Pazo de Gondomar

Localización: desde Gondomar, indo pola estrada PO-340 en dirección a Tui e a uns 500 metros, cóllese á dereita cara á rúa Urbanización Miñor; o peche de pedra á man esquerda pertence ao pazo de Gondomar.

Coordenadas: 42º 6' 21.36'' N; 8º 46' 42.37'' O (42.105935, -8.761771)

Propietario actual: Gonzalo Fernández de Córdoba y Narváez, XIII conde de Gondomar

Cita previa (986 360 125 / 986 389 194)

E-mail: turismo@concellodegondomar.com

Webhttps://turismoriasbaixas.com/recursopan1?content=280377499

HISTORIA

Aínda que as súas orixes son incertas, unha carta enviada por Lázaro de Losada a Diego Sarmiento no ano 1605 indica que, durante a construción da torre de vixilancia da zona de maior altitude do predio, se atoparon antigos restos doutra torre anterior, posiblemente de finais do século xiv ou comezos do século XV.

No século XVI foi a residencia de García Sarmiento de Sotomayor, señor de Gondomar e Vincios (despois de comprarlla a Fernando Bermúdez de Castro), Peitieiros e Morgadáns, corrixidor de Granada e capitán xeral de Canarias. Pero a historia do pazo está máis intimamente ligada ao seu primoxénito, Diego Sarmiento de Acuña, primeiro conde de Gondomar, título que lle outorgou Filipe II en 1617 por, entre outras fazañas, a defensa de Baiona fronte ás incursións do temible corsario inglés sir Francis Drake.

Sarmiento de Acuña naceu en 1567 en Gondomar, freguesía da diocese de Tui. Cando apenas contaba con 16 anos, o rei Filipe II puxo ao seu cargo a fronteira de Portugal e as ribeiras do Miño, que defendeu con valentía. Cando as tropas inglesas superaron as defensas da Coruña e se dirixiron a Portugal, prestou bo servizo coa súa asistencia ao bispado de Tui e aos seus portos, ata o punto de gañar o goberno e a alcaldía da vila e fortaleza de Baiona. En 1593 foi nomeado corrixidor de Toro e en 1601 de Valladolid, a onde se trasladou a corte.

En 1612 foi nomeado por Filipe II embaixador en Londres, onde estableceu a súa residencia ata 1622, cando cesou no cargo. Durante estes anos na Gran Bretaña participou de forma moi activa no conflito xurdido pola ruptura do rei Henrique VIII coa igrexa católica e romana no século xvi, que condenou a miles de ingleses a aceptar, moitas veces contra a súa vontade, a confesión anglicana. Darlles sepultura cristiá e renderlles honras ás e aos ingleses que se negaron e foron perseguidos e torturados foi durante anos unha práctica clandestina na que participou Diego Sarmiento de Acuña.

Este feito se aprecia nas caixas de reliquias que hai no interior da capela, que albergan os restos de tres daqueles homes perseguidos: san John Almond, Thomas Maxfield e John Forest, este último confesor de Catalina de Aragón, esposa de Henrique VIII. A historia indica que tras a morte dos mártires mandou desenterralos e trasladou os restos a Gondomar entre a súa propia equipaxe, previo paso pola illa de San Simón, na enseada da ría de Vigo.

O pazo de Gondomar contaba daquela con varias estruturas defensivas: unha muralla de tres quilómetros de lonxitude e varias torres de vixilancia. Aínda así, foi asaltado no ano 1665 polo exército portugués durante a guerra de Independencia de Portugal. A finais do mes de outubro dese ano, un exército portugués mandado polo conde de Prado atravesou o Miño á altura de Goián e dirixiuse, a través dos vales do Rosal e Miñor, cara á vila de Vigo, e provocou grandes danos no pazo.

No século xviii un grande incendio provocou o seu abandono. En 1761, a VIII condesa de Gondomar casou en Madrid co duque de Medinaceli. A comezos do século xix realízase unha nova rehabilitación que durou ata comezos do xx e na que o edificio conservou o seu carácter de tipo defensivo, con murallas, torres e garitas. Na actualidade aínda mantén o balcón e as columnas orixinais do século XVI e os muros laterais e a capela do século XVII.

Aínda que non é posible datar con exactitude a orixe do xardín, sábese que o pazo xa dispoñía deste a comezos do século XVII. O Catastro do marqués de Ensenada (1753) fala dunha superficie de 2,25 ferrados (uns 1.200 m2) de xardín, que foi varias veces reformado ata chegar á traza actual que se mantén desde a segunda metade do século xix, a finais da década de 1860.

A distribución dos espazos dentro do recinto amurallado segue a distribución característica dos pazos galegos, con horta, bosque e xardín. A maior parte das 30 hectáreas están dedicadas ao bosque, cunha parte destacada dedicada á horta dos actuais caseiros. Na fachada norte do pazo consérvase unha pequena parte do xardín creado no século xix, na que salientan sobre todo os trazos da alameda, non de chopos, senón como paseo de recreo con árbores de sombra, no que destacan os tileiros, cuningamias e ailantos, rematando o conxunto coa praza de magnolios.

UN PASEO POLO XARDÍN

Accédese ao espazo por un camiño sinuoso que transcorre baixo as copas de tileiras de folla grande (Tilia platyphyllos), cuningamias (Cunninghamia lanceolata), castiñeiros de Indias (Aesculus hippocastanum), acacias negras (Acacia melanoxylon) e ailantos (Ailanthus altissima) ata chegar a unha pequena rotonda diante do pórtico neoclásico, rodeada de magnolios (Magnolia grandiflora) de grandes dimensións, baixo os que medran agapantos africanos (Agapanthus praecox). O chan atópase tapizado por plantas de herba da fortuna ou tradescancia (Tradescantia fluminensis), calas (Zantedeschia aethiopica) e xenxibre amarelo (Hedychium gardnerianum), que forman unha mata continua baixo a copa das árbores.

A ambos os lados da fachada principal atopamos dous pequenos espazos axardinados con aralias (Fatsia japonica), falso acivro (Osmanthus heterophyllus 'Goshiki'), aucubas (Aucuba japonica ´Variegata´), azaleas (varios cultivares) e rododendros (Rhododendron GrupoSmithii).
Seguindo o paseo, na entrada do patio das laranxeiras atopamos a capela do século xvii cun cruceiro na entrada, unha mesa de pedra e un fermoso castiñeiro.

O interior do patio é axardinado, cunha gran superficie de céspede na súa zona central e cunha gran sebe de hortensias (Hydrangea macrophylla) e tibuchinas (Tibouchina urvilleana) que fai de perímetro do espazo. No centro do patio destaca un estanque de pedra ornamentado con plantas de tempada (Salvia splendens) e, a carón do pazo, un fermoso corredor que sostén unha gran parra de viña (Vitis vinifera).

A maior parte da parcela está colonizada por eucaliptos (Eucalyptus globulus e E. elata), acacias negras (Acacia melanoxylon) e falsas acacias (Robinia pseudoacacia), pero baixo as súas copas atópanse numerosas plantas de sobreira (Quercus suber), carballo (Quercus robur) e castiñeiro (Castanea x coudercii), con grande abundancia de xilbardeira (Ruscus aculeatus). É o bosque característico do occidente galego.

PUNTOS DE INTERESE

*O pazo

O pazo de Gondomar, tamén coñecido como pazo do Conde ou pazo de Sarmiento, está declarado ben de interese cultural (BIC), con categoría de monumento desde febreiro de 1999, e está considerado xoia artística do concello de Gondomar.

*Cuningamias (Cunninghamia lanceolata)

Atopamos un conxunto formado por oito exemplares de grandes dimensións, entre os que destaca un deles, incluído no Catálogo galego de árbores senlleiras, que é o de maiores dimensións de todas as cuningamias coñecidas en Galicia, cunha altura de 35 ou 36 m e un perímetro de 4,75 m, medido á altura do peito. O tronco divídese a escasa altura en dous grandes fustes que se elevan, case paralelos, no medio dun arborado de gran frondosidade. Están adornados con pequenos tocos sen cicatrizar, como recordo das ramificacións que un día poboaron as zonas baixas do seu tronco. A súa copa é de perfil  piramidal e moi irregular.

*Outras especies arbóreas

Outros exemplares arbóreos de interese son os caquis de Virxinia (Diospyros virginiana), especie escasamente representada en Galicia e da que atopamos un grupo no pazo, cun exemplar que supera os 20 m de altura.

Tamén é salientable a carreira de grandes eucaliptos (Eucalyptus globulus), semellante á do parque de Castrelos (Vigo), un excelente pé de ciprés de Portugal (Cupressus lusitanica) duns 28 m de altura, un acivro (Ilex aquifolium) duns 16 m de altura (dos mellores da provincia de Pontevedra), un grupo de magnolias (Magnolia grandiflora) de gran tamaño e antigüidade ou uns tileiros (Tilia platyphyllos) de gran desenvolvemento, con exemplares de ata 28 m de altura.

CATÁLOGO BOTÁNICO
  • Acacia melanoxylon R.Br.
  • Acer pseudoplatanus L.
  • Aesculus hippocastanumL.
  • Agapanthus praecox Willd.
  • Ailanthus altissima (Mill.) Swingle
  • Aucuba japonica Thunb. ´Variegata´
  • Bougainvillea glabra Choisy ‘Sanderiana’
  • Camellia japonica L.
  • Castanea x coudercii A. Camus
  • Chamaecyparis lawsoniana (A. Murray) Parl.
  • Choisya ternata Kunth
  • Cotoneaster glaucophyllus Franch. var. serotinus (Hutch.) L.T. Hu & Brach
  • Cordyline australis (G. Forst.) Endl.
  • Cunninghamia lanceolata (Lamb.) Hook.
  • Cupressus lusitanica Mill.
  • Cryptomeria japonica (L.f.) D. Don
  • Cunninghamia lanceolata (Lamb.) Hook.
  • Eucalyptus elata Dehnh. FOTO 13
  • Eucalyptus globulus Labill.
  • Euonymus japonicus Thunb.
  • Euonymus japonicus Thunb. ‘Ovatus Aureus’
  • Fatsia japonica (Thunb.) Decne. & Planch.
  • Fuchsia x hybrida Voss
  • Hedychium gardnerianum Sheppard ex Ker Gawl.
  • Hibiscus syriacus L.
  • Hydrangea macrophylla (Thunb.) Ser.
  • Ilex aquifolium L
  • Juglans regia L.
  • Lagerstroemia indica L.
  • Laurus nobilis L.
  • Liriodendron tulipiferaL.
  • Magnolia grandiflora L.
  • Osmanthus heterophyllus (G.Don) P.S.Green 'Goshiki'
  • Philadelphus coronarius L.
  • Picea abies (L.) H.Karst
  • Platanus x hispanica Mill. ex Münchh.
  • Prunus laurocerasus L.
  • Quercus robur L.
  • Quercus suber L.
  • Robinia pseudoacacia L.
  • Salvia splendens Sellow ex Schult.
  • Tibouchina urvilleana (DC.) Cogn.
  • Tilia platyphyllos Scop.
  • Vitis vinifera L.
  • Yucca gloriosa L.
  • Zantedeschia aethiopica (L.) Spreng.

Fotos