INFORMACIÓN FITOSANITARIA 6 de agosto
Lembren que a información que aportamos nos avisos fitosanitarios baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutras fincas que visitamos e tamén nos datos que, ás veces, nos aportan outros técnicos e viticultores. Por iso para facer unha xestión adecuada en cada caso é CONVENIENTE CONFIRMAR A SITUACIÓN PARTICULAR DE CADA PREDIO
VIÑA
Mildio
Na maioría das viñas de todas as comarcas xa está a iniciarse o pintado ou este atópase bastante avanzado. Con todo, aínda non está xeneralizado, polo que aínda existe, nalgúns predios, un risco de danos ás uvas aínda que mínimo. No que respecta á climatoloxía, ao igual que en boa parte desta campaña, persistiu o clima inestable con climatoloxía moi favorable (temperaturas e humidade elevadas) para este e outros patóxenos. Con estas condicións, loxicamente as capturas de esporas dos últimos días que temos analizados nos captadores que temos instalados en dúas viñas (proxecto VITICAST) son bastante altas, de ata 353 e 744 na de O Salnés e Areeiro (ao lado da fila testemuña), respectivamente.
Nalgunhas zonas, o domingo día 1 producíronse precipitacións de contía suficiente como para lavar os funxicidas de contacto que se tiveran aplicado con anterioridade. Amais, boa parte das previsións meteorolóxicas consultadas continúan anunciando certa precipitación para hoxe venres 6 e/ou mañá sábado 7; despois, parece que a meteoroloxía tende por fin a estabilizarse aínda que con ventos, nalgunhas xornadas, do oeste, o que aporta máis humidade. Polo observado nas visitas desta semana ás viñas da nosa rede e a outras que visitamos, os síntomas a nivel dos acios limítanse a algúns rebuscos, mentres que nas follas a situación é variable, sen novas manchas nalgúns predios (e tamén nalgunha planta abandonada) ou con manchas novas noutros e noutras plantas abandonadas.
Nas viñas con manchas novas, aínda que outros anos podería perigar a boa maduración das uvas de producirse defoliación, a gran frondosidade que en xeral hai este ano consideramos que é capaz de contrarrestar ben a posible perda de follas. Polo tanto, a nosa recomendación en xeral é non tratar, salvo nas viñas menos vigorosas e máis atrasadas ou onde, coa melloría do tempo, empece a manifestarse unha cantidade excesiva de síntomas.
Oídio
Na revisión desta semana observamos nunha viña un forte incremento na presenza de síntomas, tanto en folla como en pampo, nalgunha planta testemuña e tamén nun gromo non tratado. Con todo, nas viñas que visitamos a maioría das plantas son albariño, aínda que nalgunhas hai treixadura e godello e tamén algunha variedade tinta, pero sabemos que pode haber outras variedades máis sensibles, e de feito recibimos informacións dalgunhas persoas que teñen viña de que observaron un aumento dos síntomas nesta semana. Polo tanto, aínda convén manter a vixilancia, sobre todo nos predios con danos históricos de oídio e naqueles con danos anteriores nesta campaña, porque a uva non acadou o pleno pintado.
Black rot
Outra semana máis, non observamos cambios en ningunha das parcelas visitadas. Naquelas viñas onde haxa acios afectados por este patóxeno, tamén convén proceder a eliminalos co fin de non favorecer ás podres.
Botrite
Nesta semana observamos algún síntoma máis deste fungo en dous predios, pero menos do esperado á vista das condicións húmidas e cálidas que se rexistraron. Como sabemos, co pintado a botrite pasa a ser a enfermidade que representa un risco maior ata a vendima, pero na súa aparición inflúe moito o estado das uvas canto a danos por outros organismos ou por outras cuestións, e nas viñas que visitamos en xeral é bo. Nas viñas coma estas, de momento basta con eliminar os acios/grans con danos tendo en conta que, segundo as previsións, darase unha melloría do tempo que non favorecerá ao fungo. Nas variedades especialmente sensibles ou onde haxa feridas nos grans, pódese aplicar un tratamento dirixido aos acios para evitar posibles danos. Os tratamentos deben ser realizados de xeito adecuado, mollando ben os acios en toda a súa superficie.
Avelaíñas do acio
Nesta semana observamos certo aumento na presenza de síntomas, pero moi lonxe do limiar que xustificaría unha intervención. Canto ás capturas nas nosas trampas, nas de O Salnés verificouse que o pico de voo foi a semana anterior (baixaron de xeito significativo as capturas), mentres que nas de O Condado e O Rosal non recollemos ningún macho. Hai que continuar a vixilancia, en especial se a situación que se da nas súas viñas é diferente da descrita.
Outras incidencias nas viñas
Novamente temos que falar de capturas moi baixas de cicadelidos nas trampas, así como do número de ninfas atopado nas follas, que é só testemuñal. En canto a Scaphoideus titanus, tampouco apareceron nin ninfas nin os primeiros adultos na rede de trampeo que temos instalada para a súa detección.
Canto á erinose, en xeral mantívose estable. Polo que se refire ás plantas con síntomas de patoloxías da madeira, tampouco se incrementou o seu número, pero si se observan brazos illados completamente secos, que xa poden ser eliminados pero gardando todas as precaucións básicas das boas prácticas de poda.