INFORMACIÓN FITOSANITARIA 20 de abril
VIÑA
Mildio
Desde a emisión da información fitosanitaria anterior (mércores 13 de abril) cumpríronse en xeral as previsións meteorolóxicas que anunciaban tempo seco e ventos do norte en boa parte dos días. Estas condicións desembocaron en que, na visita que realizamos onte día 19, a vexetación tivera o desenvolvemento similar ao da revisión anterior, e tampouco se detectara síntoma algún do patóxeno. Tamén falamos con diferentes técnicos (tanto de adegas ou cooperativas coma libres) e, segundo nos informaron, observaron a mesma situación nas súas viñas.
Amais, as escasas condicións favorables ao patóxeno reflectíronse igualmente no número de esporas recollidas no captador que temos instalado na viña de Areeiro, que aínda non recibiu tratamento algún: entre os días 14 e onte 19, unicamente foron 12 os esporanxios capturados.

No momento da redacción desta información, todas as previsións meteorolóxicas consultadas anuncian un empeoramento do tempo coa chegada de diferentes borrascas atlánticas que provocarán precipitacións, xeralmente en forma de chuvascos, desde hoxe ou mañá segundo a axencia, ademais dunha baixada das temperaturas diúrnas e nocturnas que xa se está a notar. Por outra banda, a estas alturas da campaña, o desenvolvemento das viñas segue a ser moi diferente entre predios, e tamén mesmo dentro da mesma parcela, con viñas que só teñen máis ou menos desenvolvidos os gromos terminais das varas e outras xa máis crecidas. Con esta situación, e dado que non apareceu aínda (que saibamos) a primeira mancha, a nosa recomendación é esperar a que pase este episodio de frío e choivas nas viñas máis atrasadas e nas outras ir vixiando por se as temperaturas son finalmente máis elevadas do que se esperan.
Outras incidencias.- Aparte de síntomas de erinose, que non hai que tratar aínda que están distribuídos por case todas as viñas, e de caracois, tamén están a aparecer follas co limbo arqueado e con irregularidades en diferentes viñas (ver imaxe) que son debidas á climatoloxía variable típica desta e outras primaveras.
BUXO
Bolboreta do buxo (Cydalima perspectalis)
As temperaturas frescas que se están a dar non contribúen a un avance no ciclo desta especie. Deste xeito, seguimos a atopar, en xeral, algunha que outra eiruga, pero aínda non crisálides. Si é certo que nesta semana revisamos algunhas sebes e plantas illadas máis e nalgunhas observamos danos, que non eran moi significativos excepto nunha planta que medra en condicións inadecuadas e que por tanto non pode brotar para contrarrestar a alimentación das eirugas. Manter a vixilancia.