INFORMACIÓN FITOSANITARIA 16 de maio de 2024

A información que aportamos nos nosos boletíns fitosanitarios baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutros predios que visitamos nos nosos percorridos e tamén nos datos que nos aportan diferentes persoas (técnicas e viticultoras). Con todo, hai que revisar sempre cada situación particular, pois pode haber diferencias, e só analizando o estado de cada predio poderemos lograr, entre todos, unha mellor xestión dos nosos cultivos

VIÑA

Estado fenolóxico: H –(I1) -(I2) [Botóns florais separados- Inicio floración-(Plena floración)/ BBCH: 57-61-(65)

Esta semana a fenoloxía da viña temos que definila como irregular, heteroxénea, non só na mesma comarca senón tamén no mesmo predio, pois puidemos observar desde plantas que mantiñan os botóns separados (que non evolucionaran desde a semana anterior) ata plantas que non só xa floreceran senón que mesmo tiñan os grans formados aínda que de xeito moi incipiente (estes casos os menos).

Mildio

No aviso fitosanitario extraordinario de onte referiamos a aparición de manchas novas abundantes nalgunhas viñas do Salnés que, cando menos nas viñas que nós observaramos, eran viñas que tiveran síntomas relativamente abundantes con anterioridade (sobre as que nos informaran non dispoñiamos deste dato) e referiamos tamén que descoñeciamos si a situación era aplicable a outras comarcas. Pois ben, onte mércores visitamos O Condado e O Rosal e puidemos comprobar que efectivamente estaba a suceder o mesmo, aínda que quizais cunha incidencia menor ca observada naquela outra comarca.

Así, nalgúns predios detectamos, en focos, algúns síntomas novos (de momento só en folla) e moi incipientes, tanto que nalgún caso foron tremendamente complicados de observar.

Abundantes manchas novas en folla albariña viña RosalAs manchas eran recentes e case aínda sen frutificaciónAlgunhas manchas tan recentes que apenas perceptibles

Tamén os detectamos e coas mesmas características en plantas abandonadas de muros, peches, bordos.. de variedades que non coñecemos e que só presentan síntomas cando o risco é moi elevado.

Manchas moi novas tamén se detectaron en plantas abandonadas muros Condado

Amais, do mesmo xeito que observaramos no Salnés, nalgunha mancha antiga xa con tecido necrosado había zona de avance, o que non apreciaramos antes nesta campaña.

Esta mancha antiga necrosada parece ter zona de avanceZona de avance confírmase ao observar frutificación no envés

É certo que estes últimos días as temperaturas están a ser bastante frescas, pero hai que ter en conta que esta sintomatoloxía procede da finalización do período de incubación de diversas contaminacións primarias (que aínda poden producirse) e das infeccións secundarias correspondentes á primeira semana de maio. Tamén as condicións meteorolóxicas do fin de semana anterior foron bastante favorables ao patóxeno, pois houbo algunha noite na que as temperaturas mínimas non baixaron dos 12ºC (incluso cerca de 14ºC nalgunha estación), e tamén houbo e aínda hai durante o día períodos de sol alternando con precipitacións.

Por estes motivos, e dado que consideramos que a situación que está a suceder (aparición máis ou menos xeral de síntomas) non terminou aínda, como dixemos no aviso extraordinario emitido onte mércores día 15 hai que renovar a protección o antes posible, empregando preferiblemente un funxicida sistémico debido á relativa retroactividade das materias activas con esta propiedade e á súa capacidade de protexer os órganos en crecemento.

Black rot

Igual ca semana anterior, na parcela sometida a tratamento da comarca do Condado onde detectaramos síntomas do fungo, non  observamos avance algún, pero si en plantas abandonadas, onde non só se incrementou o número de manchas senón que tamén, coa elevada humidade que hai, os picnidios (corpos de frutificación) son máis aparentes. Este patóxeno vese favorecido por temperaturas algo elevadas en condicións de humidade; as previsións das diferentes axencias meteorolóxicas consultadas refiren incremento de temperaturas de cara a próxima semana e por este motivo, aproveitando que hai que renovar as intervencións antimildio, empreguen un funxicida con actividade fronte a este outro patóxeno se na súa viña soe detectarse esta enfermidade e/ou existen viñas abandonadas preto que poidan ser fontes de inóculo.

 

Manchas black rot viña en beira estrada zona CondadoPicnidios ben visibles en mancha black rot

MACEIRA

Moteado

Despois deste período de choivas, e considerando que se anuncia un incremento de temperaturas, será necesario aplicar un tratamento fronte a este patóxeno para evitar danos aos futuros froitos, en especial de variedades sensibles.

Micelio de moteado en folla maceiraSintoma e dano de moteado en maza

BUXO

Bolboreta do buxo

Nalgunhas sebes aínda queda algunha eiruga, pero na maioría continúan as crisalides. Con todo, cando empezaron a aparecer estas levamos algunhas ao laboratorio e xa naceu esta semana o primeiro adulto. 

Eiruga desenvolvida e crisalide da bolboreta do buxoAdulto de Cydalima nacido no laboratorio

CASTIÑEIRO

Tortrícido precoz do castiñeiro (Pammene fasciana)

Xa comezou na nosa zona o voo desta especie, que pode provocar a caída prematura dos ourizos, o que reduce loxicamente a futura colleita. Seguiremos informando da evolución das capturas para poder intervir no momento preciso.

Machos de Pammene fasciana en trampa