INFORMACIÓN FITOSANITARIA 15 de maio de 2024

VIÑA

Mildio

Mañá día 16 publicaremos o Boletín Fitosanitario Semanal pero hoxe emitimos un aviso relativo ao mildio porque na tarde do luns empezamos a recibir informacións sobre a aparición de abundantes síntomas novos nalgúns predios do Salnés. Por iso nós volvemos a adiantar a onte martes a nosa visita a esa comarca, onde puidemos comprobar que as nosas parcelas de seguimento habitual, ao igual que algunhas que fomos observando, non rexistraban esta situación, pero que nalgunhas outras, que tiveran anteriormente síntomas máis abundantes polo número de síntomas antigos que presentaban, si estaba a producirse. Descoñecemos os funxicidas que se puideron empregar nestes predios así como a data do último tratamento pero probablemente estivera próximo a concluír o seu período de protección.

Envés de folla albariña con abundantes manchas incipientesFace de folla cunha gran mancha en predio con síntomas antigosOutra gran mancha en viña con síntomas anteriores

Como vimos de dicir, a situación destes predios non é xeral e tamén descoñecemos si é aplicable a outras comarcas (comprobarémolo na revisión de hoxe mércores). Con todo, emitimos este aviso para insistir na revisión das viñas (aínda que estean teoricamente protexidas) e recomendar, si é posible, un tratamento aproveitando claros na climatoloxía nas viñas afectadas. Naqueles casos nos que, na revisión, non se detecten estes síntomas, aínda se poderá agardar a que o tempo se vaia estabilizando conforme transcorran os días.