Pazo de Torres Agrelo
Localización: atópase no concello de Redondela, camiño Torres Agrelo núm. 5. Tras saír do centro urbano da vila en dirección a Pontevedra pola avenida de Santa Mariña (N-550), nun tramo de curva da estrada vella ábrese á dereita unha estrada flanqueada por dous monólitos: entrando nela e após pasar por debaixo das vías do ferrocarril, chégase ao pazo.
Coordenadas: 42º 17' 36.02'' N, 8º 36' 20.26'' O (42.2918787, -8.600483)
Propietario actual: familia Marcote
Cita previa (986 408 021)
E-mail: torresagrelo@torresagrelo.com
Web: torresagrelo.com
HISTORIA
No espazo que actualmente ocupa a propiedade existiu, desde o século xvi ata o xix, un mosteiro da orde franciscana, anteriormente situado na próxima illa de San Simón, mais despois de recibiren estas terras do duque de Soutomaior os monxes decidiron trasladarse aquí. O edificio foi consumido por un incendio; reconstruído e finalmente abandonado coa desamortización de mediados do século XIX.
Dos seus propietarios posteriores non hai apenas datos. O pazo ocupa o mesmo lugar onde estaban previamente as ruínas do mosteiro e as pedras deste foron aproveitadas para a súa construción en 1865.
Os xardíns ao norte do pazo e baixo deste semellan creados na mesma época; as árbores máis vellas do predio, coma as camelias (Camellia japonica e Camellia sasanqua 'Barão de Soutelinho') e a tuia xigante (Thuja plicata) —as tres incorporadas ao Catálogo galego de árbores senlleiras— datan deses anos.
A historia do pazo semella estar vinculada á figura do xeneral Antero Rubín Homent, que mandou construír o edificio actual sobre as ruínas do convento. Antero Rubín, nado en Redondela en 1851 e distinguido na guerra de Cuba, dirixiu os gobernos militares da Coruña, Bilbao e Zaragoza, e foi nomeado capitán xeral de Galicia, ademais de ostentar outros cargos.
En 1936 a familia Iturria, de orixe vasco-navarra, mercoulle o pazo a un médico vigués e foi a súa propietaria durante medio século. Talvez nesa época foron creadas a gruta e o estanque, a imitación dos xardíns de Santa Lucía en Portugal.
A partir dos anos sesenta do século xx, o pazo e os xardíns foron entrando nun estado de abandono paulatino, polo oneroso do seu mantemento.
Actualmente e desde comezos do século xxi, o pazo e o predio son propiedade da familia Marcote. O edificio rehabilitouse e a maior parte da superficie do predio dedicouse ao cultivo de viña; recuperáronse os xardíns xunto ao pazo e baixo del, e axardinouse a parte norte da quinta, ademais de construírse un estanque con pradería e vexetación variada arredor.
Nos últimos anos as súas instalacións utilízanse como aloxamento de turismo rural e como lugar de celebración de vodas e outros eventos, xa que o pazo e o predio contan coas infraestruturas axeitadas para estes fins.
UN PASEO POLO XARDÍN
A propiedade ocupa unhas oito hectáreas, a maior parte dedicadas á plantación de videiras.
A entrada principal, cun portalón metálico enmarcado nun muro de pedra, atópase no extremo oeste. O camiño de subida ao pazo está pavimentado con lousas e bordeado por céspede, árbores e arbustos ornamentais. Á dereita esténdese unha ampla superficie con vides.
A uns 100 m da entrada ábrese unha pequena explanada onde hai dúas vivendas, e diante delas dúas criptomerias (Cryptomeria japonica ‘Elegans') de bo porte e un grande exemplar de Camellia sasanqua ‘Barão de Soutelinho', o maior desta especie en Galicia, incluído no Catálogo galego de árbores senlleiras.
O camiño cara ao pazo vira ao noroeste e continúa baixo un emparrado, onde ademais de vides (Vitis vinifera) hai plantadas algunhas glicinias (Wisteria sinensis e Wisteria x formosa), que remata na terraza diante do pazo.
Ao norte desta edificación atópase un xardín moi interesante con grandes árbores xa centenarias; ademais de bos exemplares de grevíllea (Grevillea robusta), pícea (Picea abies), cuningamia (Cunninghamia lanceolata), palmeira abano austral (Livistona australis) e outras árbores, destaca unha alta araucaria da illa de Norfolk (Araucaria heterophylla) de máis de 30 m de altura e, sobre todo, un grande exemplar de tuia xigante (Thuja plicata), o máis groso do país e por isto incluído no Catálogo galego de árbores senlleiras, malia perder boa parte da súa copa hai uns anos.
Ao norte dos xardíns hai un pombal, posiblemente construído na mesma época ca o pazo, e un espazo axardinado máis recente.
Ao oeste do pazo e diante del, nun nivel inferior, esténdese un bancal axardinado a mediados do século XX e con intervencións posteriores, con fontes e outros elementos decorativos. Neste mesmo socalco, cara ao sur, atópanse máis árbores e unha pequena gruta artificial cunha fonte de dous canos; diante dela hai un estanque e unhas abeleiras (Corylus avellana) de bo porte.
Noutro bancal inferior atópase un xardín onde destacan as camelias (Camellia japonica) que datan da época de creación deste e que son, polo tanto, centenarias. Debido ao seu número, idade e desenvolvemento, están incluídas no Catálogo galego de árbores senlleiras. Outras árbores, datables de mediados do século XX en adiante, achegan tamén sombra neste nivel.
O terreo ao norte deste espazo foi recentemente axardinado, e creouse un estanque cunha illa central e camiños e céspede arredor con diversas plantas ornamentais; tamén hai unha ampla extensión de céspede adxacente.
Finalmente, na parte máis baixa do predio, no extremo oeste, están as instalacións para celebrar eventos a cuberto.
PUNTOS DE INTERESE
*O pazo
O edificio do pazo, do século xix e de planta rectangular, está flanqueado por dúas torres ameadas e ten un balcón corrido na fachada do primeiro andar. Ten, ademais, dúas construcións anexas nos laterais. Xa que é relativamente recente e sen demasiado valor arquitectónico ou histórico, só se pode considerar "pazo" no sentido amplo da palabra.
*Árbores senlleiras
O exemplar de Camellia sasanqua ‘Barão de Soutelinho', de flores fragrantes, con 7 m de altura e probablemente dun século e medio de idade, está incluído no Catálogo galego de árbores senlleiras polo seu tamaño, idade e singularidade: é o maior exemplar en España dunha especie raramente plantada nos xardíns ata finais do século XX.
Dúas camelias (Camellia japonica) baixo o pazo, duns 150 anos de idade e 10 m de altura, en bo estado, tamén se incorporaron ao Catálogo galego de árbores senlleiras; hai outras camelias centenarias próximas.
A tuia xigante (Thuja plicata), duns 17 m de altura e 5 m de perímetro á altura do peito, seguramente o exemplar máis groso de Galicia, está recollida no Catálogo galego de árbores senlleiras; malia a perda de gran parte da copa hai xa bastantes anos, a árbore conserva un estado sanitario bastante bo.
*Outras árbores de interese
No xardín ao norte do pazo hai varias árbores salientables, coma a araucaria da illa de Norfolk (Araucaria heterophylla), as criptomerias vellas (Cryptomeria japonica), a grevíllea (Grevillea robusta), a palmeira abano austral (Livistona australis) ou a pícea (Picea abies), salientables por seren centenarias e das mellores da provincia; de todas elas a palmeira é a máis valiosa, xa que é unha especie escasamente cultivada e este é un dos mellores exemplares de España.
CATÁLOGO BOTÁNICO
- Abies nordmanniana (Steven) Spach
- Acacia melanoxylon R. Br.
- Aesculus hippocastanum L.
- Araucaria araucana (Molina) Koch
- Araucaria heterophylla (Salisb.) Franco
- Arbutus unedo L.
- Aucuba japonica Thunb.
- Bougainvillea glabra Choisy
- Buxus sempervirens L.
- Camellia japonica L.
- Camellia sasanqua Thunb. 'Barão de Soutelinho'
- Cedrus atlantica (Endl.) Manetti ex Carrière Grupo Glauca
- Cedrus deodara (Roxb. ex D. Don) G. Don
- Chamaecyparis lawsoniana (A. Murray bis) Parl.
- Chamaecyparis pisifera (Siebold & Zucc.) Endl. 'Plumosa'
- Citrus × aurantium L. Grupo Laranxa doce
- Cordyline australis (G. Forst.) Endl.
- Corylus avellana L.
- Crataegus monogyna Jacq.
- Cryptomeria japonica (Thunb. ex L. f.) D. Don.
- Cryptomeria japonica ‘Elegans’
- Cunninghamia lanceolata (Lamb.) Hook.
- Cupressus lusitanica (Mill.) Bartel
- Ilex aquifolium L. 'Argenteovariegatum'
- Jasminum polyanthum Franch.
- Juniperus × pfitzeriana (Späth) P.A. Schmidt
- Laurus nobilis L.
- Livistona australis (R. Br.) Mart.
- Magnolia grandiflora L.
- Musa basjoo Siebold & Zucc. ex Iinuma
- Phyllostachys aurea Rivière & C. Rivière
- Phyllostachys nigra (Lodd. ex Lindl.) Munro
- Picea abies (L.) H. Karst.
- Pittosporum tobira (Thunb.) W.T. Aiton
- Prunus laurocerasus L.
- Pyrus cordata Desv.
- Quercus robur L.
- Strelitzia reginae Banks ex Aiton
- Styphnolobium japonicum (L.) Schott 'Pendulum'
- Syagrus romanzoffiana (Cham.) Glassman
- Taxus baccata L.
- Thuja plicata Donn ex D. Don
- Tilia tomentosa Moench
- Trachycarpus fortunei (Hook.) H.A. Wendl.
- Ulmus glabra Huds. 'Camperdownii'
- Washingtonia filifera (Linden ex André) H. Wendl. ex de Bary
- Wisteria × formosa Rehder
- Wisteria sinensis (Sims) Sweet
- Yucca aloifolia L.
- Yucca gloriosa L.
