INFORMACIÓN FITOSANITARIA 24 de xullo de 2025

A información que aportamos nos nosos boletíns fitosanitarios baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutros predios que visitamos ao azar nos nosos percorridos e tamén nas informacións que nos aportan outras persoas, técnicas sobre todo pero tamén viticultoras, e son principalmente referidas á variedade albariño no caso da viña. Con todo, hai que revisar sempre cada leira, pois pode haber situacións diferentes polas condicións particulares e/ou pola/s variedade/s, e só avaliando o estado de cada predio poderemos lograr, entre todos, unha mellor xestión dos nosos cultivos

VIÑA

Estado fenolóxico: L -(M1). BBCH:79-(81)

Como era de esperar, pouco a pouco a viña comeza a entrar na súa etapa de maduración co inicio do pintado, aínda que de momento dun xeito relativamente contido debido á climatoloxía que tivemos estes días. Coincide aproximadamente esta data coa do ano 2024 e é tamén semellante á da campaña 2023.

A climatoloxía solleira, cálida e maioritariamente seca das últimas semanas seguiu a favorecer o bo desenvolvemento das uvas, de xeito que na última revisión que fixemos, realizada entre martes 15 e mércores 16, observamos como algúns acios de variedades tintas comezaban o pintado e tamén vimos xa brillo nalgún gran de acios dunha variedade branca temperás ben expostos á luz solar e en parcelas normalmente máis precoces.

Síntomas da alimentación de paxaros en variedade temperá e doceAcios albariño en pintado en predio moi adiantadoAcios de variedade tinta en fase de pintado

É máis, nalgunha planta de variedades moi temperás e doces que vemos nalgúns predios, os paxaros xa empezan a alimentarse dos grans debido ao seu maior contido en azucre e á súa polpa branda.

 

Acios de albariño inician pintado

Ademais, as temperaturas tan elevadas que se prevén para os próximos días e o ambiente maioritariamente solleiro e seco que tamén se anuncia probablemente acelere o proceso, de maneira que ao longo da semana é previsible que o pintado se vaia estendendo en todos os predios e variedades.

Mildio

Como ben é sabido, a finais da semana pasada houbo un empeoramento da climatoloxía fronte á que se viña dando nas datas anteriores. Así, entre venres e sábado producíronse precipitacións de baixa contía que, polo menos nas estacións de MeteoGalicia consultadas, non superaron os 15 l/m2, manténdose en xeral na contorna de 7-9 l. Estas choivas beneficiaron ás viñas a nivel fisiolóxico, pois moitas xa amosaban síntomas de seca, o que prexudicaría a colleita potencial se non se revertía a situación, e a nivel fitopatolóxico non pareceu afectarlles polo de agora. De feito, segundo as nosas observacións desta semana, non houbo avance algún nos escasos síntomas que había nalgún predio e tampouco apareceron novos en folla e/ou en acio tanto neses predios coma nos que estaban sas, o que incluso se pode trasladar ás plantas testemuña sen tratamentos.

Os acios continúan en excelente estado sanitarioVista parcial de fila testemuña con síntomas so anteriores

É certo que as choivas viñeron acompañadas dunha baixada relativa das temperaturas diúrnas e nocturnas fronte ás das semanas anteriores e, de feito, no captador que temos instalado nas filas testemuña da nosa viña de Areeiro o número de esporanxios experimentou un descenso acusado desde ese momento.

Malia esta baixada de temperaturas, os valores acadados e a humidade relativa foron/son totalmente compatibles co desenvolvemento do patóxeno, e por iso aínda se poden producir infeccións e aparecer síntomas que poderían afectar tamén aos acios, non só á parte vexetativa das plantas. Por este motivo, de momento non se pode descoidar a vixilancia, pero ben é certo que para os próximos días os diferentes modelos meteorolóxicos consultados indican unha elevada estabilidade climática, ventos secos do norte ou nordés e temperaturas moi altas, o que reducirá o risco.

Precisamente a velocidade dos ventos prevista pode condicionar a realización dun potencial tratamento fitosanitario en caso de querer facelo: cando se aplican produtos con velocidades de vento superiores a 11 Km/h (que equivale a que se só moven as follas das árbores), non se conseguirá o beneficio que se pretendía de ter protexida a viña porque haberá derivas, amais de que o caldo se chegará a zonas ás que non debería chegar. Para os próximos días, a maioría das previsións indican ventos moderados, na contorna dos 20-40 Km/h de media, o que equivale a situacións nas que se moven as ramiñas das árbores (ata 20 Km/h) ou xa se moven árbores pequenas (ata 40).

Oidio

Do mesmo xeito ca semana anterior, observamos novos síntomas en follas das plantas testemuña e tamén en acios. É máis, incluso nalgúns predios nos que se fan tratamentos, ben sexa optimizándoos (é dicir, realizándoos só cando son necesarios) ou intervindo con intervalos máis fixos, tamén observamos algunha zona con algún síntoma aínda viable, pero non é unha situación moi estendida en absoluto nin en número de predios nin en número de acios afectados dentro dun predio. As condicións meteorolóxicas previstas para as próximas xornadas non serán especialmente limitadoras do desenvolvemento do fungo, e por iso hai que permanecer alertas por si fose necesario renovar os tratamentos. Neste último caso, lembren as restricións en canto aos ventos referidas ao final do mildio. 

Oídio en follas novas planta testemuña Acio e pampo con síntomas dominantes de oídio en planta testemuña Zona de rebuscos e acios con síntomas de oídio

O avance da enfermidade nos próximos días dependerá da súa presencia actual e loxicamente das condicións climatolóxicas. Como sabemos, as condicións de luminosidade reducida derivada de néboas e/ou nubes favorece ao patóxeno e as choivas intensas o prexudican no sentido de que poden lavalo ao ser un fungo ectoparasito. Polo tanto, tamén no caso desta enfermidade haberá que facer revisións continuas ás viñas para detectar si aparecen novos síntomas e, en caso afirmativo, tratar, pois de todos é coñecido que unha infección mal controlada deste fungo pode provocar a rotura da pel dos grans e favorecer os ataques de botrite e outras podres secundarias.

Botrite

No desenvolvemento deste fungo xoga un papel fundamental o estado sanitario xeral dos acios, pois é un patóxeno oportunista que se instala a partir de feridas, aínda que sexan micro-lesións, restos vexetais secos, etc. en condicións de temperatura e humidade elevadas. Pois ben, á vista das nosas revisións, e tamén polo que nos informan persoas que soen colaborar con nós,  en xeral os acios están en bo estado polo de agora, salvo excepcións. Así, non observamos síntoma algún, nin nos acios secos totalmente por proceder de ataques de mildio temperás (e que caen xa por mero contacto) ou naqueles que teñen aperturas fisiolóxicas ou feridas polas rozas da vexetación acompañante. Tamén para os próximos días todas as previsións meteorolóxicas apuntan a que vai haber tempo seco, e por iso tampouco favorecerán ao fungo. Con todo, tampouco se pode descoidar a vixilancia porque a maduración é o período onde pode causar máis danos este patóxeno.

Nin nos acios totalmente secos observamos botriteOs acios secos de principio caen ao simple contacto

Black rot

O risco de ataque deste patóxeno diminúe sensiblemente co pintado, e por iso, e considerando tamén as condicións meteorolóxicas previstas, non se espera que xa cause danos.

Detalle mancha black rot cos picnidios negros Mildio e black rot en folla sensible planta abandonada Condado

Avelaíñas do acio

Nos predios que visitamos nós temos que seguir falando de ausencia total de síntomas, polo menos ata o de agora. Do mesmo nos informan, en xeral, as persoas que colaboran con nós e os viticultores cos que falamos. Non obstante, un técnico colaborador tamén nos informaron dun caso puntual no que atopou, nas marxes dunha parcela sometida a confusión sexual,  unha elevada proporción de penetracións de eirugas (ver imaxe de abaixo cedida polo propio técnico). 

Perforacións e eiruga de Lobesia (imaxe cedida)

Pola nosa parte, tampouco tivemos captura algunha de machos de Lobesia nas trampas, e de feito a imaxe de abaixo corresponde á base dunha delas que leva colocada toda a campaña, e onde só se recolleu un exemplar.

Base de trampa de Lobesia con só un macho (sinalado) recollido en toda a campaña

En todo caso é sabido que os ataques das eirugas son un factor determinante na aparición de botrite e outras podres secundarias, e por iso hai que manter a vixilancia.

Cicadelidos

Nas trampas que temos instaladas nas parcelas de seguimento da nosa rede non temos un nivel significativo de capturas, aínda que ben é certo que esta circunstancia só a deberiamos referir ao Salnés, pois nas de Condado e Rosal realízanse os tratamentos obrigatorios (nalgunhas parcelas) ou recomendados (noutras) contra o vector da flavescencia dourada. De feito, nas nosas trampas non capturamos ata o de agora ningún exemplar de Scaphoideus titanus, pero si se recollen nalgunhas das que hai instaladas dentro do programa de erradicación e control da flavescencia dourada en Galicia. Por este motivo, lembramos unha vez máis a obrigatoriedade dos tratamentos na zona demarcada e a conveniencia de reducir as poboacións de S. titanus no resto, para deste xeito intentar acabar con esta grave enfermidade de corentena que, como sabemos, non ten cura. Ademais, é FUNDAMENTAL eliminar e destruír canto antes as plantas nas que se confirme a enfermidade.

As materias activas e os formulados que están autorizados para a loita contra o insecto transmisor Scaphoideus titanus son as recollidas na seguinte táboa:

Táboa cicadelios
Notas: Os tratamentos deben dirixirse ao envés das follas non descoidando os gromos basais, onde soen refuxiarse estes insectos. Deben aplicarse preferiblemente a primeira hora, salvo no caso das piretrinas, que se degradan rapidamente coa luz solar e polo tanto deben ser aplicadas ao solpor. Fonte: Xunta de Galicia. Sanidade Vexetal

Acariose

Segundo as nosas observacións, a presenza de acariose é bastante xeral en moitas viñas, o que se pode entrever xa desde lonxe pola cor bronce das plantas. Nalgunhas parcelas xa se deu algún tratamento pero están a aparecer de novo as súas picaduras nas follas terminais, o que indica un novo avance. Como dixemos a semana anterior, a maioría dos insecticidas rexistrados para o control de Scaphoideus titanus frean moi ben estes ácaros, así coma o xofre.

Os gromos terminais de plantas antes afectadas empezan a ter novamente acarioseAlgúns brotes bronce pola presenza de acariose

Outras incidencias

A estas alturas da campaña as plantas afectadas por patóxenos de madeira xa non só poden ter síntomas nas follas senón tamén nos acios. Estas plantas hai que marcalas para ver como evolucionan e actuar en función diso, ou ben eliminalas se están moi afectadas para evitar que sexan fontes de contaminación para o resto.

Síntoma de patoloxías de madeira en aciosSíntoma de patoloxías madeira en viña variedade tintaPlantas mortas deben retirarse da plantación Planta con síntomas máis avanzados de patóxenos de madeira

VARIAS FROITEIRAS

Parasitos animais e fungos de podremia

As froitas en maduración están a ser atacadas por diferentes parasitos animais como avespas, paxaros, avelaíñas e tamén por diferentes moscas das froitas. As feridas provocadas son a orixe de diferentes podres e tamén da caída destes froitos. Tanto os que caen ao solo como os que permanecen na árbore deben ser retirados e eliminados para evitar que se incrementen os danos a consecuencia da actividade de máis moscas e de novos patóxenos secundarios causantes de podremias.

Melocotón atacado por paxaros ou avespas Novos síntomas en mazás
Mazá podre con orificio mosca Ovo de mosca en pulpa podre