INFORMACIÓN FITOSANITARIA 3 abril 2024

VIÑA

Mildio

O mes de marzo foi moi chuvioso na nosa provincia: na práctica totalidade das estacións meteorolóxicas das zonas vitivinícolas recolléronse entre 200 e preto de 350 l/m2 de precipitación. Tamén, exceptuando os días excepcionalmente cálidos do 21 ao 24, as temperaturas diúrnas foron suaves e as mínimas, baixas. Con esta situación, nas visitas que estivemos a facer a parte das nosas parcelas de seguimento, e a aquelas outras que atopabamos nos nosos percorridos, en xeral observamos que as cepas nada máis que estaban a agromar, aínda que co paso do mes empezaron a estenderse as primeiras follas en todas as zonas salvo no Condado, onde as viñas están máis atrasadas neste inicio de campaña.

En xeral viñas puco brotadas marzo En xeral viñas puco brotadas marzo

Onte fixemos unha nova revisión e comprobamos que o desenvolvemento vexetativo das cepas de albariño estaba bastante contido aínda que, novamente exceptuando O Condado, en todas as viñas xa había cepas con gromos máis desenvolvidos e algunhas plantas, en maior ou menor número segundo o predio, tiñan xa o órgano floral (estado fenolóxico Baggiolini: F-G, acios visibles-separados; BBCH: 53-55).

Maior desenvolvemento gromos

Nestes primeiros días de abril, aparte de choivas, tamén as temperaturas estiveron a ter a mesma tendencia de marzo, pero a noite do 2 ao 3 xa tivo unha temperatura mínima superior, entre 13 e 15 ºC na maioría das estacións, ao igual que esta última, e esta tendencia parece que se vai manter cando menos ata sábado ou domingo. Estas temperaturas nocturnas favorecen ao patóxeno, e por iso, e considerando que xa hai esporas no ambiente segundo os captadores que temos instalados no marco do PLASMOWINE (na viña de Areeiro apenas capturamos pero na do Salnés xa recollemos nun día 79,92 esporanxios/m3), naquelas viñas con maior desenvolvemento da vexetación é conveniente aplicar o primeiro tratamento aínda que non aparecera a primeira mancha debido a que as condicións pasadas e actuais son moi favorables. Para este primeiro tratamento débese empregar un funxicida sistémico que protexa tamén os novos crecementos das vides e que non se lave coa choiva pois as distintas axencias meteorolóxicas consultadas continúan a anunciar precipitacións.

Concentración diaria de esporas

Se a súa viña tivo tamén black rot a campaña anterior pode utilizar un funxicida con efecto fronte a este fungo

Debido a que en calquera caso hai pouca masa foliar, de ser posible é conveniente facer os tratamentos con pistola e non co atomizador, ou co atomizador pero sen accionar o ventilador, para evitar que o produto sexa arrastrado polas correntes de aire fóra dos gromos a tratar

E non esquezan manter ben rozada a vexetación adventicia, pois na nosa visita de onte mércores día 3 aínda observamos viñas cunha densidade moi elevada, xa hai algunhas destas plantas coas inflorescencias e polo tanto cunha altura que en viñas baixas case chega á liña inferior de follas

Outras incidencias

Nalgunhas zonas producíronse estes días precipitacións en forma de sarabia que puideron provocar rachos de follas. Ademais, foi xeneralizada a concorrencia de ventos que, co escaso desenvolvemento da vexetación, deron lugar á perda dalgúns gromos. Como se sabe, as feridas de calquera natureza son portas de entrada de certos patóxenos, polo que haberá que estar pendentes. Tamén aos caracois, que están a aparecer xa nalgúns predios.

Xa empezan os caracois

BUXO

Cydalima perspectalis

Como xa saberán algunhas persoas, xa están activas ou retomando a súa actividade as eirugas que pasaron o inverno refuxiadas nas sebes. Por este motivo hai que estar moi alertas, porque nalgunhas plantas non tratadas xa hai danos moi evidentes.

Comezan actividade as eirugas da bolborea do buxo Outro efecto da bolboreta do buxo