INFORMACIÓN FITOSANITARIA 31 de maio de 2024

A información que aportamos nos nosos boletíns fitosanitarios baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutros predios que visitamos nos nosos percorridos e tamén nos datos que nos aportan diferentes persoas (técnicas e viticultoras). Con todo, hai que revisar sempre cada situación particular, pois pode haber diferencias, e só analizando o estado de cada predio poderemos lograr, entre todos, unha mellor xestión dos nosos cultivos

VIÑA

Estado fenolóxico: (H) –I1 -I2 [(Botóns florais separados)- Inicio floración-Plena floración/ BBCH: (57)-61-65

Continúa a fenoloxía heteroxénea á que nos estamos a referir nas últimas semanas pero, o tempo seco que xa temos e que se prevé continuará nas próximas xornadas axudará a superar a floración sen problemas e posiblemente tamén a que a fenoloxía se iguale, cando menos dentro de cada predio. Tamén xa se empezan a observar os primeiros acios de albariño coa uva formada nalgúns casos.

Grans de albariño xa formados

Mildio

Malia só terse rexistrado precipitacións o sábado 25 na maioría de zonas, a realidade é que, segundo os datos de MeteoGalicia, ao longo desta semana a humidade relativa media mantívose alta ou moi alta, con valores sempre por riba do 70%, o máis normal do 80%, e tamén houbo algunhas horas de humidade foliar, aínda que loxicamente menos ca semana anterior. As temperaturas subiron, tanto as mínimas coma as máximas, e de feito no Condado, nas estacións de Meder e Cequeliños, xa o día 29 se alcanzaron ou superaron lixeiramente os 29ºC.

A climatoloxía máis seca canto a precipitacións e o recente dos últimos tratamentos realizados provocou que a situación observada na nosa revisión desta semana a nivel de plantas tratadas fóra, en xeral, moi favorable e así, a maioría das nosas parcelas de seguimento habitual están libres de síntomas da enfermidade malia levar só tres aplicacións. Porén, nas plantas sen tratar que mantemos nalgúns predios así como nas abandonadas en muros ou bordos de predios ou camiños notouse un incremento significativo da sintomatoloxía.

Tamén apareceron novos síntomas (pero nun nivel moito menos acusado) ou observamos frutificación nalgunhas manchas antigas, naqueles predios que xa sabemos que teñen síntomas non totalmente controlados desde as primeiras infeccións. Con todo, nestes predios, cuxo historial de tratamentos descoñecemos, boa parte das manchas/acios semellaban curadas ou en fase de curación.

No momento da redacción desta información fitosanitaria (tarde do xoves 30 de maio) a grande maioría das previsións meteorolóxicas anuncian para os próximos días tempo estable, seco e solleiro. Canto ás temperaturas predín que serán altas, tanto as máximas como as mínimas. Si exceptuamos esta última predición relativa ás mínimas, o resto non son favorables ao patóxeno e por iso a priori só habería que manter a vixilancia, en especial nos predios con síntomas mal controlados nas primeiras infeccións. Porén, as temperaturas mínimas altas implican condicións moi favorables á frutificación e máis si hai orballo na vexetación acompañante e/ou esta está demasiado alta e/ou a viña ten un exceso de frondosidade ou está nun lugar pouco ventilado. De ocorrer calquera destas situacións, o nivel de alerta ten que ser máximo, sobre todo se está finalizado ou próximo a finalizar o período de protección teórico do tratamento anterior.

Temos que insistir novamente no esencial que é a roza da vexetación baixo as viñas e tamén a realización doutras labores culturais que faciliten a ventilación e impidan as retencións de humidade innecesarias. Entre estas labores están os despuntes das viñas excesivamente vigorosas ou frondosas (que tamén  limitan a chegada dos funxicidas aos acios) e a retirada dos brotes chupóns.

Oídio

En albariño non topamos aínda ningún síntoma do patóxeno malia ter dúas parcelas con zonas altamente sensibles ao fungo. Non obstante, facendo outro traballo esta semana vimos unha viña dunha variedade diferente no que si se vía a característica frutificación do patóxeno.  É preciso incrementar a vixilancia.

Botrite

Co tempo seco que xa hai desde domingo e a previsión da súa continuidade para a semana que entra os restos das flores desprenderanse sen problema. De feito, xa nesta semana había moitos caídos e tampouco avanzaron os que atoparamos en folla.

Avelaíña da uva

As capturas nas trampas que temos instaladas nas nosas parcelas de seguimento seguen a ser baixas. Canto a síntomas das eirugas, esta semana atopamos o primeiro niño (glormérulo) en dúas viñas.

BUXO

Bolboreta do buxo

Seguimos sen capturas de adultos nas trampas. 

Eiruga desenvolvida e crisalide da bolboreta do buxoAdulto de Cydalima nacido no laboratorio

CASTIÑEIRO

Tortrícido precoz do castiñeiro (Pammene fasciana)

Na revisión desta semana comprobamos como aínda se incrementara máis a cifra de capturas na trampa que temos instalada en Areeiro, e tamén subiu o número na que temos en Pontecaldelas. É posible que estea próximo a alcanzarse o pico de voo, momento que sería o idóneo para aplicar un tratamento, e por iso, como dixemos a semana anterior, convén que cada persoa instale trampas nos seus soutos/plantacións para comprobar o estado das poboacións en cada caso concreto. 

Machos de Pammene fasciana en trampa