a dureza característica dos ataques deste fungo e incluso xa empezan a verse rachos na pel.
Nas plantas tratadas apenas vimos un síntoma moi feble nun acio de dous predios, o que indica que as intervencións están a ter boa resposta no control do fungo.
Segundo as previsións meteorolóxicas actuais (mañá do xoves 2 de xullo) as condicións que predominarán os próximos días serán de tempo seco e solleiro, o que non é o máis favorable para o oídio, pero tamén indican algún día ou algunhas horas de néboas máis ou menos locais, o que si é favorable. De cumprirse os prognósticos, haberá que seguir mantendo a vixilancia, en especial onde haxa variedades sensibles e/ou onde estea próximo a finalizar, ou teña concluído xa, o período de protección do tratamento precedente.
A recomendación aportada no caso do mildio no sentido de continuar coas prácticas de favorecer aireación dos acios é igualmente válida para o oídio.
Black rot
Incluso nalgunhas plantas testemuña onde non era raro que observaramos síntomas noutras campañas, na actual non vimos ningún nos acios, e tampouco recibimos no laboratorio mostras positivas. Ao igual que no caso dos anteriores patóxenos, conforme se achega o pintado a sensibilidade dos acios diminúe e, ademais, de cumprise as previsións meteorolóxicas previstas para os próximos días o nivel risco será baixo ou medio baixo se hai néboas.
Avelaíñas do acio
De Lobesia botrana recollemos esta semana poucas capturas (máximo 5 machos) e só nalgunhas das trampas que temos instaladas. Con todo, informáronnos de cifras moi superiores nalgunhas trampas situadas nos bordes ou por fóra das áreas vitivinícolas sometidas a confusión sexual.
De Eupoecilia ambiguella non recollemos ningún macho, nin na trampa onde a semana anterior tiveramos 35 capturas, que está rodeada de hóspedes alternativos pois, aínda que o principal claramente é a viña, tamén o son outras especies e entre elas algunhas presentes no noso bosque autóctono (sanguiño, hedras ou chuchameles). O que si atopamos nesta parcela foi unha perforación recente coa eiruga empezando a alimentarse, pero ningún outro indicio da súa actividade, e por iso non se vai realizar ningunha intervención malia que pola curva de voo sería o momento para facelo.
Scaphoideus titanus, vector da flavescencia dourada
No caso de ter aplicado o primeiro tratamento fronte a este vector o primeiro día establecido por Sanidade Vexetal da Xunta de Galicia (19 de xuño), mañá cumprirase o prazo para poder realizar xa o segundo, que é 15 días despois do primeiro. En caso de non ter efectuado aínda ningunha intervención, malia ser obrigatoria na zona demarcada e recomendable nas zonas lindeiras, aínda poden inicialos, pois cantos menos vectores haxa nas nosas viñas, menos posibilidades de infección ás plantas polo organismo que transmiten.
A realización dos tratamentos non implica que non haxa que vixiar a potencial aparición de plantas con varios síntomas da flavescencia, que é certo que non son específicos pero tamén o é que a súa presenza conxunta nunha planta pode apuntar a que esta albergue o fitoplasma que a causa: revirado patente das follas cara ao envés, follas de cor vermella nas variedades tintas e branco-amarelada nas brancas, follas máis quebradizas e dispostas unhas sobre outras, porte "chorón" dos pampos por falta de agostado, entrenós curtos ou secado de acios. De aparecer plantas con estes síntomas nos predios será altamente recomendable eliminalas e destruílas completamente ou ben, se se observan nunha viña veciña, comunicarllo aos seus propietarios, pois a erradicación desta perigosa enfermidade de corentena será tanto máis posible cantas máis medidas de control se apliquen e máis persoas se impliquen nela.
Canto aos tratamentos, as materias activas autorizadas polo Ministerio para estes tratamentos son as que reproducimos na seguinte táboa (en orde alfabética).
As aplicacións deben realizarse mollando ben o envés das follas e, no caso de que haxa chupóns nas vides, tamén deben quedar ben cubertos, aínda que o mellor é eliminar estes brotes ladróns para evitar que as ninfas se agochen nas súas follas.
E non esquezan a recomendación de tomar todas as precaucións posibles para evitar a dispersión do vector nos desprazamentos entre comarcas, para evitar que este chegue a zonas onde aínda non está detectado.
Acariose e erinose
Novamente facemos mención separada aos ácaros debido a que a presenza de síntomas está a ser cada vez máis evidente, tanto de erinose coma de acariose.
Outras incidencias
Buxo
Bolboreta do buxo, Cydalima perspectalis
De momento este ano non podemos falar de síntomas fortes e amplamente distribuídos das eirugas desta especie pois, aínda que é certo que se poden observar plantas bastante afectadas, outras apenas o están. Con todo, hai que manter a vixilancia, pois sabemos que a situación pode cambiar e, se as poboacións de eirugas se incrementan en exceso, poden provocar fortes defoliacións que debiliten (ou cheguen a matar) as plantas.




























