Pazo de Gandarón

O pazo de Gandarón, situado na parroquia de Salcedo (Pontevedra), foi construído polo arcebispo Sebastián Malvar Pinto a finais do século xviii. Na segunda metade do xix herda a facenda Jerónimo Malvar Taboada, quen amplía a propiedade e crea o xardín. En 1928 adquíreo a Deputación de Pontevedra e convértese na sede da Misión Biolóxica de Galicia (MBG) —pertencente ao Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC)—, da que Cruz Gallástegui foi fundador e primeiro director.

A investigación realizada ata 1939 no centro encamiñouse, principalmente, a obter variedades vexetais e animais de boa calidade. Os coñecementos adquiridos transmitíanselle ao sector agrario. Actualmente, as liñas de investigación céntranse na xenética e na mellora dos principais cultivos de Galicia.

A propiedade consta dun terreo de doce hectáreas no que se conservan un bosque orixinal, os xardíns e zonas dedicadas ao cultivo das diversas especies agrícolas nas que se investiga, ademais de tres edificios principais e outros de servizos. Destacan o seu magnífico hórreo de vinte e dous pés e a capela, hoxe convertida en museo. O edificio orixinal do predio era e é o pazo de Gandarón, acompañado por un hórreo, un pombal e outras edificacións. Unha vez que o terreo pasa a ser sede da MBG realízanse obras de acondicionamento do pazo e dos restantes edificios para o seu uso como oficinas e laboratorios. Nos anos sesenta constrúese o novo edificio, proxectado por Alejandro da Sota, ao que se lle dá o nome de Cruz Gallástegui, e en 2007 transfórmanse as porqueiras nun edificio de laboratorios, que recibe o nome de Miguel Odriozola.

O xardín sufriu varias remodelacións, desde a súa creación no século XIX, e foi totalmente rehabilitado entre 2005 e 2009, mantendo o deseño orixinal e reparándose os elementos significativos que marcan a época romántica na que se deseñou, coma o enreixado, o ceador, a fonte e os estanques. As coníferas son as plantas máis abundantes, especialmente o cedro azul do Atlas, Araucaria bidwillii e algunhas criptomerias. Ademais do impresionante espécime de Magnolia soulangeana, tamén podemos contemplar limas, árbores de Xúpiter, camelias e palmeiras.

As camelias máis antigas remóntanse ao último cuarto do século XIX, cando foron plantadas por Jerónimo Malvar; máis tarde Cruz Gallástegui aumentou a colección. Durante a última metade do século XX, Antonio Odriozola, que traballou como bibliotecario na MBG, contribuíu en gran medida ao cultivo e á difusión da camelia. Entre as variedades de camelia do xardín destacan os especímenes de Camellia japonica ‘Fimbriata Alba' e ‘Juan XXIII'.

  CATÁLOGO BOTÁNICO
  • Abies nordmanniana (Steven) Spach    
  • Actinidia megalandra Franch.  
  • Araucaria angustifolia (Bertol.) Kuntze               
  • Araucaria bidwillii Hook.             
  • Aucuba japonica Thunb.'Crotonifolia'
  • Betula pendula Roth    
  • Bosea yervamora L.       
  • Brunfelsia australis Benth.        
  • Buxus sempervirens L.
  • Camellia japonica L.      
  • Castanea × coudercii A. Camus 
  • Cedrus atlantica (Endl.) Manetti ex Carrière Grupo Glauca
  • Cedrus deodara (Roxb. ex D. Don) G. Don          
  • Chaenomeles × superba (Frahm) Rehder             
  • Chimonanthus praecox (L.) Link              
  • Colocasia esculenta (L.) Schott
  • Cordyline australis (G. Forst.) Endl. ''Purpurea'
  • Cryptomeria japonica (Thunb. ex L. f.) D. Don. 
  • Deutzia crenata                Siebold & Zucc.              
  • Diospyros kaki L. f.         
  • Diospyros lotus L.           
  • Eriobotrya japonica (Thunb.) Lindl.        
  • Euonymus japonicus Thunb.'Aureovariegatus'
  • Farfugium japonicum (L.) Kitam.             
  • Fascicularia bicolor (Ruiz & Pav.) Mez   
  • Gardenia jasminoides J. Ellis     
  • Ginkgo biloba L.               
  • Hibiscus syriacus L.        
  • Ilex aquifolium L.            
  • Juglans regia L.               
  • Kalmia latifolia L.           
  • Laurus nobilis L.              
  • Ligustrum ovalifolium Hassk.    
  • Livistona australis (R. Br.) Mart.               
  • Magnolia × soulangeana Soul.-Bod.     
  • Magnolia grandiflora L.               
  • Magnolia liliiflora Desr.
  • Olea europaea L.            
  • Parthenocissus quinquefolia (L.) Planch.             
  • Philadelphus coronarius L.         
  • Phoenix canariensis Chabaud    
  • Phyllostachys aurea Rivière & C. Rivière            
  • Pinus patula Schiede ex Schltdl. & Cham           
  • Prunus cerasifera Ehrh.
  • Prunus serrulata Lindl. 'Kanzan'
  • Quercus robur L.              
  • Quercus rubra L.             
  • Salix × pendulina Wender.         
  • Tilia platyphyllos Scop.
  • Watsonia borbonica (Pourr.) Goldb.
  •   Plano do xardín
  •   Web
  •   Misión Biolóxica de Galicia, Pazo de Salcedo. Carballeira, 8, Salcedo, 36143 Pontevedra
  •   +34 986 854 800
  •   Entrada gratuíta

Fotos