Advanced-Content-List

Es necesario configurar el portlet antes de poder utilizarlo

AVISO FITOSANITARIO 02/04/2020

Iniciamos hoxe a publicación semanal dos Avisos e Información Fitosanitaria co obxectivo de seguir prestando este servizo pese ás medidas derivadas da situación de emerxencia sanitaria que estamos a vivir e á limitación da mobilidade. Por este último motivo, e mentres permaneza o estado de alarma, reducimos os percorridos fronte ao que é a nosa rede de seguimento habitual . Polo tanto, se sempre indicamos que a información que aportamos baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutras fincas que visitamos e tamén nos datos que, ás veces, nos aportan outros técnicos e viticultores, e que aínda así é CONVENIENTE CONFIRMAR A SITUACIÓN PARTICULAR DE CADA FINCA, esta recomendación ten aínda máis importancia nestes momentos.

VIÑA

Estado fenolóxico: E - F (-G) [19-53(-55) da codificación BBCH]

Como se pode comprobar á vista da fenoloxía reflectida, nas viñas que visitamos no percorrido reducido que fixemos observamos estados fenolóxicos bastante heteroxéneos, aínda que a maioría das viñas está en acios visibles, o que coincide tamén coas apreciacións que faciamos no camiño ás parcelas. As temperaturas frescas destes días de atrás provocaron un freo no crecemento, salvo en viñas situadas en orientacións especialmente abrigadas e/ou soleadas.


 

Mildiu

Nas viñas con desenvolvemento suficiente da vexetación (por riba dos 10 cm de lonxitude) cumpríronse as condicións para a infección primaria entre os días 18 e 22 do mes pasado. De feito, segundo nos informaron algúns técnicos, en dúas fincas moi adiantadas do Salnés e do Rosal xa se detectaron manchas de mildiu. Con todo, estes casos foron moi excepcionais, e as temperaturas frescas derivadas dos ventos do norte que tivemos ata hai uns días impediron que a situación se xeneralizase máis (aparte de provocar o freo no desenvolvemento da propia vexetación), maila escasa precipitación rexistrada, segundo as zonas, entre o 31 de marzo e o 1 de abril.

Canto á meteoroloxía prevista, as diferentes axencias meteorolóxicas consultadas anuncian choivas de máis de 10 l/m2 para o domingo 5, e certa precipitación o resto dos días entre mañá venres e o luns, acompañadas segundo está previsto de temperaturas nocturnas máis compatibles ca infección. Con esta situación, e o diferente desenvolvemento da vexetación que hai nas fincas, a recomendación xeral que aportamos é revisar as viñas máis desenvolvidas na procura das primeiras manchas. Se as viñas teñen xa un bo tamaño dos gromos e non poden facer a mencionada revisión, poden aplicar un tratamento inmediatamente despois das choivas (ou, se hai imposibilidade, antes, aínda que se perderá a protección derivada da compoñente de contacto do funxicida e se reducirá o tempo de protección da materia activa penetrante ou sistémica)

 

Xeralmente as primeiras manchas soen aparecer nas follas basais dos gromos e tamén nas viñas máis baixas próximas ao terreo, pero non ten que ser así necesariamente

 

No caso de intervir AXUSTEN O VOLUME DE CALDO ao desenvolvemento da vexetación para evitar gastos innecesarios e reducir tamén problemas para a saúde das persoas e o medio ambiente

OUTROS

Canto a outros parasitos se refire, e ao marxe da presenza de síntomas de excoriose (que aínda se podería tratar nas fincas menos desenvolvidas), non atopamos máis que algunhas follas con erinose e tamén caracois, sen maior importancia máis que en viñas novas moi húmidas.

Ademais, de xeito moi puntual, observamos danos de vento en parcelas expostas coas follas máis abertas e con brotes de maior tamaño.

Por outra banda, vimos que nalgunha viña quedan no terreo restos de madeira grosa de poda e tamén tocos de plantas eliminadas. Hai que retirar ambos tipos de material para evitar que incrementen o inóculo de patoloxías de madeira.

https://areeiro.depo.gal/documents/1262612/1269153/Restos+madeira+poda+grosos+deben+eliminarse.JPG/f581a241-c255-4721-a9ad-7fb9b8064b29?t=1585815213335

FROITEIRAS DE ÓSO

Lepra

Observamos xa follas dalgunha destas froiteiras cos síntomas típicos desta enfermidade, o cal era de esperar polo outono-inverno húmido que tivemos. Xa pasou o momento de tratamento máis oportuno fronte ao fungo causante da enfermidade, pero aínda é posible tentar frear o seu avance con intervencións que deben ser renovadas despois das choivas.

BUXO

Cydalima perspectalis

Notamos un avance destacable dos síntomas nas sebes que non foran tratadas na nosa finca de Areeiro, e tamén nunhas plantas que miramos nun xardín no percorrido que fixemos o pasado martes. Por outra banda, na pequena poboación que mantemos no noso laboratorio en condicións controladas para adiantarnos á situación do exterior, xa temos crisálides e mesmo naceu a primeira bolboreta. Novamente aconsellamos a revisión reiterada as plantas para localizar síntomas e eirugas e poder así optimizar o momento no que tratar.