Pazo provincial da Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra créase a partir do decreto de setembro de 1835, pero non é ata 1890, unha vez finalizadas as obras do novo edificio, cando se traslada á súa nova localización, o Pazo provincial, sede desta institución ata a actualidade. A edificación é obra dos arquitectos Alejandro e Domingo Sesmero.

Trátase dunha obra de inspiración renacentista con reminiscencias barrocas, cun xogo de entrantes e saíntes que lle dá movemento á fachada. No corpo central utilízanse columnas estriadas con capiteis xónicos (na planta baixa) e dóricos (no piso superior) e arcos de medio punto en xanelas e portas. Remata este corpo cunhas claraboias e cun frontón triangular.

A propiedade, situada no centro histórico da cidade de Pontevedra, está rodeada por un conxunto de fermosos xardíns e de moitos outros edificios históricos.

No ano 1891 inícianse os xardíns que rodean o Pazo provincial. Segundo planos da época na que se deseñou este edificio, tiñan unha estrutura xeométrica a modo dos deseñados nas leiras dos pazos galegos próximos; pero actualmente non se sabe se se executaron dese xeito. Ao longo do século pasado sufriron varias remodelacións ata chegar á súa estrutura actual, que foi realizada en 1986.

En 1891 inícianse as obras para o peche dos xardíns que rodean o pazo. Nos arquivos provinciais consta unha partida de mil pesetas para comprar plantas e outra de cen pesetas para transportalas e plantalas. A iluminación do exterior non se realizará ata cinco anos despois e tardarase ata sete anos máis en rematar os xardíns. As plantas elixiunas o arquitecto e plantáronse entre xaneiro e febreiro de 1899.

Entre as especies que podemos atopar nestes xardíns destacan as camelias. As máis antigas, plantadas a finais do século xix e principios do xx, poderían proceder da Escola de Agricultura da Caeira, que, aínda que pechou en 1886, continuou vendendo as plantas dos seus viveiros ata principios do século xx. Tamén se puideron comprar directamente en Portugal e, máis concretamente, no Porto, nos viveiros da Real Companhia Horticola-Agrícola Portuense. O xardín restaurouse por primeira vez mediados do século xx e remodelouse en 1986 para substituír algunhas camelias en mal estado. A última adhesión foi un exemplar de Camellia japonica branca do cultivar ‘Madame Henri Cormerais', plantado no lateral dereito, en conmemoración da visita do embaixador xaponés a España o 28 de febreiro de 2004.

En canto ás demais especies, sobresaen a Magnolia grandiflora e o Cordyline australis, que, polo seu tamaño, puideron ser plantadas no momento de deseño do xardín.

CATÁLOGO BOTÁNICO
  • Camellia japonica L. D1 a D35
  • C. japonica `Francesco Ferruccio´ (D10=D26)
  • C. japonica `Alba Plena´ (D14)
  • C. japonica ‘Oranda-Ko' (D1=D3=D7=D12=D29=D30)
  • C. japonica tipo Oranda-Ko, flor con marcas en estrela (D2=D8=D9=D13=D19=D20)
  • C. japonica flor branca dobre formal (D4=D16=D17=D21=D25)
  • C. japonica `Madame Henri Cormerais´ (D35)
  • Magnolia grandiflora L. (nº 36)
  • Cordilyne australis (G. Foster) Hook (nº 37)
  • Prunus cerasifera Ehrh (nº 38)
  • Aucuba japonica Thunb. ‘Variegata' (nº 39)
  • Plano do xardín
  • Web
  • Avda. Montero Ríos, s/n - 36071 Pontevedra
  •  +34 986 804 100
  • Entrada gratuíta

Fotos