Advanced-Content-List

contentlist.configuration.needed

INFORMACIÓN FITOSANITARIA 23 XUL 2020

Para elaborar a información e recomendacións que se aportan pártese das revisións realizadas ás nosas parcelas de seguimento e a outros predios que visitamos e tamén dos datos que, ás veces, nos proporcionan outros técnicos e viticultores. Por iso é CONVENIENTE CONFIRMAR A SITUACIÓN PARTICULAR POIS PODE VARIAR, non só polas condicións do entorno senón tamén polas actuacións ou prácticas que se realizan en cada caso.

VIÑA

Estado fenolóxico: L (79 da codificación BBCH)

As elevadas temperaturas que tamén se rexistraron estes días, que acadaron os máximos  valores entre o venres 17 e o sábado 18, con rexistros de ata 39,7 ºC en Meder ou 38,9 en Cequeliños (datos de MeteoGalicia), favoreceron novamente o avance na fenoloxía da planta, de xeito que a totalidade das viñas están xa, sen ter empezado agosto, no peche do acio (incluso algúns acios empezan a brillar) e mesmo algúns casos, de viñas especialmente solleiras ou variedades temperás, iniciando xa o pintado.

20200721_Empeza cambio cor en acios mais expostos zonas solleiras20200721_Algunha variedade tinta xa ten cambio cor

 

Mildio

Despois de tantos días continuados de tempo verdadeiramente cálido, con ventos do norte ou nordés e humidade relativa media en xeral, o estado das viñas é excelente no relativo a esta enfermidade. Tanto é así, que malia ter habido algúns días con néboas locais que provocaron o humedecemento nocturno da vexetación que, unido ás temperaturas mínimas moi por riba de 13ºC, poderían ter xerado a esporulación nas manchas/síntomas antigos nas viñas onde aínda os houbera, non a observamos máis que moi puntualmente en predios moi abrigados e con pouca circulación de aire. Incluso aquelas parcelas da nosa rede que o día 18 cumpriron o mes sen recibir intervención algunha non presentaban síntomas nos novos crecementos. É máis, tamén as plantas testemuña practicamente defoliadas en xuño xeraron novos gromos que igualmente están libres da enfermidade.

20200721_Gromos sen protexer tamén libres de mildio20200721_Ata en testemuña gromos sen mildio
 

Non temos información de posibles precipitacións que puideran ter sucedido, como anunciaban dúas axencias meteorolóxicas, e por iso e tamén polas informacións que nos aportaron outros técnicos, pensamos que a reflectida é a situación xeral das viñas. E esta situación parece que se vai manter nas xornadas seguintes pois, se ben é certo que as previsións anuncian unha lixeira baixada das temperaturas, non se esperan choivas e polo tanto o risco de infección será baixo en xeral. Non obstante, tendo en conta que aínda pode haber danos nos acios, e que tamén parece que os ventos serán de dirección variable e algúns días do oeste, máis húmidos polo tanto, hai que continuar coa vixilancia.

Oídio

As condicións seguiron a ser relativamente favorables á enfermidade, máis entre domingo e luns polas néboas que houbo, pero en xeral a situación que observamos nas revisións desta semana ás viñas da nosa rede e a outras nas que nos detemos nos percorridos, foi positiva, pois mesmo nas viñas que tiveron ataques máis fortes as infeccións están contidas. Deste xeito, en xeral só apareceron puntualmente focos moi illados nos que uns poucos grans dalgúns acios tiñan presenza do fungo, e só unha porcentaxe que non acadaba o 5% de predios tiña algunha zona máis afectada, o que en principio atribuímos a unha mala distribución dos funxicidas debido a que detectamos estes ataques cara o final das viñas e/ou en zonas con exceso de vexetación.

20200721_Seguen puntos oidio 20200714_Micelio oídio en gran20200714_Acio afectado oídio e infección iniciándose no cercano

Próximos ao pintado, a sensibilidade dos acios ao patóxeno diminúe, pero a infección aínda pode continuar a evolucionar en especial nas viñas máis sensibles e con ataques previos. Por este motivo é necesario non descoidar a vixilancia, pois as temperaturas previstas para os próximos días, os ventos do oeste que se esperan algunhas xornadas e as nubes que poida haber poden incrementar o risco. Polo tanto, si se observa un incremento dos acios afectados, aparte de procurar unha boa aireación das viñas, será conveniente realizar unha intervención, que probablemente xa sería a última da campaña fronte a esta enfermidade.

Black-rot

As condicións ambientais seguen a ser desfavorables ao avance da enfermidade, e así non observamos avance algún, tampouco nas viñas abandonadas.

20200623_Sintomas black rot viña abandonadaPicnidios black rot visibles como puntiños negrosVista parcial acio síntomas mais iniciais black rot

Botrite

A humidade relativa media (ou baixa nas horas con sol) destes días e a ausencia de precipitación non favorecen ao patóxeno. Tampouco as condicións previstas as próximas xornadas polas diferentes axencias meteorolóxicas consultadas o favorecerán, polo que de momento non se espera a aparición de síntomas.

A variedade Treixadura é moi sensible á podre polas características dos seus aciosEste rachado fisiolóxico é unha ferida pola que pode entrar botrite

Avelaíñas do acio

O nivel de capturas de Lobesia botrana nas trampas das nosas parcelas de seguimento foi, tamén esta semana, moi baixo, cun máximo de dous machos recollidos. Tamén as postas observadas foron esporádicas, e algúns ovos aparentaban totalmente secos pola insolación. Canto ás perforacións larvarias, notamos un incremento moi lixeiro, aínda que se manteñen moi lonxe do limiar de tratamento (3-5% de acios afectados nas variedades sensibles á podre e ata 8-10% nas demais). 

20200721_Mais danos de Lobesia en acio pero non limiar20200721_Aumentou a Lobesia nalguns acios

Como xa dixemos a semana anterior, non se deben realizar tratamentos fronte a esta praga inxustificadamente e/ou de xeito xeneralizado para protexer á fauna beneficiosa que existe nas viñas. Polo tanto, observar algúns acios con penetracións, que a partir de agora serán máis sinxelos de ver debido a que os grans afectados toman unha cor castaña na polpa, non implica que haxa que intervir. Por este motivo, revisen as viñas, observen os acios e só si sobre 100 deles se superan os limiares antes referidos, habería que contemplar a posibilidade dunha intervención, para a que deberá elixirse un insecticida autorizado, con efecto fronte ao estado de desenvolvemento dominante e co menor impacto posible sobre os inimigos naturais.

Cicadelidos

Nesta semana apenas houbo cambio algún canto ás capturas nas trampas, que permanecen practicamente limpas destes insectos. Tamén o número de ninfas atopado nos recontos que facemos ás follas é moi baixo en todas as viñas. Pola súa banda, tampouco observamos de momento ningunha ninfa de Scaphoideus titanus, vector da enfermidade coñecida como "flavescencia dourada".

20200714_Apenas cicadelidos capturados nunha semana20200714_Ninfa Empoasca 10x

Ácaros

Nesta semana volvemos notar novos incrementos de follas con síntomas de erinose de verán nas follas terminais. Non atopamos síntoma algún doutros ácaros nas viñas revisadas.

20200721_Nas viñas afectadas segue a aumentar erinose20190716 Incremento erinose nalgunhas viñas

Outras incidencias

Ademais de cada vez máis plantas que, co estrés hídrico e as altas temperaturas, manifestan síntomas de alteracións de madeira, temos que seguir a falar de síntomas de trips no Salnés, pouco importantes e nunha porcentaxe que non acada o 1% de viñas revisadas, e tamén de máis acios con golpe de sol ou con síntomas máis claros desta fisiopatía ou da propia derivada da falta de auga.

20200714_Sintoma compatible con trips20200721_Este sol provoca moito golpe de sol Fisiopatia_estres hidrico_3

MACEIRA

Pulgón laníxero

Nas plantas onde tiñamos detectado o pulgón laníxero notamos un incremento do número de individuos parasitados e tamén máis buracos de emerxencia do parasitoide. Por iso insistimos unha vez máis en comprobar se hai formas parasitadas en cada predio: en caso afirmativo o beneficioso será capaz de controlar a colonia se non se aplican fitosanitarios. 

Pulgon lanixero maceira parasitado_10x Pulgón lanixero con individuos parasitados e non

Cydia pomonella

Esta campaña en xeral non é moi boa para a froita de pebida e ademais, aparte de moteado nas variedades máis sensibles, tamén hai algúns froitos afectados polas eirugas desta bolboreta. Por este motivo, en caso de que só se observen algunhas froitas coas perforacións larvarias típicas, o ideal é retiralas para non dar tratamentos que poidan alterar o equilibrio pragas-insectos útiles que poida haber e para evitar que, en tempo húmido, se xeren podremias.

Eiruga de Cydia pomonella dentro de maza_ 10xMazas con podres a partir de dano couza

CÍTRICOS

Psila africana

Despois de tantos días tan solleiros e secos observamos menor número de gromos tenros nos cítricos. Porén, aínda os hai e tamén moitos adultos maduros e ninfas. Lembramos que entre as medidas de contención da praga están eliminar os gromos, instalar trampas amarelas a carón das árbores e tamén os insecticidas autorizados para o control dos psílidos en cítricos (aceite de parafina 54,6% ou deltametrin 1,5 e 2,5%).

20200721_Adultos de psila africana en gromo terminal Inimigo natural -antocorido- en colonia Trioza

Pulgóns

Tamén aínda quedan nalgunhas plantas pequenas colonias de pulgón formadas sobre todo por estados ninfais pero tamén por adultos, en xeral pouco importantes (polo menos onde as temos observado).

20200721_Pulgons e ninfas de Trioza en folla limoeiro20190613_Colonia de pulgons en folla tenra limoeiro

BUXO

Cydalima perspectalis (bolboreta do buxo)

Nesta semana xa non atopamos ningunha eiruga nas sebes que controlamos, e todo o que observamos foron crisalides. Independentemente das nosas observacións, noutras sebes/plantas poden quedar algunhas eirugas, polo que de momento continúen a vixilancia.

20200721_Crisalide de Cydalima no interior da trampa Crisalida de C. perspectalis

PIÑEIRO

Thaumetopoea pityocampa (procesionaria)

Nesta semana recollemos os primeiros machos desta praga nas trampas de feromona que temos instaladas en dous xardíns.

Macho de procesionaria entrando na trampa G de feromonasThaumetopoea pityocampa (Procesionaria)- Macho de procesionaria en trampa de feromona