INFORMACIÓN FITOSANITARIA 21 de xuño de 2024

A información que aportamos nos nosos boletíns fitosanitarios baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutros predios que visitamos nos nosos percorridos e tamén nos datos que nos aportan diferentes persoas (técnicas e viticultoras). Con todo, hai que revisar sempre cada situación particular, pois pode haber diferencias, e só analizando o estado de cada predio poderemos lograr, entre todos, unha mellor xestión dos nosos cultivos

VIÑA

Estado fenolóxico: (J) k (L) (escala de Baggiolini). Codificación BBCH: (73)-75-(77)

Novamente observamos, na revisión desta semana ás nosas parcelas habituais e a outras que visitamos, un incremento bastante evidente no tamaño da uva, de xeito que o estado dominante é o de grans tamaño chícharo. É máis, en case todos os predios tamén se poden observar acios en pre-peche. Nas mesmas datas do ano pasado a fenoloxía dominante era a mesma, só que non había acios en pre-peche, estado que practicamente se acadara a finais do mes.

20240619 Acio en pre peche

Mildio

Como ben é sabido, esta semana choveu practicamente todos os días, con precipitacións que non foron dunha contía moi elevada pero que si foi mantida ao longo das horas, de xeito que a humidade relativa do aire estivo ben alta, con medias de 80-100% cada un dos días transcorridos desde o pasado venres día 14, e incluso tamén os dous últimos días sen apenas precipitación. Amais, as temperaturas finalmente foron suaves, e nas primeiras horas sen luz algunhas xornadas mantivéronse incluso na contorna dos 16-17ºC, moi propicias para a frutificación do fungo. Deste xeito, o captador da nosa parcela de Areeiro, situado nas plantas testemuña, recolleu unha cifra moi alta de esporanxios, sobre todo o 17 e o 18 (máis de 600/m3 de aire), e o mesmo o situado no Salnés, que está nunha viña tratada pero na que xa estaba a concluír o período de protección teórico do tratamento anterior.

Concentración diaria de esporas

As condicións tan húmidas que houbo favoreceron que nas viñas abandonadas seguiran aparecendo novas manchas en abundancia e con frutificación incipiente.

Pero tamén nalgúns predios se viron síntomas en acio, e do mesmo nos informaron varios viticultores e algún técnico que colabora con nós. Nalgúns destes casos eran os primeiros síntomas observados na campaña (caso da nosa viña do Salnés onde temos o captador e onde xa non había protección do tratamento anterior), pero noutros seguían a ser consecuencia de infeccións mal controladas desde o inicio ou dun mal mantemento da frondosidade da viña ou da altura da cuberta vexetal que hai baixo as cepas. Amais, tamén se puido ver algunha mancha nova neste tipo de viñas.

As diferentes axencias meteorolóxicas consultadas prevén que o tempo vai mellorar (xa o está a facer, de feito) pola crecente influencia do anticiclón das Azores, pero novamente advirten de que as previsións poden cambiar. No momento da redacción deste boletín (tarde do xoves 20) anuncian, en xeral, tempo seco con nubes e claros, pero algunhas dan unha pequena  precipitación un ou dous días. As temperaturas, segundo indican, serán altas ou moi altas, tamén as mínimas, e os ventos de dirección variable, algúns días con refachos próximos a 50 Km/h.

Despois das chuvias xa se terán renovado os tratamentos antimildio nos predios que estaban próximos a quedar sen protección e/ou naqueles onde apareceron acios afectados. Onde non se fixera, haberá que proceder, pero prestando moita atención aos ventos, que non deben superar os 11 Km/h. Onde xa se fixera, hai que revisar moi ben o estado da enfermidade, en especial si os ventos que veñen nos próximos días son húmidos ou si continúa a rexistrarse unha moi elevada humidade relativa, dado que a previsión de altas temperaturas nocturnas é xeral.

Nestes momentos é preciso coidar moi ben que a vexetación das cepas non sexa excesiva para favorecer a aireación dos acios

Oídio

Malia ter habido condicións favorables, os tratamentos que se están a realizar están a controlar perfectamente as infeccións, cando menos nas viñas que revisamos nós. Tamén é certo que non vimos síntomas nas plantas testemuña que mantemos sen intervención de ningún tipo na campaña. Manter a vixilancia, en especial nas variedades máis sensibles.

Black rot

Non vimos máis síntomas da enfermidade, pero hai que manter a vixilancia e procurar eliminar vides abandonadas próximas ás viñas en produción.

Cicadelidos

De momento as capturas de adultos de Empoasca vitis (mosquito verde) nas trampas son pequenas. Con todo, e como xa avisamos o pasado luns día 17, é o momento de aplicar o primeiro tratamento contra o cicadelido transmisor da flavescencia dourada nas comarcas fronteirizas con Portugal afectadas pola loita obrigatoria que se estableceu pola detección do patóxeno. Desde o pasado mes de maio xa se está a producir o nacemento e desenvolvemento das formas xuvenís e agora xa poden infectar plantas sas no caso de ter adquirido o fitoplasma causante da enfermidade de plantas infectadas do ano anterior. Os tratamentos contra S. titanus son obrigatorios na denominada Zona Demarcada (que se pode consultar en: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20231117/AnuncioG0426-101123-0001_es.html), pero moi convenientes en todo este área para tentar de limitar ao máximo a extensión da enfermidade. As materias activas autorizadas polo Ministerio son deltametrin 1.5, 1.57 e 2.5%, acetamiprid 20%, lambda cihalotrin 1.5, 2.5 e 10%, tau-fluvalinato 24% e Beauveria bassiana (cepa ATCC 74040) 2.3%.

Debido a que boa parte dos insecticidas autorizados son a base de materias activas de contacto, é moi importante mollar ben o envés das follas no caso de tratamentos con pistola como en superficies pequenas.

Amais, é fundamental nas zonas afectadas eliminar tamén os ladróns das cepas, pois as formas xuvenís do insecto teñen bastante tendencia a agocharse nas súas follas

Acariose

Na viña onde a semana anterior observaramos síntomas de acariose, e confirmaramos á lupa a presencia do ácaro, notamos un lixeiro avance nos síntomas.

MACEIRA E PEREIRA

Moteado

As condicións climáticas húmidas destes días favorecen que aparezan síntomas desta enfermidade, e para evitar que os froitos rachen será necesario tratar.

Non esquezan elixir un funxicida cun corto prazo de seguridade nas variedades máis temperás e RESPECTAR ESTRICTAMENTE este prazo

Avelaíña da maceira

Na nosa parcela de seguimento, que mantemos sen tratamentos para comprobar a evolución natural do voo do insecto, as capturas superaron esta semana o limiar de tratamento. Pero como saben, sempre insistimos na instalación de trampas en cada parcela concreta como medio de racionalizar e optimizar o control.

Lembren que as feridas derivadas dun mal control deste insecto non só deprecian directamente aos froitos senón que tamén favorecen a instalación de fungos de podremia sobre eles.