Pazo do Barreiro

Localización: A Serra (Crecente)

Situado a 6 km da autovía das Rías Baixas, o pazo atópase no km 7,7 da EP-5005

Coordenadas: 42.16738, -8.245604 (42°10'02.6" N, 8°14'44.2" O)

Propietario: herdeiros de Antonio Troncoso de Castro Sarmiento

Cita previa (986 666 300 / 986 666 479)

E-mail: pazobarreiro@hotmail.com

Webwww.crecente.es/es/detalle-turismo/pazo-do-barreiro.htm

  HISTORIA

O pazo do Barreiro, exemplo de arquitectura barroca galega, é considerado unha das edificacións máis representativas da arquitectura pacega do Baixo Miño. A construción data do século XVIII, aínda que se erixiu sobre unha construción anterior, as antigas ruínas da torre do Couto (século xiii).

Trátase dunha edificación granítica de carácter defensivo e estratéxico, de grosas paredes e muros con troneira, con planta en forma de U, con dúas ás laterais unidas por unha balconada monumental, con escaleira dobre e patio interior. Está emprazada na fronteira con Portugal, disposta nunha posición elevada desde a que se avistan a ladeira de Crecente; unhas vistas privilexiadas da natureza que o rodea, do seu propio espazo axardinado e dos vales, bosques, viñedos e aldeas que se atopan ao seu pé, o que lle confire ademais do valor arquitectónico un gran valor paisaxístico.

Dentro do recinto amurallado tamén se atopan un pombal, un hórreo de cinco pés con estrutura de pedra e peche de madeira e unha capela de planta rectangular dedicada a san Mauricio, cunha cuberta a dúas augas, escudo e espadana dun só van e pináculos rematados en bólas.

Este pazo foi un baluarte estratéxico nas distintas guerras que tiveron lugar en España.

Na súa fachada está disposto o escudo da familia propietaria, os Troncoso de Lira Sotomayor y Gil de Araujo, descendentes dos primeiros condes de Crecente.

Os propietarios do pazo, titulares dos señoríos de Liñares e Nogueiras, que foron instituídos no século XVIII, exercían o padroado in solidum sobre varios curatos dos arciprestados de Valeixe e Crecente. A súa vinculación e influencia estendíase tamén cara a outras casas señoriais: Gil Araujo e Cervellón (Valeixe), Reguengo e Pombeiro (Mourentán) e mais Gomariz e Pazos de Arenteiro (Ourense).

Ademais desta importancia señorial, o pazo do Barreiro, como se cita anteriormente, está ligado historicamente á defensa do Reino de España, tanto nas guerras con Portugal coma na guerra de Sucesión, a guerra de Independencia ou en todas as contendas civís do século XIX, cando os seus titulares asumiron a defensa da causa constitucional.

Baixo os seus muros estivo a marca fronteiriza durante a ocupación definitiva de Melgaço polos portugueses (1388-1389), que tivo lugar após o fracaso do exército de Castela ante Lisboa, e onde faleceu Pedro Ruiz Sarmiento, adiantado maior de Galicia e señor das terras do Baixo Miño.

O pazo do Barreiro foi unha das bases máis importantes da guerra que sostivo García Sarmiento contra un sector da nobreza do Baixo Miño, aliada do rei de Portugal.

Foi tamén base das milicias durante as guerras civís, xunto co señorío das Achas, na defensa da causa liberal fronte a outras fidalguías aliadas do carlismo.

Aínda que viviu a súa época máis gloriosa durante a guerra de Independencia, contra as tropas de Napoleón, cando era soar do abade de Vilar e do Couto, Mauricio de Troncoso de Lira y Sotomayor Saco y Quiroga, caudillo do levantamento popular, a tradición di que foi na balconada do pazo onde se ultimou a batalla dos patriotas de Crecente contra as tropas do xeneral Soult, na que destacou a intervención do abade.

Os derradeiros titulares do señorío foron Mauricio Troncoso Sarmiento Lira y Sotomayor e Mauricio Troncoso Penedo Cervela y Pardo. Na actualidade, os propietarios son os herdeiros de Antonio Troncoso de Castro Sarmiento.

  PUNTOS DE INTERESE

*O pazo

Edificación do século XVIII de arquitectura barroca e de carácter defensivo reconvertida na actualidade en aloxamento de turismo rural. Ten un gran valor arquitectónico e paisaxístico.

*A capela

Edificación de planta rectangular, dedicada a san Mauricio, cunha cuberta a dúas augas, escudo e espadana dun só van e pináculos rematados en bólas.

*A colección de camelias antigas (Camellia japonica L.)

Próximo á vivenda hai un pequeno xardín no que medran seis exemplares antigos de camelia xapónica, un recuncho con moito encanto que en época de floración loce un chan cuberto de pétalos rosados que semella unha alfombra. 

Algúns dos exemplares acadan os 10,5 metros de altura, un deles presenta sete troncos desde a base e as súas copas están entrelazadas conformando un lugar de resgardo que en época de floración adquire unha gran beleza.


Fotos