Estado Fenológico M2
" class="tooltip_estado" data-placement="bottom" id="estado_M2"> M2 - (N) [85-(89) da codificación BBCH]A semana pasada e máis esta fixemos unha recollida de uvas nalgunhas das nosas parcelas de seguimento habitual para comprobar o grao alcohólico en albariño. Na seguinte táboa amosamos os valores obtidos, que simplemente han de servir a modo de referencia para aquelas persoas que non o teñen mirado aínda:
Comarca | Zona | 15-ago | 22-ago |
---|---|---|---|
Condado | Corzáns | 9,53 | 9,92 |
Meder | 9,79 | 10,25 | |
Rosal | Goián | 9,06 | 9,39 |
Eiras | 8,21 | 9,33 | |
Salnés | Ribadumia | 9,66 | 10,06 |
Modia | 9,46 | 9,73 |
A estas alturas da campaña, cando as temperaturas nocturnas aínda son relativamente elevadas e xa son habituais os orballos que manteñen a vexetación húmida durante horas (amais das néboas que se rexistran desde hai dous ou tres días segundo as zonas), a situación observada na revisión desta semana foi a mesma da anterior: síntomas novos con frutificación nos gromos (sobre todo nas viñas que non se tratan desde hai tempo), nas plantas testemuña e nas abandonadas. Tamén nalgunhas parras se incrementou a defoliación nas partes ás que non chegaron os tratamentos debido á excesiva frondosidade das plantas.
Aínda que moitas previsións meteorolóxicas anuncian unha elevada probabilidade de choiva para finais da semana próxima, a contía que prognostican a día de hoxe é reducida e por iso non debería de haber consecuencias negativas derivadas das novas contaminacións que poidan producirse, polo que poden aproveitarse estes días para facer unha limpeza dos acios máis danados co fin de gañar tempo para a vendima e de evitar a posible instalación de botrite.
En calquera caso, como xa dixemos noutras ocasións, nos predios con elevada presenza de manchas será conveniente aplicar un tratamento cúprico despois da vendima, en calquera momento antes da caída da folla, para reducir o inóculo para a próxima campaña.
En xeral, e malia climatoloxía favorable ao fungo, nesta semana non apreciamos variacións destacables na sintomatoloxía fronte ao observado na revisión anterior, nin sequera nunha viña cunhas plantas moi atacadas que miraramos as semanas anteriores. Ao igual que indicamos no mildio, naqueles predios que presenten máis síntomas será conveniente aplicar unha intervención post-vendima antes da caída de follas.
Debido á practica ausencia de choivas (as previstas para a fin de semana pasada foron locais e reducidas) e a que non houbo un exceso de horas de humidade foliar, apenas observamos un par de grans con presenza deste fungo no conxunto das viñas que visitamos, e ambos estaban asociados a unha perforación de Lobesia. Tamén os acios das variedades máis sensibles, e incluso os que teñen feridas ou restos dos ataques da avespa asiática ou de paxaros, aparecen sas. Con todo, sabemos que este fungo pode afectar aos acios ata o momento mesmo da vendima, polo que hai que continuar a vixilancia e asegurar unha boa ventilación das plantas si de aquí á recollida da uva hai precipitacións ou calquera outra circunstancia que poida beneficiar ao patóxeno.
No caso de que se dea esta última situación e de que fora preciso tratar (consulten antes cos seus técnicos), no Rexistro de Fitosanitarios do Ministerio hai, para Botrytis cinerea, tres materias activas naturais que, ou ben non teñen prazo de seguridade [Bacillus subtilis (cepa QST 713) 1,34% e Pythium oligandrum (cepa M1) 17,5%] ou ben este é só dun día [Saccharomyces cerevisiae (cepa LAS02) 96,1%]
A pesar das escasas capturas de machos de Lobesia botrana que tivemos en toda a campaña nas nosas trampas, en tres das nosas parcelas de seguimento verificouse que o pico de voo correspondeu á semana anterior, ao descender as capturas nesta semana. En canto ás postas e/ou penetracións, soamente vimos unha presenza moi escasa, testemuñal.
Despois de realizar a intervención recomendada hai dúas semanas na viña onde detectamos os Scaphoideus titanus, na revisión do pasado día 24 puidemos comprobar que non se recollera ningún adulto máis nas trampas. Canto aos outros cicadelidos, nalgún predio (sobre todo coincidiunos na comarca de O Rosal) puidemos observar certo incremento nas capturas e tamén no número de ninfas que contamos nas follas, pero sen maiores consecuencias. Deben lembrar que moita da sintomatoloxía que se asocia aos cicadelidos non é específica do insecto senón que pode deberse a causas abióticas, frecuentes nestas alturas da campaña.
Amais da presenza de plantas con síntomas de estrés hídrico e de enfermidades de madeira, esta semana observamos unha viña que tiña un forte ataque de trips nos gromos terminais.
Fronte á semana anterior, nunha sebe vimos dúas eirugas que aínda non crisalidaran e, na mesma sebe, ovos nunha folla e un par de pequenas larviñas, aínda que a situación máis común segue a ser, polo menos segundo observamos, a brotación. Tentaremos alertarlles cando notemos unha elevada incidencia da praga, pero como sabemos que pode haber diferentes situacións, é conveniente que continúen a vixilancia das plantas.