INFORMACIÓN FITOSANITARIA 8 de outubro de 2026

VIÑA

Recomendacións fitosanitarias

A climatoloxía de primavera e verán deste ano derivou non só nunha produción histórica e moi temperá, senón xa antes nunha campaña de tratamentos funxicidas máis curta, que nalgúns casos finalizou entre xuño e xullo. Por iso, cando non faga vento, é recomendable unha aplicación de cobre nesta temporada de tempo seco que, segundo as previsións meteorolóxicas a día de hoxe, se vai manter no tempo. Esta aplicación reducirá o inóculo de mildio nas follas antes de caer ao solo (malia que coa cicloxénese de finais de setembro xa caeu algo) e tamén facilitará o endurecemento ou agostado da madeira.

as_aplicacions_de_cobre_antes_da_caida_folla_son_recomendables

Ademais, tamén aproveitando o tempo seco, é recomendable ir eliminando os brazos mortos por patoloxías de madeira que haxa nas plantas e, mellor aínda, ir podando xa as plantas con síntomas destas enfermidades. Lembren que os cortes que se fagan sempre deben ser limpos, sen rachos, en bisel (nunca horizontais) e que hai que desinfectar as tesoiras, polo menos entre planta e planta. Se fan esta poda que recomendamos, o tratamento cúprico aconsellado no paragrafo anterior é mellor aplicalo a continuación co obxectivo de reducir a entrada dos patóxenos de madeira, co que aínda maximizaremos máis os efectos do tratamento cúprico.

Na vide hai un funxicida rexistrado para a cicatrización das feridas de poda: piraclostrobin 0,5% + boscalida 1%, cuxa autorización de rexistro actual caduca o 15 de decembro deste ano, pero segundo as recomendacións da casa comercial hai que aplicalo "durante a fase de dormición do cultivo (BBCH 00), cando non hai dosel na vide".

FROITEIRAS DE PEBIDA

Recomendacións fitosanitarias

Naquelas variedades nas que xa teña finalizada a colleita é aconsellable revisar a posible presenza de cancros. En caso afirmativo, agora que está o tempo seco pode/n eliminarse a/s rama/s afectada/s, procedendo do mesmo xeito que se comentou na viña e protexendo os cortes maiores cunha pasta feita cun funxicida cúprico. 

KIWI

Tratamento post colleita

Non só a uva senón que tamén todo fai pensar que o kiwi vai ser recollido máis cedo do habitual. De feito, en hortos familiares xa se están empezando a colleitar algúns froitos, aínda fóra da data óptima de maduración.

Como sabemos, o kiwi é unha planta moi sensible a certas bacterioses e por outra banda os seus froitos son bastante delicados e ata golpes lixeiros poden causar roturas na pel, danar a polpa e provocar podremias na conservación. Por este motivo, a colleita debe realizarse coidadosamente e tempo seco, e despois de facela tamén é aconsellable aplicar un tratamento cúprico.

a_recollida_dos_foitos_debe_realizarse_coidadosamente

CÍTRICOS E FEIXOA

Mosca mediterránea da froita

Nas feixoas e tamén nalgúns cítricos, en especial nos pomelos, están a verse agora os efectos do ataque deste insecto, cuxas larvas se alimentan da polpa e causan a podre e caída prematura dos froitos. As condicións climatolóxicas que estamos a ter nos últimos anos favorecen o seu desenvolvemento, e en campañas como esta boa parte da colleita potencial dalgunhas froiteiras se perde totalmente.

danos_da_mosca_mediterranea_da_froita_en_pomelo consecuencias_do_ataque_da_mosca_mediterranea_da_froita

A día de hoxe non hai posibilidade de controlar totalmente esta praga. Ao longo da campaña pódense instalar trampas específicas en altas densidades para reducir o número adultos e realizar aplicacións fitosanitarias con insecticidas autorizados. Ademais, nestes momentos é imprescindible retirar e destruír o máis frecuentemente posible as froitas caídas ao solo para evitar que as larvas se enterren e continúen o seu ciclo. Tamén segundo algunhas referencias a aplicación ao terreo de nematodos entomopatóxenos poden contribuír a reducir a poboación nociva, en especial cando o terreo está húmido.

NOGUEIRA

Mosca da casca verde da noz

As recomendacións aportadas para a mosca mediterránea son igualmente válidas para esta outra mosca que está a danar gravemente en toda Galicia as producións desta especie.

noz_afectada_por_rhagoletis_completa detalle_da_larva_da_mosca_da_casca_verde_da_noz

CASTIÑEIRO

Podre parda da castaña (Gnomoniopsis smithogilvyi)

Estamos a ter as primeiras consultas de castañas afectadas por este fungo, que non só causa a podre interna da castaña senón que tamén xa pode provocar a caída prematura dos ourizos e necroses ou cancros nas ramas. A infección adoita suceder xa na floración, pero pensando en reducir o inóculo para a seguinte campaña é aconsellable, igual que dixemos nos casos anteriores, retirar e destruír os ourizos caídos ao solo e a madeira morta que poida haber.

castana_con_podremia_parda