INFORMACIÓN FITOSANITARIA 06 de xuño de 2024

A información que aportamos nos nosos boletíns fitosanitarios baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutros predios que visitamos nos nosos percorridos e tamén nos datos que nos aportan diferentes persoas (técnicas e viticultoras). Con todo, hai que revisar sempre cada situación particular, pois pode haber diferencias, e só analizando o estado de cada predio poderemos lograr, entre todos, unha mellor xestión dos nosos cultivos

VIÑA

Estado fenolóxico: I 2- J . BBCH: 69-71

Mildio

O ambiente tormentoso que estamos a ter desde onte xoves ou, nuns poucos sitios, xa desde a noite do mércores representa unha climatoloxía tremendamente favorable para o desenvolvemento de moitos patóxenos, entre eles o causante desta enfermidade. Pero en realidade xa desde a emisión do anterior boletín fitosanitario e mailos ventos do nordés que houbo, déronse condicións nocturnas moi propicias para a esporulación (frutificación): as temperaturas mínimas estiveron altas, en case todas as estacións meteorolóxicas con rexistros por riba de 13ºC e mesmo chegando a 17-19ºC algúns días, e foi xeral a concorrencia de orballos nocturnos, que se mantiveron na vexetación durante horas nas zonas menos expostas ao sol.

Con estes rexistros, xa esperabamos que nas visitas desta semana ás viñas (ás da nosa rede e a outras que revisamos nos nosos percorridos) iamos observar manchas, e así foi, pois apareceron en todas elas, mesmo naquelas da nosa rede nas que aínda non detectaramos máis que a mancha inicial coa que deramos comezo aos tratamentos. Porén, as manchas antigas aparecían, en xeral, ben controladas, sen zona de avance.

En todas as viñas había manchas novasMancha antiga sen zona de avanceMancha antiga con zona de avance e frutificación

Pero temos que dicir que a aparición de novas manchas foi moito máis masiva nas viñas abandonadas, e de feito unha das que revisamos habitualmente pasou de non ter máis que algunha mancha esporádica a presentar boa parte das follas afectadas, algunha delas no 100% da súa superficie.

Manchas black rot viña en beira estrada zona Condado

A nivel de acios, das parcelas da nosa rede só vimos afectado algún moi esporádico nunha das parcelas do Rosal e noutra das do Salnés, a primeira cun exceso de desenvolvemento vexetativo e a segunda que mantivo ata finais da semana pasada a vexetación acompañante largo tempo sen rozar.

Exceso de desenvolvemento vexetativoEsta parcela foi rozada hai pouco

Precisamente este último factor, o exceso da vexetación acompañante, é o responsable do ataque máis forte de mildio que vimos na campaña, concretamente nun predio coa viña conducida demasiado baixa e na que aquela vexetación baixo as cepas se mesturaba coa das vides. Nesta viña moitos acios amosaban frutificación abundante, e tamén follas e pampos estaban afectados. Dáse a circunstancia de que o último tratamento fora realizado hai só uns días, o que unha vez máis incide no que non nos cansamos de repetir: tan importante como as aplicacións fitosanitarias é un adecuado manexo da viña para favorecer a ventilación e evitar as retencións de humidade.

Esta viña cun mal manexo tiña grave ataque de mildioDanos en pampo en viña con vexetación baixo as cepasAcios con frutificación mildio nesa viña

Como xa saberán, as previsións das diferentes axencias meteorolóxicas anuncian desde hoxe xoves á noite ou desde mañá venres un episodio de tormentas con forte aparato eléctrico e precipitacións abundantes o sábado, aínda que tamén advirten que a previsión pode variar pois está suxeita a certa incerteza. Canto ás temperaturas mínimas serán altas ou moi altas, e mesmo poderán ter valores de 19º C, o que implica un risco extremo en relación a esta enfermidade. Moitas persoas sabemos que estes días xa están aplicando os pertinentes tratamentos antimildio (que aínda deben facerse con funxicidas sistémicos) pero aquelas que non o teñan feito por considerar que teñen a viña protexida por unha aplicación anterior deben ir comprobar obrigatoriamente o estado das plantas para actuar a tempo en caso necesario. Segundo a maioría das previsións, a partir de domingo ou luns a situación meteorolóxica estabilizarase, pero aínda será preciso manter un nivel de alerta máximo por se non se controlaron ben as infeccións existentes, dado que a situación observada por nós é, segundo nos informaron algúns colaboradores, bastante xeral.

Oidio

A semana anterior falabamos da detección do fungo nunha cepa que se atopaba nunha zona bastante favorable ao estar sombría e mesturada con outras plantas. Pois ben, nas revisións desta semana atopamos o primeiro gran afectado doutra variedade moi sensible ao fungo (era unha variedade tinta). Curiosamente, non se observaba síntoma algún na folla, pero a cepa era bastante frondosa e tamén estaba nunhas condicións de pouca luz. Sabemos que este fungo ten un amplo rango de temperaturas e de humidades nas que pode desenvolverse pero que as néboas e a luz difusa, situación que se está a dar na actualidade e que son relativamente frecuentes ao longo deste mes na nosa zona, si son factores que o favorecen en grande medida. Por este motivo, nos futuros tratamentos que se apliquen deben incorporar sempre un antioídio considerando ademais que este patóxeno é tremendamente difícil de xestionar si se introduce nun predio.

Black rot

Aínda que non observamos nesta semana un incremento dos síntomas deste patóxeno, as temperaturas elevadas e a humidade tamén alta lle son favorables. Nalgunha das nosas zonas o patóxeno de momento non causa danos pero naquelas zonas/predios onde soe haber síntomas empreguen funxicidas antimildio e antioídio con actividade fronte a este outro fungo.

Manchas black rot viña en beira estrada zona Condado

Avelaíña da uva

Continuamos a ter poucas capturas de machos nas trampas e, aínda que miramos algún niño (glormérulo) máis, a súa presenza segue a ser baixa. 

Glomérulo de Lobesia

PLANTAS DE HORTA

Mildio

A proximidade destas plantas ao solo obriga, coas condicións climatolóxicas actuais e as que se prevén para a fin de semana, a renovar a protección naqueles cultivos nos que non se estea a producir a colleita ou que esta non está próxima.

Mildio esporulado en pataca

CASTIÑEIRO

Tortrícido precoz do castiñeiro (Pammene fasciana)

Esta semana aínda se incrementaron máis as capturas de machos nas nosas trampas. 

Machos de Pammene fasciana en trampa