Estado Fenológico N
" class="tooltip_estado" data-placement="bottom" id="estado_N"> N (89 da codificación BBCH)As uvas de Albariño xa presentan a cor e o aspecto xeral propios da maduración na grande maioría das viñas que visitamos, e as informacións que nos proporcionaron técnicos e viticultores, así como os resultados das análises de grao que fixemos nunha parcela media de cada unha das tres principais comarcas da provincia, así o constataron.
Comarca | Brix (%) | Grao alcohol | Acidez total (mol H+/L) | Ác. Tartárico (g/L) | Ác. Málico (g/L) | Ác. Cítrico anhidro (g/L) |
---|---|---|---|---|---|---|
Parcela Condado | 19,9 | 11,34 | 178,9 | 13,4 | 12,0 | 11,4 |
Parcela Rosal | 18,7 | 10,53 | 195,2 | 14,6 | 13,1 | 12,5 |
Parcela Salnés | 20,0 | 11,4 | 177,6 | 13,3 | 11,9 | 11,4 |
Como era de esperar, esta semana atopamos en todas as viñas máis gromos con mildio con frutificación nas follas terminais, e tamén áreas con avance nas manchas vellas de moitas delas. Porén, en ningunha delas apareceron síntomas da enfermidade nos pampos, nin sequera nas plantas que levamos sen tratar desde o 18 de xuño ou nas testemuñas sen tratamentos en toda a campaña. Pola súa banda, só atopamos un rebusco coa frutificación característica.
Sen dúbida as manchas seguirán manifestándose ata a vendima, pero xa sen incidencia sobre a maduración, e despois de recollida a uva continuará o avance da enfermidade sempre que haxa condicións climatolóxicas favorables que, a día de hoxe, non se prevén a maioría dos días. Aínda así, despois da vendima faremos un novo percorrido polos predios para comprobar a situación antes da caída da folla e así determinar si será necesario un tratamento cúprico (que nós non demos na maioría das viñas) para garantir o bo agostado da madeira.
O incremento, tanto no número de follas como no de rebuscos afectados polo patóxeno fronte ao observado a semana anterior foi mínimo nas viñas visitadas. Na revisión post vendima que faremos comprobaremos o avance da enfermidade e a potencial conveniencia de aplicar un tratamento para reducir o nivel de inóculo para a seguinte campaña.
A humidade derivada das choivas da semana anterior (que chegaron a acadar máis de 90 l/m2 en Soutomaior ou 60-70 l/m2 nas estacións de MeteoGalicia de outras áreas vitícolas) condicionou a aparición dalgúns acios afectados en diferentes predios, pero cunha incidencia moi baixa en xeral, ata o punto de que mesmo nas plantas de variedades tan sensibles coma Treixadura ou Loureira que temos nalgunhas parcelas apenas había un gran afectado. Estas observacións demostran que o estado previo das uvas é determinante, pola presenza ou non de feridas, na aparición do fungo, e nas viñas que nos visitamos era moi bo este ano.
Na revisión desta semana non observamos novos síntomas das eirugas nin tampouco recollemos adulto algún nas trampas. Iso si, nunha viña do Rosal e noutra do Salnés notamos un incremento no número de ovos, algúns deles nos rebuscos.
O número de adultos de cicadelidos Empoasca vitis e Zygina rhamni recollido nas trampas das nosas parcelas de seguimento ao longo da campaña foi moi reducido. Canto a Scaphoideus titanus, non volvemos capturar ningún despois do exemplar do Rosal mencionado hai dúas semanas. Porén, imos manter as trampas amarelas máis tempo debido a que temos capturado esta especie despois incluso da vendima.
Nesta campaña sen dúbida foron os ácaros da erinose os que máis frecuentemente se atoparon nas viñas, e só moi puntualmente apareceron síntomas confirmados de acariose.
Nas sebes que revisamos nós, esta semana observamos certas diferenzas entre os máis expostos ao sol das comarcas do sur e o resto. Así, mentres os primeiros estaban devastados pola alimentación das eirugas e xa non atopamos ningunha, no resto dominaban eirugas desde o estado L3. A presenza de eirugas era variable segundo a sebe, polo que non é posible aportar unha recomendación xeral máis que a de continuar as revisións, polo menos mentres haxa síntomas nos gromos máis novos, co fin de tratar en caso necesario.