Pazo de Pegullal
Localización: situado na parroquia de Santa María de Salceda (concello de Salceda de Caselas)
Coordenadas: 42°06'32.8" N 8°33'39.8" O (42.109839, -8.557172)
Propietario actual: Rosario Andrade
Cita previa (986 343 004 / 646 706 191) | Plano (pdf)
E-mail: info@pazopegullal.com
Web: pazopegullal.com
HISTORIA
Situado no concello de Salceda de Caselas (Pontevedra), a súa orixe non está ben documentada, como ocorre con gran parte do noso patrimonio. Nos seus inicios foi un pequeno convento, o convento de Santa María de Salceda, formado por un edificio que se corresponde coa parte máis próxima á capela da edificación actual. Unha referencia a esta casa vén do século xvi, en tempos de Filipe II, cando Pedro de Alemparte Correa lle comprou a este rei a freguesía de Santa María de Salceda para edificar a casa e a granxa de Pegullal. A vinculación deste pazo coa historia de Galicia está acreditada polos seus sucesivos propietarios, pertencentes a familias moi notables desta terra. A construción foise ampliando co paso dos seus diferentes donos e donas.
A finais do século XX, a propiedade pertencía a Ildefonso ou Alfonso Correa Sotomayor Pinto de Sousa, e en 1869 foi herdada por Antonio Aguilar y Correa, vizconde de Pegullal, marqués de Mos, marqués da Vega de Armijo, conde de Bobadilla e grande de España. Tras a súa morte pasou a ser propiedade da súa sobriña e afillada María Vinyals, marquesa viúva de Ayerbe; e despois do afillado desta, Manuel Lorenzo Rodríguez (alcalde e xuíz de Soutomaior a principios do século xx). Finalmente, o predio foi herdado polos seus descendentes e posteriormente vendido.
A propiedade do pazo é realmente unha xoia patrimonial que alberga un magnífico edificio barroco do século xvii, unha fermosa capela dedicada a san Bieito, un dos carballos máis vellos do país (dise que de 500 anos), o canastro de madeira máis longo de Galicia (14 metros), a monumental muralla que rodea toda a leira e o portal de entrada, flanqueado por dúas torres cilíndricas con cruzamentos sobre remates semiesféricos e o escudo de armas das familias Correa, Mendoza, Ozores, Quirós, Sarmiento, Silva, Sousa, Sotomayor e Zúñiga e a antiga fonte de San Bieito.
A finais do século XX foi adquirido polos donos actuais, que son os responsables da reconstrución e rehabilitación das edificacións, e mais da creación de estanques e fontes distribuídas ou escondidas entre os parterres dos espectaculares xardíns que as rodean, coidados con mimo pola propietaria. Neles a auga e a pedra, acompañadas dun magnífico elenco de exemplares vexetais e, por suposto, de camelias, forman un conxunto que, malia a súa recente construción, transmite a sensación de levar anos e anos escoitando as historias das e dos seus habitantes.
O edificio principal ten unha estrutura en forma de U e unha dobre escaleira de acceso que acaba nunha solaina de balaustradas, reconstruída hoxe en día como a orixinal do século XVIII. Destacan, ademais, o escudo colocado no portalón de entrada, o hórreo, a capela e o cruceiro.
O escudo é parecido aos que hai no pazo de Mos e no castelo de Soutomaior, pertencentes á familia Correa desde o século xviii, pero máis antigo e máis completo. Nel pódense ver, de esquerda a dereita, na primeira fila superior, as armas dos Quirós: dúas chaves con tres roeis a cada lado e tres flores de lis; no centro, as armas dos Sarmiento: trece roeis en tres columnas; e, á dereita, as armas dos Mendoza: unha banda en diagonal. Nunha segunda fila as armas dos Quirós e Sousa, representadas por varios escudetes de tres flores de lis superpostos en diagonal, e as armas dos Sotomayor con cinco liñas de xadreces. Na terceira fila, unha antiga variación das armas dos Mendoza: o escudo cuarteado en diagonal con tres bandas opostas en dous cuarteis e nos outros dous baleiros a inscrición "Ave Maria Gratia Plena", e mais as armas dos Ozores: un león rampante atravesado por unha espada. E, na cuarta fila, un león rampante coroado que representa os Silva; no centro unha aguia bicéfala; e, á dereita, o escudo dos Zúñiga: unha banda cruzada con bordura de cadea de ouro. No centro preside a composición un escudo ovalado de tamaño superior que representa os Correa: unha aguia coas ás despregadas.
A capela de San Bieito, anterior ao século xv, está dobremente brasonada. Na entrada principal atópase un escudo cos emblemas dos Sotomayor, Sarmiento, Quirós, Mendoza e Correa; e, no muro exterior da ábsida, un escudo coa aguia dos Correa.
No ano 1856 foi derrubada por un furacán e posteriormente reconstruída. O interior foi reformado a principios da década de 1990. Moi preto consérvanse os restos da fonte do Santo, á que se chega seguindo un paseo que discorre baixo unha magnífica pérgola de glicinias.
Nas romarías deste santo (o glorioso san Bieito), as e os devotos ofrecían trigo, centeo, millo e liño, ademais de ovos e diñeiro, que despois se vendían en beneficio da casa Pegullal. As e os propietarios actuais continúan realizando a romaría para a veciñanza.
O canastro consta dun corpo principal de madeira, que aínda se conserva, mantendo a súa estrutura orixinal, con case 14 metros de longo e 18 pés de pedra, o que indica como era o potencial económico da casa.
O cruceiro, de construción recente, está situado no xardín fronte á entrada da capela, e representa a virxe do Rosario e a san Bieito.
As terras de cultivo
Segundo datos do Catastro de Ensenada, en 1753 a quinta Pegullal contaba cunhas 18 hectáreas, das cales oito estaban dedicadas a viña, catro a monte, tres formaban unha carballeira e unha era horta. Ademais, contaba con dous pombais de figura circular, un con 12 pares de pombas e o outro con 14 pares (Real de Legos Santa María de Salceda. Catastro de Enseada. Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra).
No ano 1782 era a cuarta casa propiedade do marqués de Mos con renda máis alta, o que supoñía un importante activo económico para a familia Correa.
As oliveiras desta quinta datan dun período curto, entre finais do século XVIII e principios do xix, xa que figuran nas contas dos administradores de varios anos. Así, por exemplo, en 1782 recolléronse catro arrobas para a casa e o resto para a de Mos, en 1802 figuran un total de 371 ferrados e medio de oliva, e 303 ferrados recolleitos en 1805. Estas olivas eran vendidas e transportadas ao muíño de Atín para seren prensadas, e volvía a Pegullal unha parte do aceite para a súa venda e o consumo da casa. En 1814 recíbese a orde de arrincar as oliveiras afectadas por unha praga e substituílas por viña.
Na primeira metade do século XX, parte dos terreos estaban dedicados ao cultivo de tabaco, cunhas 13.000 plantas, cuxo secadoiro estaba nun edificio situado no patio próximo ao edificio principal.
Ata o ano pasado, nas preto de 30 ha de terras que rodean o pazo de Pegullal, cultivábanse viña e kiwis. Actualmente, o kiwi está a substituírse por viña de uva da variedade Albariño, para a elaboración do seu propio viño.
UN PASEO POLO XARDÍN
Cando os actuais donos compraron a propiedade, os terreos eran de monte e tívose que facer un novo proxecto de xardín, no que se respectaron as árbores antigas existentes, na súa maioría carballos, entre os que destacaba especialmente o de san Bieito, á beira da capela, que estaba en moi malas condicións e foi recuperado en sucesivas e correctas intervencións de poda, limpeza, saneamento do substrato e fertilización, que levaron á restauración e renovación da súa copa.
O novo xardín que rodea o pazo é obra do prestixioso paisaxista e xardineiro español Fernando Caruncho, quen en 1988 creou un xardín fiel ao seu estilo, ampliado en 2010. Este xardín preséntase como unha das obras mestras de Caruncho: esténdese con cores rosadas e diferentes tons de verde, a intelixencia e estratexia do paisaxista para colocar correctamente todas as plantas é unha das principais atribucións que lle achegan o toque especial a este espazo verde.
No traballo de Caruncho a luz é o elemento clave no xardín, ademais da xeometría e da relación entre o xardín e o paisaxismo. Cando este paisaxista fala sobre a xeometría, sempre insiste que pode estar oculta ou ser obvia, pero é, sen dúbida, a maneira de ler ou interpretar o lugar. Como non podía ser doutra maneira, o de Pegullal é un xardín xeométrico cheo de luz que entra por entre as ramas e se reflicte na auga das súas fontes e píos, e onde as especies vexetais destacan pola súa disposición e pola cantidade de exemplares de cada unha delas.
No proxecto de paisaxismo incorpórase a pedra como un dos elementos principais, acompañada sempre da auga e das plantas que a cobren parcialmente, e por entre os seus ocos e recunchos penetra a luz, que lle dá ao conxunto o aspecto romántico de humidade, maxia e tranquilidade dos xardíns galegos. Esta pedra forma parte das balaustradas, escaleiras e píos e de gran cantidade de fontes distribuídas nos diferentes xardíns, escondidas entre flores ou formando parte de paredes, muros e paseos.
Ademais de camelias, non pasan desapercibidos os impresionantes e elegantes paseos de cipreses, situados entre as plantacións de viñedos e que aparecen combinados con paulonias, que bordean e actúan como elementos divisorios entre os distintos espazos do xardín; as frondosas e exuberantes pérgolas de glicinias, que mostran un espectáculo de cor durante a súa época de floración; o labirinto de hedra e glicinia, no cal é posible mergullarse a través dunha escaleira de caracol; as sebes de buxo, que lle outorgan ao espazo a orde máis visible coas súas estruturas xeométricas ben definidas; as gardenias, os rododendros, os cítricos, os fermosos exemplares de magnolias de distintas especies, algún deles de gran tamaño, en especial os que enmarcan a balaustrada do nivel superior do xardín próxima ao pazo e a extensa plantación de viña, que debido á súa amplitude mostra asemade unha parte estética: o marco do espazo no que se atopan o pazo e o xardín.
Na entrada principal do pazo están situadas, formando frondosas sebes, as camelias máis antigas, que rodean o estanque que lle dá acceso ao xardín ocupando un espazo privilexiado. Baixo o muro da balaustrada, desde a que se accede á parte do xardín inferior, destaca unha espectacular sebe con 24 exemplares de C. reticulata ‘Dr. Clifford Parks'. De creación máis recente son o xardín de camelias Higo, situado no espazo que se atopa na parte superior da capela, e o paseo de especies de camelia, que crece baixo un longo paseo que discorre entre as plantacións e que está conformado por paulonias e cipreses e a zona de camelias de orixe galega.
PUNTOS DE INTERESE
*Camelias
Hoxe en día o xardín ten 371 exemplares de camelia de 25 especies, dos que 286 plantas pertencen a 198 cultivares e 85 están aínda sen identificar, pendentes de novos estudos morfobotánicos e xenéticos. A especie máis abundante é C. japonica, con 225 exemplares (dos que 37 son C. Higo), seguida de C. reticulata, con preto de 50 exemplares, máis de 50 híbridos e 17 de C. sasanqua (incluíndo C. vernalis e C. hiemalis).
A finais de 2019 as persoas propietarias completaron a colección de camelias do xardín requiridas pola Xunta de Galicia para solicitar a incorporación á Ruta da Camelia de Galicia. O Comité Camelia Galicia aprobou a inclusión do xardín do pazo de Pegullal nesta ruta o 23 de abril de 2021.
*Escudo
É parecido aos que hai no pazo de Mos e no castelo de Soutomaior, pertencentes á familia Correa desde o século xviii, pero máis antigo e máis completo. Nel pódense ver, de esquerda a dereita, na primeira fila superior, as armas dos Quirós: dúas chaves con tres roeis a cada lado e tres flores de lis; no centro, as armas dos Sarmiento: trece roeis en tres columnas; e, á dereita, as armas dos Mendoza: unha banda en diagonal. Nunha segunda fila as armas dos Quirós e Sousa, representadas por varios escudetes de tres flores de lis superpostos en diagonal, e as armas dos Sotomayor con cinco liñas de xadreces. Na terceira fila, unha antiga variación das armas dos Mendoza: o escudo cuarteado en diagonal con tres bandas opostas en dous cuarteis e nos outros dous baleiros a inscrición "Ave Maria Gratia Plena", e mais as armas dos Ozores: un león rampante atravesado por unha espada. E, na cuarta fila, un león rampante coroado que representa os Silva; no centro unha aguia bicéfala; e, á dereita, o escudo dos Zúñiga: unha banda cruzada con bordura de cadea de ouro. No centro preside a composición un escudo ovalado de tamaño superior que representa os Correa: unha aguia coas ás despregadas.
*Capela
A capela de San Bieito, anterior ao século xv, está dobremente brasonada. Na entrada principal atópase un escudo cos emblemas dos Sotomayor, Sarmiento, Quirós, Mendoza e Correa; e, no muro exterior da ábsida, un escudo coa aguia dos Correa.
No ano 1856 foi derrubada por un furacán e posteriormente reconstruída. O interior foi reformado a principios da década de 1990. Moi preto consérvanse os restos da fonte do Santo, á que se chega seguindo un paseo que discorre baixo unha magnífica pérgola de glicinias.
Nas romarías deste santo (o glorioso san Bieito), as e os devotos ofrecían trigo, centeo, millo e liño, ademais de ovos e diñeiro, que despois se vendían en beneficio da casa Pegullal. As e os propietarios actuais continúan realizando a romaría para a veciñanza.
*Hórreo
O canastro ou hórreo, con corpo principal de madeira que aínda se conserva mantendo a súa estrutura orixinal, con case 14 metros de longo e 18 pés de pedra, indica o potencial económico da casa.
*Cruceiro
O cruceiro, de construción recente, está situado no xardín fronte á entrada da capela, e representa a virxe do Rosario e a san Bieito.
CATÁLOGO BOTÁNICO
- Actinidia deliciosa
- Buxus sempervirens
- Camellia amplexicaulis
- Camellia caudata
- Camellia fluviatilis
- Camellia impressinervis
- Camellia irrawadiensis
- Camellia longicarpa
- Camellia lutchuensis
- Camellia miyagii
- Camellia salicifolia
- Camellia sinensis
- Camellia transarisanensis
- Camellia transnokoensis
- Camellia wabisuke
- Camellia yuhsienensis
- Camellia yunnanensis
- Camellia yunnanensis
- Camellia granthamiana
- Castanea sp.
- Cedrus deodara
- Citrus limon
- Citrus sinensis
- Citrus trifoliata
- Cleyera japonica
- Cupressus sempervirens
- Dicksonia sp.
- Ficus carica
- Gardenia jasminoides
- Ginkgo biloba
- Gordonia chrysandra = Polyspora chrysandra
- Hedera Helix
- Hydrangea macrophylla
- Jasminum officinalis
- Lagerstroemia indica
- Magnolia grandiflora
- Magnolia x soulangeana
- Olea europaea
- Paulownia tomentosa
- Phyllostachys sp.
- Prunus sp.
- Quercus robur
- Quercus rubra
- Rhododendron sp.
- Robinia pseudoacacia
- Rosa sp.
- Vitis vinifera
- Wisteria sinensis