INFORMACIÓN FITOSANITARIA 02 maio 2024
A información que aportamos nos nosos boletíns fitosanitarios baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutros predios que visitamos nos nosos percorridos e tamén nos datos que nos aportan diferentes persoas (técnicas e viticultoras). Con todo, hai que revisar sempre cada situación particular, pois pode haber diferencias, e só analizando o estado de cada predio poderemos lograr, entre todos, unha mellor xestión dos nosos cultivos
VIÑA
As temperaturas frescas destes días frearon ata certo punto a evolución da fenoloxía da viña, de xeito que apenas avanzou o estado dos acios. Segundo as previsións meteorolóxicas este retraso parece que vai favorecer a floración, pois espérase tempo máis seco despois deste episodio de precipitacións.
Mildio
Desde a publicación do boletín anterior a climatoloxía mantívose, como se esperaba, fresca, con temperaturas baixas para a época do ano, e húmida, con precipitacións máis ou menos continuadas e intensas, que nalgunhas zonas da provincia foron puntualmente en forma de tormenta ou de sarabia, como a forte tromba rexistrada onte día 1 á altura de Portas. As condicións de tempo fresco non son especialmente favorables ao patóxeno pero aínda así ao longo dos días recibimos varias informacións nas que nos informaba dun incremento na presenza de síntomas de mildio en diferentes predios de todas as comarcas, mesmo nalgún caso con forte ataque no pampo e no acio (foto cedida polo autor).
Na revisión ás viñas que realizamos o martes 30, na que como é sabido visitamos os predios do noso seguimento habitual, outros tratados a criterio da propiedade e outros ao azar nos que nos detemos nos nosos percorridos, puidemos observar en xeral diferentes situacións:
- - viñas con ausencia total de síntomas que foran tratadas (unha ou dúas aplicacións) ou aínda non;
- - viñas cos síntomas anteriores perfectamente controlados nas que había algunha que outra mancha nova;
- - viñas con máis manchas e non perfectamente curadas;
- - viñas abandonadas tamén con manchas.
A detección destas manchas pese ás temperaturas tan frescas pódese deber a contaminacións en curso causadas por episodios favorables pasados, á elevada humidade rexistrada (a vexetación mantívose mollada ata 19 horas cada día), e á coincidencia dalgunhas horas molladas en momentos xa sen luz pero con temperaturas compatibles co patóxeno.
As axencias meteorolóxicas consultadas anuncian a continuidade das precipitacións en principio ata luns. Estas choivas poderán ser tormentosas e con sarabia, e máis ou menos persistentes segundo os días, pero máis intensas venres e sábado. Canto ás temperaturas, prevén que a partir de mañá venres 3 ou do sábado suban, tamén as mínimas, o que sen dúbida favorecerá o desenvolvemento do patóxeno. Con estas previsións e o estado fenolóxico tan sensible da viña, hai que extremar a vixilancia, e naqueles predios nos que haxa maior incidencia de síntomas haberá que renovar o tratamento o antes posible (aproveitando mesmo momentos de claros) e no resto de casos facelo tamén unha vez se estabilice a climatoloxía.
Naqueles predios onde poida haber danos nas follas ou nos gromos pola sarabia ou polo vento poden elixir algún funxicida que leve folpet para favorecer a cicatrización das lesións e limitar tamén a instalación de botrite
Black rot
Na revisión desta semana observamos o primeiro síntoma do patóxeno nunha planta dunha viña do Condado que tiña no muro próximo unha cepa abandonada con síntomas. Esta enfermidade vese favorecida por unha humidade relativa elevada e por temperaturas altas, e por iso haberá que estar moi pendentes ante o aumento das temperaturas que se prevé. En calquera caso, naqueles predios con historial de danos por este patóxeno utilicen funxicidas tamén rexistrados para controlalo ao facer unha intervención antimildio ou un potencial tratamento antioidio.
Outras incidencias
Amais das plantas con patoloxías de madeira e dos danos por caracois, esta semana empezamos a falar sobre os insectos: as capturas de Lobesia botrana son aínda moi baixas nas trampas, de mosquito verde (Empoasca vitis) só recollemos esta semana os dous primeiros adultos nas trampas, e non observamos ningunha ninfa deste cicadelido (nin tampouco de Scaphoideus titanus) nos recontos ás follas.
Por outra banda, destacamos que moitas viñas teñen unha cor de vexetación máis clara do normal, o que puidemos observar en moitos predios de todas as comarcas e que fai pensar é debido ás condicións especiais da climatoloxía, que non facilitan a absorción de nutrientes polas raíces (non ten por que haber carencias), polo que é de esperar que se torne en canto cesen as choivas e suban as temperaturas.