INFORMACIÓN FITOSANITARIA 24 de maio de 2024

A información que aportamos nos nosos boletíns fitosanitarios baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutros predios que visitamos nos nosos percorridos e tamén nos datos que nos aportan diferentes persoas (técnicas e viticultoras). Con todo, hai que revisar sempre cada situación particular, pois pode haber diferencias, e só analizando o estado de cada predio poderemos lograr, entre todos, unha mellor xestión dos nosos cultivos

VIÑA

Estado fenolóxico: H –(I1) -I2 [(Botóns florais separados)- Inicio floración-Plena floración/ BBCH: (57)-61-65

Do mesmo xeito que dixemos no boletín anterior, tamén na revisión desta semana ás viñas notamos unha fenoloxía heteroxénea a nivel de comarca, de predios, dentro de cada predio e mesmo tamén a nivel de planta. Aínda así, en todos os casos está arredor da floración e, co tempo seco e solleiro que, en xeral, se anuncia para os próximos días, é de esperar que se vaia homoxeneizando e sucedéndose sen incidencias graves no relativo á climatoloxía.

A fenoloxía esta variable pero arredor da floración

Mildio

Ao longo da semana transcorrida desde a emisión do boletín anterior, houbo precipitacións case todos os días, a humidade relativa do aire foi elevadísima, con valores medios superiores ao 80% e tamén houbo varias horas de humidade foliar cada xornada, normalmente por riba de oito. Estas condicións son moi favorables ao patóxeno e só se viron limitadas ata certo punto por unhas temperaturas mínimas que en xeral se mantiveron por baixo dos 12ºC, aínda que si houbo xornadas en que superaron este valor sempre tendo en conta que son os datos das estacións meteorolóxicas e que dentro do microclima das viñas hai variacións. De feito, esta semana recolleuse o maior número de esporanxios nos captadores que temos instalados polo proxecto PLASMOWINE nunha das nosas parcelas de seguimento do Salnés (en Ribadumia) e entre filas testemuña (sen tratamento algún para seguir a evolución natural do patóxeno) da viña de Areeiro:

Concentración diaria de esporas

Canto á situación observada nas viñas, como se pode entrever da gráfica correspondente ás plantas testemuña de Areeiro, nestas plantas e tamén nas viñas abandonadas de distintas variedades que atopamos nos camiños e bordos de predios puidemos observar manchas en formación con abundante frutificación e tamén acios sintomáticos.

Canto ás viñas tratadas, a situación máis xeral é de apenas algún síntoma moi illado nalgunha folla dispersa das parras/espalleres e/ou só algún localizado nos cupóns próximos ao solo se non están retirados, ou tamén ausencia total de síntomas nalgúns predios.

Pero tamén sabemos de viñas que, malia levar xa unha cantidade inxente de aplicacións antimildio (ata nove, segundo nos informaron) aínda presentan ataques moderados, con manchas novas, zonas de avance nas antigas e/ou danos en acio. Os predios destas características dos que puidemos coñecer o historial levan arrastrando contaminacións non controladas desde a aparición dos primeiros síntomas, ben por unha inadecuada elección do funxicida, ben por non ter sido dado nas mellores condicións ou por non ter intervido a tempo.

As diferentes axencias meteorolóxicas consultadas predín para os próximos días ceos con nubes e claros, certa precipitación para sábado e/ou domingo segundo a axencia (se non, predín néboas), ventos maioritariamente do norte e temperaturas lixeiramente por baixo das normais para o momento do ano ao inicio e máis habituais cara o final. Con este prognóstico, e considerando que en todas as viñas se terán renovado os tratamentos nestes días, aconsellamos manter a vixilancia, en especial nos predios con infeccións mal controladas desde o inicio. Se froito das pertinentes revisións se comproba que continúan aparecendo síntomas, será preciso renovar o tratamento pero se cambian de funxicida soliciten un que teña diferente modo de acción do anterior para previr a aparición de resistencias.

É imprescindible, para tentar de garantir na medida do posible a sanidade da viña, manter ben rozada a vexetación baixo as viñas, pois do contrario xérase un ambiente de humidade excesiva e falta de ventilación que favorece a este e outros patóxenos

Black rot

Este fungo prefire unhas temperaturas elevadas para desenvolverse, e as mínimas frescas que estamos a ter non lle son o máis favorable. Amais, os tratamentos antimildio con produtos con actividade fronte a este patóxeno parecen estar contendo ben as infeccións. Con todo, os síntomas desta enfermidade poden aparecer tempo despois da infección e por iso hai que seguir mantendo a vixilancia, en especial nos predios onde soe aparecer nas diferentes campañas ou naqueles que teñan próximas viñas abandonadas.

Manchas black rot viña en beira estrada zona CondadoPicnidios ben visibles en mancha black rot

Botrite

Coas choivas reiteradas desta primavera, están a aparecer en certos predios, pero de xeito bastante puntual, algunhas follas coa necrose característica deste patóxeno. Porén, esta sintomatoloxía non soe xerar problema algún e por iso non soe requirir tratamento. Non obstante, as choivas rexistradas poden provocar que os capuchóns florais non se desprendan ben dos acios en formación, como observamos na revisión desta semana, e sobre os restos secos pode instalarse o fungo. Si como indican as predicións meteorolóxicas o tempo para a semana se mantén seco en xeral, non debería haber problemas, pero como hai unha elevada humidade relativa e se prevé certa precipitación para a fin de semana, hai que vixiar si finalmente se desprenden ou non.

MACEIRA

Moteado

Despois deste período de choivas, e considerando que se anuncia un incremento de temperaturas, será necesario aplicar un tratamento fronte a este patóxeno para evitar danos aos futuros froitos, en especial de variedades sensibles.

Micelio de moteado en folla maceiraSintoma e dano de moteado en maza

PATACA E OUTRAS PLANTAS DE HORTA

Mildio

Como xa dixemos hai unhas semanas, despois das choivas e coa subida de temperaturas que se prevé para a semana haberá que renovar os tratamentos fronte a este patóxeno, que se verá favorecido polo estado frondoso das plantas e pola evaporación da auga do solo.

BUXO

Bolboreta do buxo

Aínda non capturamos ningún adulto nas trampas que temos instaladas, e si miramos algunhas crisalides. 

Eiruga desenvolvida e crisalide da bolboreta do buxoAdulto de Cydalima nacido no laboratorio

CASTIÑEIRO

Tortrícido precoz do castiñeiro (Pammene fasciana)

Na trampa que temos instalada en Areeiro, o número de machos capturados experimentou un crecemento considerable, pero non ocorreu o mesmo na que temos en Pontecaldelas. É importante que cada persoa instale trampas nos seus soutos/plantacións para comprobar o estado das poboacións en cada caso concreto. Lembren que esta especie pode provocar a caída prematura dos ourizos, e reducir así a colleita. 

Machos de Pammene fasciana en trampa