INFORMACIÓN FITOSANITARIA 17 ABRIL 2019
A información que aportamos nos avisos e boletíns fitosanitarios baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutras fincas que visitamos nos nosos percorridos e tamén nos datos que, ás veces, nos aportan outros técnicos e viticultores. En todo caso, SEMPRE CONVÉN CONFIRMAR A SITUACIÓN PARTICULAR DE CADA FINCA, porque pode haber diferencias mesmo locais. A nosa aportación debe ser considerada máis ben como unha referencia ou orientación, co obxectivo de mellorar a xestión dos nosos cultivos
VIÑA
Este ano incorporamos á nosa rede de seguimento algunhas parcelas pertencentes á IXP Ribeiras do Morrazo. Tanto aos seus propietarios como aos das fincas do resto de comarcas (aqueles que levan con nos moitos anos e outros novos), grazas pola confianza
Mildio
En xeral, as temperaturas que se deron durante as noites e as primeiras horas da mañá do mes de abril, momento desde o que podemos considerar que hai gromos ben desenvolvidos, son frescas (valores medios ao redor de 7-9 º C na maioría das estacións). Polo tanto non foron favorables ao desenvolvemento do fungo. Sen embargo, é certo que, especialmente a noite do día 14, houbo rexistros elevados durante horas que se acompañaron de xeito intermitente por humidade foliar e/ou humidade relativa por riba do 90%. Con esta situación, a día de hoxe o desenvolvemento teórico do mildio segundo Goidanich ronda o 30-40% nas diferentes estacións consultadas da DO Rías Baixas, só acadando o 56-58% en Bueu-Cabo Udra e Cangas Porto da IXP Ribeiras do Morrazo.
Na visita realizada onte día 16 a parte das parcelas da nosa rede non observamos os primeiros síntomas da enfermidade, nin tampouco ata este momento nos informaron de que teñan aparecido noutras fincas. Aínda así, as previsións das diferentes axencias meteorolóxicas, que ben é certo que non coinciden estritamente canto aos períodos de precipitación previstos para os próximos días, anuncian que, salvo a fin de semana, vai haber tempo novamente húmido e con choivas de xeito intermitente ou continuo, aínda que tamén prevén temperaturas bastante baixas. Tendo en conta estes datos, e o momento sensible da fenoloxía da planta, se non fan revisións periódicas aos viñedos, podería ser interesante protexer as viñas de xeito preventivo antes de que se inicie este período de precipitacións. No caso de facerse seguimentos na procura da primeira mancha (que soe, aínda que non sempre, aparecer nas follas da base do gromo), estes deben ser máis ou menos reiterados segundo se confirmen (ou non) as previsións meteorolóxicas.
No caso de intervir elixan preferiblemente un produto sistémico unido a un contacto. E non esquezan AXUSTAR O VOLUME DE CALDO ao desenvolvemento da vexetación (nestes momentos o gasto de caldo debe ser inferior), así como manter en bo estado as boquillas e demais elementos dos equipos de tratamento para evitar gastos innecesarios e reducir tamén problemas para a saúde das persoas e o medio ambiente
Pedroulo e outros gurgullos
Non vimos síntomas destes insectos nas viñas que visitamos, nin sequera nas máis atrasadas, que puntualmente sería onde poderían causar certos danos.
Ácaros
Nos inicios da campaña poden observarse síntomas que semellan aos producidos pola acariose pero que en realidade son consecuencia das condicións ambientais. Así, nas mostras que recollemos nas parcelas de seguimento e noutras que visitamos non atopamos exemplares observando as follas no laboratorio. Nalgunhas fincas, pola súa parte, si se aprecian síntomas de erinose, pero sen importancia.
Danos por vento e/ou sarabia
Hai viñas, sobre todo na área de influencia da IXP Ribeiras do Morrazo, que presentan danos nas follas e rotura de gromos polos efectos destes factores ambientais. Non son moi xeneralizados pero nas fincas onde se presenten á conveniente aplicar un produto que leve folpet cando fagan a primeira intervención fronte ao mildio.
MACEIRA
Moteado
De momento non temos observado síntomas, pero naquelas plantas de variedades sensibles que chegan a ter danos na froita en todas as campañas pode aplicarse un tratamento preventivo pensando no período de humidade elevada e continua que, segundo parece, vai vir despois da fin de semana. Ademais, procuren elixir un funxicida que leve unha materia activa cicatrizante (tipo captan) para protexer as feridas nas follas que se observan nalgunhas zonas.
KIWI
Bacterioses
Está iniciándose o estado fenolóxico botóns florais visibles (estado E1) e coincide cun período húmido, polo que é recomendable aplicar un tratamento cúprico para limitar os danos que poden causar estas patoloxías sobre a futura floración. Dado o carácter preventivo destas intervencións, deben renovarse segundo o período de protección do funxicida empregado se a climatoloxía continúa húmida, polo menos ata a apertura da flor.
No caso destas enfermidades é sabido que o control preventivo é imprescindible. Ademais, non esquezan a importancia da hixiene a nivel de calquera maquinaria, roupa ou utensilios necesarios nas plantacións (evitan a dispersión da bacteria), o abonado equilibrado (NUNCA REALIZAR ACHEGAS DESEQUILIBRADAS DE NITRÓXENO, ESPECIALMENTE EN FORMA AMONIACAL), etc.
FROITEIRAS DE ÓSO
Lepra
BOJ
Cydalima perspectalis
CAMELIA
Ácaro da caída do botón floral (Cosetacus camelliae)
EVÓNIMO, ROSEIRAS
Oídio
PATACA
Mildio
Co tempo húmido haberá que prestar moita atención á aparición de síntomas desta enfermidade ou, se non se realiza unha vixilancia do cultivo, será conveniente tratar.
Escaravello
Detectamos os primeiros individuos adultos nesta campaña sobre plantas xa ben desenvolvida