INFORMACIÓN FITOSANITARIA 10 maio 2024

A información que aportamos nos nosos boletíns fitosanitarios baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutros predios que visitamos nos nosos percorridos e tamén nos datos que nos aportan diferentes persoas (técnicas e viticultoras). Con todo, hai que revisar sempre cada situación particular, pois pode haber diferencias, e só analizando o estado de cada predio poderemos lograr, entre todos, unha mellor xestión dos nosos cultivos

VIÑA

Estado fenolóxico: H –(I1) –(I1) [Botóns florais separados- (Inicio floración)]/ BBCH: 57-(60-61)

As temperaturas medias ao longo da semana mantivéronse moderadas, e só hai que destacar os valores elevados rexistrados o mércores día 8, na contorna de 29ºC nalgunhas estacións. Así, a fenoloxía das vides mantívose bastante contida e só nalgúns predios máis adiantados do sur da provincia hai plantas en floración.

Planta en floración en viña Rosal

Mildio

Como estaba previsto, durante a fin de semana anterior concluíu o episodio de precipitacións que durou toda a semana e que rexistrou cifras totais comprendidas entre os 80 e os 140 l/m2 na maioría das estacións, e subiron tamén as temperaturas mínimas. E, ben fora aproveitando claros ou ben despois do domingo, a totalidade ou boa parte das viñas xa recibiron o tratamento preceptivo. Se dicimos "boa parte das viñas" é porque na nosa de Areeiro aínda a estas alturas non fixemos intervención fitosanitaria algunha, debido ao escasísimo número de esporanxios que recollemos no captador que temos instalado no marco do PLASMOWINE e tamén a que só atopamos dúas manchas no que vai de campaña.

Tampouco esta semana atopamos síntomas novos do patóxeno noutras viñas, e mesmo algunha que miraramos anteriormente que presentaba manchas aínda non ben curadas, nesta semana si o estaban.

Nas plantas abandonadas que tamén revisamos só vimos algún síntoma illado, pero non alarmante, e é que tampouco no captador de esporas que temos nunha viña do Salnés recollemos moitos esporanxios:

As previsións meteorolóxicas que consultamos están variando periodicamente nos seus prognósticos para os próximos días e tampouco coinciden entre elas no relativo ás temperaturas e á dirección dos ventos que se van dar, polo que haberá que estar alertas a como evolucionan. En principio prevén tempo seco a curto prazo, con temperaturas máximas e mínimas bastante elevadas, e despois novamente precipitacións dunha contía que non semella que vaia ser moi elevada e dunha duración variable segundo a axencia meteorolóxica, con temperaturas máximas máis baixas e mínimas con variacións. Tendo en conta estas previsións, o episodio de choivas pasado e a fenoloxía actual das plantas moi sensible ao patóxeno, hai que manter un elevado nivel de vixilancia no viñedo, que debe ser revisado periodicamente para detectar a tempo posibles manchas novas, zonas de avance nas antigas ou ben danos en acio.

Mildio

Polo de agora non observamos síntoma algún do fungo e aínda non realizamos o primeiro tratamento en ningún predio. Con todo, a viña entra agora nun período de maior sensibilidade, e este fungo pode desenvolverse nun amplo rango de condicións ambientais (o seu desenvolvemento óptimo dáse entre 25 e 30 °C, e entre 40 a 100% de humidade relativa), polo que é preciso incrementar a vixilancia, sobre todo nas plantas peor aireadas e de variedades máis sensibles. Amais, algunha axencia meteorolóxica anuncia néboas costeiras para algúns días, e como sabemos as néboas tamén lle resultan propicias.

Black rot

Non observamos avance algún na viña do Condado onde referiamos a semana anterior que aparecera o primeiro síntoma da enfermidade e tampouco os observamos noutros predios. Canto a plantas abandonadas, na revisión desta semana atopamos os primeiros en pampo. Se a semana anterior diciamos que nas viñas con historial de presenza desta enfermidade, os tratamentos fronte ao  mildio deben realizarse con  funxicidas que teñan efecto fronte a  black rot, tamén cando comecen as intervencións antioídio deben elixir un produto recomendado para controlar ambos patóxenos.

Primeiro sintoma black rot viña cultivada Condado Síntomas black rot pampo viña abandonada

Outras incidencias

Esta semana destacamos, nalgúns predios, a abundancia de brotes partidos polo vento ou pola sarabia caída localmente.

KIWI

Bacterioses

Nunha primavera na que se suceden os períodos de choivas, e considerando que é conveniente protexer a futura floración fronte a estas enfermidades tan habituais neste cultivo, haberá que aplicar un tratamento tras o novo episodio anunciado para a próxima semana.

Débense protexer os kiwis fronte as bacterioses na época dos botóns florais  Síntomas de PSA en hoja