Pazo de Torres de Quintáns
Localización: As Quintáns, parroquia de San Salvador, Meis
Coordenadas: 42.536590, -8.715555 (42°32'11.7" N, 8°42'56.0" O)
Propietario: herdeiros de Juan Antonio Martínez Torrado
Cita previa | Plano (pdf)
E-mail: cultura@meis.es
Web: https://www.turismo.gal/recurso/-/detalle/9398/pazo-de-quintans?langId=es_ES&tp=9&ctre=36
HISTORIA
O pazo Torres de Quintáns, tamén coñecido como pazo de Quintáns, está emprazado na fértil ribeira do río Umia en Meis, na comarca do Salnés.
O fundador da casa foi Juan de Balboa e Mariño de Lobeira, cuxa descendencia con Teresa Álvarez de Bens levaría os apelidos Mariño de Lobeira Andrade, Mosquera, Pimentel e Sotomayor, que aparecen representados nas abundantes labras heráldicas repartidas por distintos puntos do pazo. A liñaxe dos Balboa, aínda que de orixe galega, estendeuse amplamente por toda a península.
Tras un longo período de abandono, as torres das Quintáns, que presentaban un lamentable estado, foron restauradas para seren novamente habitadas. Foron residencia temporal de M.ª Concepción Armada y Losada, filla da X marquesa de Figueroa, e do seu esposo, o catedrático Ramón Gutiérrez de la Peña y Quiroga, dono do fermoso palacio compostelán da praza do Toural e último representante da súa liñaxe ao non lograr descendencia. Os seus dereitos hereditarios pasarían á súa filla adoptiva, Asunción Giráldez, en detrimento do seu sobriño, José Rivero de Aguilar e Gutiérrez de la Peña.
Ademais do edificio principal, no predio tamén atopamos a casa do caseiro (antigo lagar), un emparrado e unha pérgola, dous hórreos, un cruceiro, un pozo e unha capela. Todas as construcións se atopan en mal estado, resultado de anos de abandono.
Os actuais propietarios, herdeiros de Juan Antonio Martínez Torrado, pretenden restaurar e recuperar as edificacións e os espazos axardinados para recuperar o valor desta propiedade de grande importancia histórica e cultural.
O pazo, situado no centro do predio, ten a súa orixe no século XVI, e a súa estrutura é de planta rectangular, con baixo e andar na parte que dá cara ao xardín e a planta baixa soamente pola parte posterior, debido ao desnivel do terreo. Un dos elementos máis singulares desta edificación é unha torre que aínda se conserva, das dúas orixinais que lle deron nome ao pazo (Torres das Quintáns) e que flanqueaban o corpo central no pasado século. A da esquerda, lugar que ocupa hoxe en día unha terraza balaustrada, foi desmontada para construír un edificio auxiliar nas proximidades. A torre da dereita preserva a súa estrutura orixinal, rematada en ameas e gárgolas en cada un dos seus vértices. Unha das ameas frontais presenta un escudo, do mesmo xeito que en cada unha das fachadas da edificación.
Nos arredores do edificio principal hai varias escalinatas de pedra que nos levan a distintos espazos axardinados distribuídos en plataformas; o resto do terreo está dedicado a uso agrícola, actualmente ocupado por viñedo, aínda que ata fai uns anos compartiu espazo con plantacións de kiwi.
A capela está situada nun nivel superior, no extremo dereito con respecto ao frontal do pazo.
Este está rodeado de xardíns nos que se conservan exemplares de grandes dimensións e gran relevancia, como ocorre co ciprés da California que forma parte do Catálogo galego de árbores senlleiras, unha colección de 13 camelias antigas ou un magnífico cedro do Atlas.
UN PASEO POLO XARDÍN
O predio consta de 11 hectáreas e alberga construcións que se atopan en medio dun cinto vexetal, que combina o agro, con extensas plantacións de albariño, e a xardinería.
Entramos no pazo seguindo unha pista aberta entre terras de labor. Un ornamentado cruceiro, de inspiración gótica, precede a un xardín onde crecen unha colección de camelias antigas e un interesante arboredo (cedro do Atlas, araucaria do Brasil, palmeiras canarias e de abano...), ao fondo do cal, á esquerda, atopamos o edificio principal.
Na fachada frontal do pazo hai un patio pechado por un muro ameado, o propio edificio principal, as dependencias anexas e un portalón. No centro deste patio medra o elemento vexetal máis prezado, un ciprés da California centenario que supera os 30 metros de altura e recollido no Catálogo galego de árbores senlleiras.
Desde a parte lateral da torre ata a capela hai un xardín elevado respecto do nivel do patio, no que destacan unha sebe de buxo e dous exemplares de palmeira canaria.
Na parte inferior do xardín, na súa cara oeste, atopamos un sendeiro que leva ata os dous hórreos e, dobrando o camiño á dereita, unha magnífica sebe de camelias de grande altura, que separan o xardín da zona agrícola.
PUNTOS DE INTERESE
*Esculturas e monumentos
Edificio principal, capela, hórreos e cruceiro.
*Ciprés da California (Cupressus macrocarpa Hartw.)
Árbore de porte sensacional que se ergue como elemento único presidindo o centro do patio anexo á envellecida casona residencial. Aínda que foi profundamente danado en dúas ocasións, co furacán Hortensia en 1984 e co paso do ciclón Klaus en 2009, que lle fixeron perder gran parte da súa copa (hoxe en día moi diminuída e irregular), o seu descomunal tronco converte este exemplar nun gran monumento vivo.
O tronco, de destacado perímetro, presenta grandes contrafortes na súa base e amosa cavidades, grandes sucos lonxitudinais, feridas e avultamentos da casca que non o fan parecer máis feble senón que lle outorgan un grande atractivo visual ao conxunto. Na actualidade as pólas están suxeitas con cables que serven de ancoraxe.
Ten unha altura de 34,20 m, un perímetro normal de tronco de 9,23 m e un diámetro de copa de 24,25 m.
A árbore, que supera os 125 anos, foi plantada a finais do século xix, coincidindo coa creación do xardín, e forma parte do Catálogo galego de árbores senlleiras.
*Cedro azul (Cedrus atlantica [Endl.] ‘Grupo Glauca')
Na entrada do xardín histórico atópase o enorme cedro rodeado dun conxunto de camelias centenarias que contribúen a aumentar a espectacularidade do exemplar. O seu tronco, de gran volume, medra dereito e sen formar unha verdadeira cruz, estendéndose sobre as camelias. A copa fórmase a partir dunha sucesión de pólas de grandes dimensións que comezan a aparecer a case seis metros do chan e que conforman unha copa de grandes dimensións. Acompañan ao conxunto unha grande araucaria do Brasil (Araucaria angustifolia), unha fermosa parella de palmeiras de abano (Trachycarpus fortunei) e algúns vellos exemplares de dracena ou cordiline (Cordyline australis).
O exemplar do pazo de Quintáns pertence ao cultivar ´Glauca´, dunha característica coloración verde-azulada.
A árbore, de idade estimada en 120 anos, ten 24,80 m de altura, un perímetro normal de tronco de 4,29 m e un diámetro de copa de 20,30 m.
*Colección de camelias (Camellia japonica L.)
Trece fermosos exemplares centenarios de camelias xapónicas medran próximos á entrada do edificio do pazo; os troncos amosan a base moi ensanchada e numerosas protuberancias, que contribúen a aumentar a singularidade dos exemplares. Comezan a ramificarse a un metro de altura, con numerosos brazos que medran en todas as direccións e que forman copas moi amplas e abertas.
As alturas dos exemplares máis destacados correspóndense con 9,20 e 10,70 m e o seu diámetro de copa con 6,80 e 9,17 m.
Ademais, unha sebe de camelias bordea o camiño polo sur e varios exemplares novos están plantados polos soterrados traseiros do pazo.
CATÁLOGO BOTÁNICO
- Araucaria angustifolia (Bertol.) O. Kuntze (Araucaria do Brasil )
- Buxus sempervirens L. (Buxos)
- Cedrus atlantica (Endl.) Grupo glauca (Cedro azul)
- Camellia japonica L. (13 exemplares máis de 100 anos e un sebe)
- Cupressus macrocarpa Hartw. (Ciprés de California)
- Magnolia grandiflora (Magnolia )
- Cordyline australis(G.Forst.) Endl. Ph. (Cordiline o Drácena)
- Phoenix canariensis Chabaud. (Palmeira canaria)
- Trachycarpus fortunei (Hook.) H.Wendl. ( Palmeira china de abanico)
- Rhododendron sp. (Rododendro)
- Vitis vinifera L. (Viñedo cepa albariña)
- Outras árbores froiteiras