INFORMACIÓN FITOSANITARIA 8 de agosto de 2025

A información que aportamos nos nosos boletíns fitosanitarios baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutros predios que visitamos ao azar nos nosos percorridos e tamén nas informacións que nos aportan outras persoas, técnicas sobre todo pero tamén viticultoras, e son principalmente referidas á variedade albariño no caso da viña. Con todo, hai que revisar sempre cada leira, pois pode haber situacións diferentes polas condicións particulares e/ou pola/s variedade/s, e só avaliando o estado de cada predio poderemos lograr, entre todos, unha mellor xestión dos nosos cultivos

VIÑA

Estado fenolóxico: M2 -N. BBCH: 83-85

Unha semana máis estamos a vivir unha situación de climatoloxía seca e calorosa debida neste caso a un potente anticiclón, a unha masa de aire cálido procedente de África que se estende por España, e á acumulación de calor en superficie a consecuencia destas xornadas anticiclónicas.  De feito, esta segunda ola de calor do verán, que segundo as previsións vaise caracterizar pola súa duración, deixou temperaturas máximas por riba dos 35-38 ºC en boa parte das comarcas da provincia de Pontevedra, acadándose mesmo os 40º no sueste (e superándose a cifra en bastantes áreas de Ourense) e estas temperaturas, xunto coa elevada radiación solar que hai estes días, impulsou o avance das uvas cara a madurez. Así, se no boletín anterior referiamos que a maioría dos valores de grao alcohólico nas uvas de albariño que colleramos ao azar se situaba entre 5,5  e 6,66°, esta semana eses valores estaban en torno a 8, e mesmo nalgún predio a mostra recollida se aproximaba a 10°.

Polo demais, a uva segue a presentar un moi bo aspecto aparente, sen danos en xeral, nunha campaña que semella vai ser boa ou moi boa.

Uva albariña en maduraciónUvas continúan en perfecto estadoUvas tintas sen danos

Mildio

As condicións climatolóxicas da semana ben é sabido que non beneficiaron ao mildio, ao estar as temperaturas máximas tan elevadas durante boa parte das horas diúrnas e incluso nas primeiras nocturnas nalgunhas localizacións. Bos indicadores desta situación son que hai acios que aínda acaban de formarse e están totalmente limpos o que ata o número de esporanxios que recollemos no captador que temos na nosa viña de Areeiro é insignificante, e só está lixeiramente por riba do recollido no captador de Sanxenxo, que estaba en reparación pero ao fin xa o recuperamos. Lembren que a primeira viña non se trata e esta última si, aínda que ben é certo que tamén está xa fóra do período de protección da última aplicación.

Acios en formación sas
Esporanxios totais/día

De feito, nesta parcela de Sanxenxo así coma noutras máis de todas as comarcas atopamos algunha/s mancha/s en folla en xeral sen esporulación, aparte das que hai nas follas das partes altas das parras máis frondosas e menos tratadas ao longo da campaña, algunhas das que xa caeron ao solo.

Manchas en folla viña fóra período de cobertura funxicidaEnvés de folla viña fóra período de cobertura funxicidaParte de follas con mildio das partes altas parras xa caen

Porén, en ningún caso observamos síntomas en pampo e/ou pecíolo das follas (o que soe suceder cando o risco é elevado) e o mesmo podemos aplicar ás plantas testemuña sen tratamentos, que aínda conservan bastante folla a estas alturas.

Vista parcial plantas testemuña sen tratamentos na campaña

Malia que parece que a ola de calor vai durar ata primeiros da semana próxima, hoxe xoves día 7 algunhas zonas costeiras e tamén outras baixo a influencia de grandes ríos e/ou outras masas de auga, houbo néboas xa desde a noite e algunhas viñas amañeceron molladas. Aínda que é certo que antes da vendima sería conveniente que chovera para limpar os acios e favorecer que incrementen o seu peso e volume, haberá que estar pendentes da duración destas néboas, tanto en número de horas diarias como en número de xornadas que se presenten, e da densidade das mesmas, para coñecer cantas horas manteñen a viña mollada e así poder decidir se antes da vendima hai que actuar dalgunha maneira, en especial en viñas pouco vigorosas nas que o último tratamento foi aplicado hai días.

Oidio

Nas follas novas das plantas testemuña sen tratamentos seguen a aparecer novos síntomas do patóxeno, e tamén nos pampos das mesmas plantas, pero nas tratadas non atopamos, independentemente do tempo transcorrido desde a última intervención funxicida.  Novamente, como dixemos no caso do mildio, haberá que comprobar a duración das néboas en cada lugar para comprobar a súa potencial incidencia sobre as plantas.

Síntomas oídio planta testemuñaOidio de diferentes infeccións en acio testemuña

Botrite (e outras podres)

As condicións climatolóxicas dos últimos días non favoreceron a estes patóxenos, que están moi condicionados pola temperatura e a humidade, e estas xornadas pasadas temperatura houbo máis que suficiente pero humidade non. Porén, de cumprirse a maior parte das predicións meteorolóxicas consultadas, que anuncian néboas a curto prazo na zona litoral e na proximidades dos grandes ríos, haberá que incrementar a vixilancia, en especial onde haxa calquera lesión ou dano nas uvas (este ano apenas se perciben, en xeral) e onde dominen as variedades máis sensibles como as de pel fina.

Racho fisiolóxico en uva albariñaIncluso variedades sensibles están limpas de podre

Avelaíñas do acio

Polo menos nas nosas parcelas de seguimento e nas que nos imos detendo nos nosos percorridos temos que dicir que esta campaña está a ser completamente  benigna no que a esta praga se refire: nas nosas parcelas só tivemos capturas reducidas de machos de Lobesia botrana nas trampas algunhas datas e non en todas as parcelas (por iso non publicamos as curvas de voo) e canto ao número de penetracións larvarias, tampouco as observamos apenas. É certo que as condicións climatolóxicas da primavera, con episodios reiterados de precipitación, e as deste verán, con rexistros termométricos extremos, tampouco son as que máis lle benefician. Sen embargo, pero de xeito excepcional, nesta campaña nos informaron do incremento de perforacións por Eupoecilia ambiguella nunhas parcelas nas que se realizaba confusión sexual fronte a L. botrana, o que é o mesmo dano e así, de seguir producíndose, habería que prestar atención á súa contía para poder tomar medidas de control pensando máis que nos danos directos nos indirectos (maior incidencia de podres e tamén de moscas da froita).

Capturas de Lobesia trampa nunha semanaPenetración de avelaíña

Cicadelidos

Nas trampas que temos instaladas nas diferentes parcelas da nosa rede de seguimento habitual seguimos tendo escasas capturas de Empoasca vitis  e tamén vemos poucas ninfas.

Trampa amarela para captura de cicadelidos con dúas semanas na viña

Só nunha desas parcelas hai unha poboación algo maior, e tamén aí hai moitas cepas novas que están a sufrir pola seca, e por este motivo aplicamos un tratamento, que non é preciso na maioría de parcelas da nosa zona porque as viñas son suficientemente frondosas e, malia o que se pensa, non son desta especie ("mosquito verde") todos os insectos que vemos voar na contorna da viña.

No que ao cicadelido transmisor da flavescencia dourada, Scaphoideus titanus, se refire, o pasado mércores publicouse a Resolución do 28 de xullo de 2025 da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, pola que se amplían as zonas demarcadas da flavescencia dourada da vide e se manteñen as medidas urxentes para a súa erradicación e control en Galicia. Como xa sabemos, esta é unha patoloxía moi grave para cuxo control é precisa a colaboración de todas as persoas que teñan viñas nas zonas demarcadas (inclúen as afectadas máis as tampón),  aplicando os tratamentos insecticidas fronte ao insecto vector e arrincando e destruíndo as cepas coa enfermidade o antes posible.

Planta de variedade tinta afectada por flavescencia

Aparte destas medidas, e como dixemos xa a semana anterior, é conveniente arrincar e destruír tamén aquelas plantas desas zonas que amosen conxuntamente varios síntomas da enfermidade, entre os que se atopan:

  • - follas reviradas cara o envés de forma triangular e con manchas, normalmente delimitadas polas nervaduras, de cor avermellada nas follas das variedades tintas e crema-amarelada metalizada nas de variedades brancas, coa posibilidade de que os nervios tamén se descoloren;
  • - follas endurecidas e quebradizas que poden adquirir unha disposición en forma de tellas, superpostas unhas sobre outras, debido ao acortamento dos entrenós;
  • - acios parcialmente secos e con maduración incompleta, ou totalmente secos e engurrados;
  • - pampos decaídos, faltos de lignificación, flexibles e colgantes, que dan ao conxunto da cepa un aspecto chorón.
  • - perda de follas e secado da planta.

Acariose

Cada vez é máis frecuente observar os síntomas da presenza desta praga, tanto os cambios de cor nas follas, que pasan a unha tonalidade bronceada escura, como as finas picaduras nas follas máis novas, que tamén están deformadas. Estes síntomas pódense atopar nun gran número de parcelas de todas as comarcas e, dada a súa natureza, loxicamente permanecen aínda que se dera un tratamento e este fóra eficaz. Se os síntomas afectan a moitas plantas dun predio determinado, non se deu aínda un tratamento e sobre todo se hai plantas novas na parcela, aínda se podería realizar un tratamento, que podería ser a base de xofre 80% ou maltodextrin 47,6%, pois con estes produtos non hai que agardar prazo de seguridade.

Gromos con acariose confirmada á lupaCor dunha viña onde non se aplicou tratamento fronte acariose

Outras incidencias

A duración deste tempo seco e solleiro está supoñendo un importante estrés para as plantas debido á falta de auga e á gran insolación que está a haber. Por iso, aínda é máis frecuente  observar síntomas de patoloxías de madeira en partes de plantas (brazos) ou na totalidade delas, e mesmo algunhas xa están a colapsar. Lembramos unha vez máis que as plantas e tamén os brazos mortos hai que eliminalos canto antes para evitar que, en condicións favorables, poidan producir esporas que contaminen ás plantas sas. Ademais, nestes momentos é moito máis sinxelo visualizar as partes sintomáticas. De non poder facelo agora, marquen ben as plantas/brazos afectados para eliminalos despois da vendima o antes posible e sempre en tempo seco e desinfectando os útiles de corte.

Síntoma de patoloxías de madeira en acios

Tamén a climatoloxía que temos desde hai días está a incrementar a presenza de plantas con síntomas de estrés hídrico en especial en solos pouco profundos e moi areosos. Ademais, a elevada radiación está a producir tamén golpes de sol nos acios máis expostos.

Golpe de sol

Por último, co avance da maduración das uvas, os danos por paxaros son máis evidentes, non así os producidos polas avespas común e asiática. Estes danos están a afectar en maior medida, e como é lóxico, ás variedades que están máis adiantadas e doces.

Nestas plantas de treixadura os paxaros están a producir fortes danos

VARIAS FROITEIRAS

Mosca mediterránea da froita (Ceratitis capitata)

Esta especie de mosca de orixe africana está a causar, desde hai uns anos, danos en froitas moi diversas na nosa zona. Tanto polas nosas observacións coma polas mostras que recibimos na Estación, son pexegos, varios cítricos cando empezan a madurar (pomelos, laranxas e mandarinas sobre todo), feixoas, figos e outras as froitas máis afectadas aquí. 

Ceratitis capitata en froito

As femias fan a súa posta baixo a pel dos froitos, e desa posta nacen larvas que se alimentan da polpa. Poden ser moitas as larvas que o fan a expensas dun só froito, de xeito que chegan a destruílo e cae prematuramente ou podrece na árbore pola entrada de fungos oportunistas. Cando as larvas completan o seu desenvolvemento, saen do froito e entérranse no solo. No verán o ciclo do insecto é moi rápido, pudendo completarse nuns días.

Buracos de saída das larvas de Ceratitis dun pomelo

A loita contra a mosca mediterránea ten que facerse de xeito integrado, e aínda así, non hai garantías de que se elimine a poboación. Entre as medidas recomendadas están o uso de trampas de captura (alimenticias e/ou sexuais), os tratamentos con insecticidas autorizados (respectando sempre o prazo de seguridade), a retirada constante da froita caída ao solo ou tamén o labrado do terreo baixo as froiteiras para eliminar as pupas que darán lugar a novos adultos.

NOGUEIRA

Mosca da casca verde da noz, Rhagoletis completa

Estes días empezamos a ter consultas que aluden a noces que caen ao solo completamente negras e podres. Ao abrir a casca descomposta poden verse larvas desta mosca, cuxo control realizarase de xeito similar ao referido para C. capitata: uso de trampas, retirada regular das noces caídas ao solo ou labrado do terreo.

Larva de R. completa en noz ennegrecida e podre