INFORMACIÓN FITOSANITARIA 14 de xuño de 2024

A información que aportamos nos nosos boletíns fitosanitarios baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutros predios que visitamos nos nosos percorridos e tamén nos datos que nos aportan diferentes persoas (técnicas e viticultoras). Con todo, hai que revisar sempre cada situación particular, pois pode haber diferencias, e só analizando o estado de cada predio poderemos lograr, entre todos, unha mellor xestión dos nosos cultivos

VIÑA

Estado fenolóxico: J (escala de Baggiolini). Codificación BBCH: 71-73

As temperaturas elevadas que se rexistraron ao longo desta semana, tanto máximas como mínimas, e un tempo despexado e luminoso en xeral, propiciaron o desenvolvemento dos acios, e así ata algúns dos máis expostos en predios moi solleiros amosan grans que case acadan o tamaño chícharo.

Acios expostos ao sol en predio solleiro

Mildio

Finalmente, o episodio tormentoso que estaba previsto para a fin de semana pasada, e que xa tivera as súas primeiras manifestacións desde xoves ou venres deixou choivas repartidas moi irregularmente tanto en cantidade (desde máis de 30 l/m2 ata practica ausencia de precipitación) como en tipo (desde choiva tipo orballo ata sarabia intensa). O que si foi coincidente en todas as comarcas foron as temperaturas mínimas elevadas, neste caso non só ao longo da fin de semana, cando nalgunhas zonas non baixaron de 18-19ºC, senón tamén durante toda a semana. Como sabemos, estas condicións unidas a unha elevada humidade son moi favorables ao patóxeno, e así se reflectiu no número de esporanxios recollidos no  captador que temos instalado nas plantas testemuña da nosa viña de Areeiro, que non ten próximos outros predios deste cultivo.

Concentración diaria de esporas

Con todo, na revisión desta semana ás nosas parcelas de seguimento e a outras que visitamos ao azar non atopamos situacións graves no que a síntomas se refire, máis ben ao contrario, consideramos que debido a que a maioría dos predios recibiran un tratamento antimildio xusto antes de que se iniciara o episodio tormentoso e/ou fixeran labores de despuntado máis esfolla, que eran moi necesarias. É certo que nalgún caso observamos, onde xa se levaba arrastrando unha infección mal controlada, algún acio disperso cuns grans con frutificación así como algunha mancha non ben curada.

Para estes próximos días anúnciase novamente tempo inestable, con precipitacións que serán de diferente contía e sucederán en días diferentes segundo a axencia consultada, e a priori cunha baixada de temperaturas máximas e mínimas que tamén será máis ou menos acusada en función da previsión. Con esta incerteza e non coincidencia a futuro a única recomendación que podemos aportar é a revisión dos viñedos, sobre todo daqueles menos ventilados, con restos de infeccións anteriores non ben controladas e/ou nos que estea próximo a concluír o período de protección do tratamento anterior, renovando a aplicación cando o tempo o permita se aparecen novos síntomas, en especial se as temperaturas son finalmente favorables ás infeccións.

No caso de ter a viña nunha zona onde tivera caído sarabia, se hai que renovar a aplicación utilice un funxicida que leve folpet na súa formulación

E non esquezan que, de ter que renovar a aplicación, é fundamental respectar as boas prácticas agrícolas e non facelo cando hai ventos de máis de 3 m/s (aproximadamente 11 Km/h) para evitar a contaminación de áreas fóra da viña a tratar e tamén para garantir a maior eficacia posible na intervención

Oídio

Nas revisións desta semana non atopamos novos síntomas desta enfermidade, probablemente polos tratamentos realizados. Con todo, estamos nun período con elevada humidade, e si as precipitacións previstas son en forma de orballo, o fungo aínda se verá máis favorecido, aparte de que a viña está nun período de alta sensibilidade ao patóxeno. Por estes motivos hai que manter a vixilancia, en especial si a viña está composta por variedades sensibles.

Black rot

Esta semana xa observamos os primeiros acios afectados polo fungo nunha viña do Condado que ten próximas varias plantas de vide abandonadas que presentan síntomas desde hai tempo, o que incide na importancia de eliminar todas estas plantas, pois son vías de entrada de enfermidades aos predios.

Sabemos que a humidade elevada é un factor importante no desenvolvemento desta enfermidade, e que para os próximos días hai un novo episodio de precipitacións, e por iso hai que manter un elevado nivel de vixilancia e, en caso de realizar unha aplicación, utilizar funxicidas con actividade conxunta fronte a black rot, mildio e oídio nas parcelas sensibles.

Avelaíña da uva

Esta semana non tivemos captura algunha en ningunha das trampas que temos instaladas, o que apunta a que ten finalizado ou está a finalizar o período de voo da primeira xeración da praga. Tampouco atopamos ningún novo glomérulo (niño) da eiruga.  

Glomérulo de Lobesia

Acariose

Esta semana observamos, nunha das viñas nas que nos detemos nos nosos percorridos, uns brotes co síntoma característico desta praga. Recollemos unhas follas e confirmamos á lupa que efectivamente se trataba do ácaro, que facía tempo que non detectabamos nos predios que imos revisando.