INFORMACIÓN FITOSANITARIA 22 de agosto de 2025
A información que aportamos nos nosos boletíns fitosanitarios baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutros predios que visitamos ao azar nos nosos percorridos e tamén nas informacións que nos aportan outras persoas, técnicas sobre todo pero tamén viticultoras, e son principalmente referidas á variedade albariño no caso da viña. Con todo, hai que revisar sempre cada leira, pois pode haber situacións diferentes polas condicións particulares e/ou pola/s variedade/s, e só avaliando o estado de cada predio poderemos lograr, entre todos, unha mellor xestión dos nosos cultivos
VIÑA
A climatoloxía xa non foi esta semana tan abafante coma a de días pasados pero aínda así persistiu un ambiente incómodo para as persoas en parte das horas do día. E as datas para a vendima seguen reducíndose, ata o punto de que, segundo nos informaron onte, nalgunha adega do Condado xa se están a recoller as primeiras uvas que, en xeral, continúan en perfecto estado sanitario grazas á climatoloxía.
E, coa proximidade da vendima, os boletíns fitosanitarios que publicaremos desde agora xa serán máis informativos e curtos, pois entendemos que hai que centrarse precisamente nesa labor. Con todo, para aquelas persoas que non dispoñan de medios para calcular o grao alcohólico ou a acidez e así decidir o momento da colleita, a continuación reflectimos os valores obtidos das mostras recollidas esta semana entre os días 19 (Salnés) e 20 (Condado e Rosal):
Mildio
O descenso relativo das temperaturas fixo que paralelamente se incrementase a humidade relativa e que, polas noites, na maioría das estacións meteorolóxicas se acadasen humidades do 100% e se rexistrase humidade foliar durante varias horas. Esta circunstancia, xunto coa non realización de tratamentos, fixo que o número de esporanxios recollidos nos captadores de esporas se incrementase sensiblemente, en especial na viña testemuña de Areeiro:
Pero como todos sabemos, a estas alturas da campaña o patóxeno xa non vai atacar aos acios en maduración pero si pode facelo a aos rebuscos, follas e pampos. Neste senso, ata agora non atopamos síntomas en rebuscos ou en pampos pero si en follas novas, especialmente nas plantas testemuña e nas partes altas das viñas moi frondosas.
Con todo, para a semana próxima anúnciase que poderán chegar as choivas a Galicia. Non todos os modelos meteorolóxicos consultados as prevén, e dos que si, non todos o fan nos mesmos días e na mesma contía de litros. Amais, a primeiros da semana actual, predicían fortes precipitacións para principios da vindeira semana, pero no momento da redacción deste boletín (mañá do xoves 21) xa non están centradas no comezo senón máis ben en xornadas diferentes cara o final da semana e serán, a priori, máis reducidas. Así pois, a incerteza é grande e haberá que ir mirando a evolución da climatoloxía, sen esquecer que xa hai máis humidade relativa e humidade foliar nocturna, o que podería xerar novas infeccións nas partes verdes da planta.
Oidio
Incrementouse esta semana a súa presenza nas plantas testemuña, pero se finalmente se producen precipitacións e estas teñen certa intensidade, lavarán o micelio. Nas plantas que no seu momento foron sometidas a tratamento non atopamos síntomas, nin sequera nos rebuscos.
Botrite (e outras podres)
En xeral non vimos síntomas debido ao bo estado sanitario xeral das uvas e a que o número de horas de humidade moi alta, a que demanda este patóxeno, tampouco foi tan elevada. De feito, esta semana contamos tamén as esporas (conidias) de Botrytis cinerea recollidas no captador de Sanxenxo e, como é lóxico, algunhas se recollen, pero non moitas:
Porén, se finalmente hai precipitacións, os escasos síntomas que se teñen observado se incrementarán, e máis aínda se as poucas eirugas de avelaíñas que se atopan, as avespas asiáticas (cuxo número é cada vez máis alto) e os paxaros, aumentan a súa actividade trófica.
Nas viñas onde aínda non se vaia vendimar por estar en zonas nas que a uva non está xa madura ou por ser de variedades máis tardías, lembren que hai produtos naturais diferentes do cobre (algúns formulados a base de fungos, bacterias ou lévedos beneficiosos, ou de terpenos de plantas) sen prazo de seguridade ou só de 7 días que aínda poderían empregarse para previr os danos.
Flavescencia dourada
Polo ben do sector vitícola de Galicia hai que tentar de evitar, entre todas as persoas implicadas, a extensión da zona xa afectada por esta enfermidade de corentena. Por iso, aparte de limitar o movemento de planta desde estas zonas afectadas ata as que non o están, non nos cansamos de repetir que é preciso arrincar e destruír de inmediato as plantas enfermas e tamén, por precaución, aquelas plantas da zona demarcada que amosen conxuntamente varios síntomas da enfermidade, referidos nos boletíns das dúas semanas anteriores.
Tamén é conveniente arrincar as plantas abandonadas, pois poden albergar aos dous parasitos.
Acariose
Nalgúns predios continúan a observarse síntomas recentes deste parasito que, tras moitos anos, produciu síntomas de xeito bastante xeral esta campaña.
Outras incidencias
Sen ser dun xeito tan evidente como nas semanas pasadas, nas revisións desta semana volvemos observar síntomas de patoloxías de madeira en novas plantas. En todas as afectadas segue a murchar, e consecuentemente a perderse, unha boa cantidade de acios que non só estaban completamente sas senón tamén que eran de bo tamaño. Ademais, brazos e plantas mortas seguen nas viñas e, de producirse o anunciado cambio de tempo cara a un episodio de choivas, poderán infectar ás sas. Estas circunstancias teñen que servir para concienciar a todas as persoas da necesidade de ir corrixindo a situación conforme vai aparecendo (arrincando canto menos as plantas mortas) e das precaucións coas que se debe podar (facelo o antes posible e sempre en tempo seco, con cortes limpos e desinfectando os útiles de corte, etc.).
VARIAS ESPECIES VEXETAIS
Halyomopha halys ("chinche castaña marmoreada")
Esta semana xa só capturamos un adulto desta praga na trampa de Areeiro, ningún na do Rosal
Lembren que Halyomorpha halys pode alimentarse de moitísimas especies vexetais, desde froiteiras (cítricos, kiwis, uvas, maceiras e pereiras, pexegos...) a plantas de horta (millo, leguminosas, pementos, tomates...), e tamén ornamentais e forestais. Os estados inmaduros (ninfas) soen succionar das follas e tallos, mentres os adultos se alimentan dos froitos, nos que produce decoroacións, manchas circulares afundidas, áreas necrosadas e, nos froitos novos, un crecemento anormal e deformacións. Así, pode chegar a causar graves danos e seu impacto pode chegar a ser moi grande, pero de momento non temos coñecemento de que se estea a producir aquí.





















