INFORMACIÓN FITOSANITARIA 26 abril 2024

A información que aportamos nos nosos boletíns fitosanitarios baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutros predios que visitamos nos nosos percorridos e tamén nos datos que nos aportan diferentes persoas (técnicas e viticultoras). Con todo, hai que revisar sempre cada situación particular, pois pode haber diferencias, e só analizando o estado de cada predio poderemos lograr, entre todos, unha mellor xestión dos nosos cultivos

VIÑA

Estado fenolóxico: G -(H) [Acios separados-(botóns florais separados)]/ BBCH: 55-(57)

Na nosa visita do mércores 24 ás comarcas do sur da provincia xa observamos as primeiras plantas de patróns ("bravos") en floración e tamén nunha planta cultivada moi protexida. Con todo, o arrefriamento do tempo probablemente produza unha contención da fenoloxía das vides, e polo tanto non se espera que se acade o inicio da floración de xeito xeral nos próximos días.

Xa hai floración nos bravos No Condado e nalgunha variedade xa empeza a floración

Mildio

No aviso do pasado mércores xa anunciamos a detección dos primeiros síntomas do patóxeno no Salnés e na nosa viña de Areeiro. Desde entón recibimos máis informacións referidas á aparición de novas manchas de aceite naquela comarca, onde semella ser un feito ben estendido. Pois ben, na nosa visita do mércores ás comarcas do Rosal e do Condado atopamos tamén a primeira mancha pero só nalgún dos predios, onde só detectamos unha única mancha que en xeral era moi incipiente, pouco visible e sen frutificación aparente.

Algunhas manchas moi incipientes e pouco visibles

Temos que dicir que, do mesmo xeito que nos sucedeu no Salnés o día anterior, non todas as manchas estaban en follas da base do pampo, que é o máis normal ao comezo da detección dos síntomas, senón que algunhas correspondían a follas centrais. Polo contrario, fronte ao Salnés, tamén observamos síntomas en follas de plantas abandonadas de variedades indeterminadas que hai aos bordos das vías ou nos muros dalgunha parcela.

Mancha de aceite en viña abandonada

Moita xente xa ten aplicado recentemente un tratamento para protexer as plantas fronte a este patóxeno; das da nosa rede habitual fixemos o mércores a primeira (ou segunda, só nun caso) intervención, e nestes momentos aínda temos sen tratar algunha viña debido a que non se detectou a primeira mancha ou só apareceu nunha planta testemuña das que deixamos sen aplicacións durante toda a campaña. O motivo de non tratar é o arrefriamento do tempo que parece que se vai prolongar durante os vindeiros días, o reducido número de esporanxios que recollen os captadores instalados no marco do Plasmowine (non máis de 7/m3 de aire e día), e a previsión, de practicamente todas as axencias meteorolóxicas consultadas no momento da redacción desta información (tarde do xoves 25), de ausencia de choivas para o luns, o que nos dará, tanto a nós coma a outras persoas, a oportunidade de realizar unha intervención se é preciso. En calquera caso, debido ao estado fenolóxico actual da vide é importante non descoidar a vixilancia.

Lembren que nestes momentos é IMPRESCINDIBLE o control da vexetación  adventicia para evitar que reteña humidade e dificulte a aireación na contorna das  vides, sobre todo en plantas novas ou nas formacións máis baixas como os espalleres. Parte desta vexetación está en floración nestes momentos, co que non é difícil que as  inflorescencias acaden unha boa altura

Black rot

Observamos os primeiros síntomas desta enfermidade en plantas abandonadas do Condado, pero ningún nas tratadas, nin sequera nas de parcelas con historial de presenza de danos. Si parece que apareceron de xeito máis estendido nalgunhas partes da Ribeira Sacra, segundo nos informou un viticultor daquela comarca. O tempo húmido favorece a este fungo e por iso é aconsellable, caso de facer algunha aplicación antimildio, utilizar un produto con efecto fronte a este patóxeno; de non ter que tratar o mildio, naqueles predios con historial do patóxeno haberá que aplicar algún funxicida dirixido ao control doo black-rot.

Primeiros síntomas black rot en plantas abandonadas Condado

Outras incidencias

Nalgunhas viñas xa se está a observar falta de brotes ou escaso desenvolvemento da vexetación nalgúns brazos. Esta sintomatoloxía apunta a que se trata de enfermidades da madeira. No caso de que o síntoma estea restrinxido, pode procederse, mellor xa despois da floración (e en tempo seco) a unha poda do brazo afectado,  desinfectando moi ben a tesoira e aplicando un  funxicida sobre o corte.

Planta afectada de enfermidade de madeira