AVISO FITOSANITARIO EXTRAORDINARIO
22 Abril 2026

Onte día 21 de abril fixemos o noso percorrido polas viñas do Salnés e detectamos a primeira mancha de mildio en case todas elas, con independencia do tempo transcorrido desde que se aplicara o primeiro tratamento e tamén do funxicida empregado.

 

Como se pode ver nas imaxes, as manchas non eran de todo incipientes ao apreciarse con claridade, aínda que en xeral non amosaban frutificación, pero nunha viña de Sanxenxo si eran incipientes e polo tanto difíciles de visualizar.

Ademais, algúns dos técnicos aos que lles fomos notificando a detección nos informaron de que ao longo da mañá foron detectando algunhas manchas, e un tamén nos comunicou que un viticultor lle enviara o día 20 unha imaxe con manchas dunha viña en Ponteareas (hoxe día 22 estamos nós nas viñas de Condado e Rosal).
Con esta situación, a renovación dos tratamentos antimildio, se non se realizou xa, debe efectuarse canto antes, como saben empregando sempre as doses que figuran nas etiquetas dos produtos (nunca superándoa), usando boquillas antideriva e respectando sempre a máxima de non tratar en condicións de vento superiores a 11 Km/h.