INFORMACIÓN FITOSANITARIA

AVISO EXTRAORDINARIO VIÑA

Mildio

O día de hoxe estamos a recibir chamadas de diferentes persoas alertadas ante a aparición de síntomas de mildio nas viñas de diferentes variedades. Por esta razón, revisamos a nosa parcela de Areeiro (albariño) onde comprobamos que, mentres o venres apenas presentaba algunha mancha illada nas plantas testemuña, a día de hoxe estaban a aparecer manchas moi incipientes, en especial na propia zona testemuña pero tamén na tratada, que ben é certo que levaba unha soa aplicación (fai un mes) ante a ausencia de mildio. Debido ao incipientes que son, a maioría das manchas está sen frutificar ou cunha frutificación que só se está iniciando. Canto aos acios, están todos sas, limpos de enfermidade.

Manchas en folla de planta testemuña Enves das manchas de folla testemuña

Ben é certo que o acontecido é un escenario previsible á vista do tempo que levamos tendo nas últimas semanas, especialmente nas horas nocturnas, cando hai humidade e os termómetros se manteñen ben por riba dos 16ºC durante horas e raramente baixan dos 14 ºC. Estas condicións nocturnas parece que se van manter nos próximos días pero con precipitacións que poderán producirse durante toda a semana, co que o nivel de risco é extremo. Por iso publicamos esta información, para insistir na revisión das viñas (aínda que estean teoricamente protexidas) e lembrar que, se hai que intervir, o tipo choivas previstas a día de hoxe permitirá realizar un tratamento (algunhas persoas xa o están a facer hoxe) antes de que volvamos á estabilidade meteorolóxica.

Tamén recibimos información do Ribeiro dunha situación semellante, aínda que máis illadamente, pero neste caso non só referida ao mildio senón tamén ao black rot.