INFORMACIÓN FITOSANITARIA 17 de xuño de 2024

VIÑA

AVISO DE TRATAMENTO FRONTE A Scaphoideus titanus, O CICADELIDO VECTOR DA FLAVESCENCIA DOURADA DA VIDE

En canto a climatoloxía o permita hai que aplicar o primeiro tratamento contra o insecto nas comarcas fronteirizas con Portugal afectadas pola loita obrigatoria que se estableceu pola detección do patóxeno. Desde o pasado mes de maio xa se está a producir o nacemento e desenvolvemento das formas xuvenís e agora xa poden infectar plantas sas no caso de ter adquirido o fitoplasma causante da enfermidade de plantas infectadas do ano anterior. Os tratamentos contra S. titanus son obrigatorios na denominada Zona Demarcada (que se pode consultar en: https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2023/20231117/AnuncioG0426-101123-0001_es.html), pero moi convenientes en todo este área para tentar de limitar ao máximo a extensión da enfermidade. As materias activas autorizadas polo Ministerio son deltametrin 1.5, 1.57 e 2.5%, acetamiprid 20%, lambda cihalotrin 1.5, 2.5 e 10%, tau-fluvalinato 24% e Beauveria bassiana (cepa ATCC 74040) 2.3%.

Ninfa nova de Scaphoideus titanus

Debido a que boa parte dos insecticidas autorizados son a base de materias activas de contacto, é moi importante mollar ben o envés das follas no caso de tratamentos con pistola como en superficies pequenas.

Amais, é fundamental nas zonas afectadas eliminar tamén os ladróns das cepas, pois as formas xuvenís do insecto teñen bastante tendencia a agocharse nas súas follas

Debido a que despois destas choivas haberá que renovar as aplicacións fronte ao mildio en moitas viñas, poden aproveitar e facer unha intervención conxunta.