Pazo de Fefiñáns

Localización: no centro urbano de Cambados, na praza de Fefiñáns

Coordenadas: 42°31'08.2" N 8°48'49.0"O (42.518930, -8.813611)

Propietario actual: descendentes da familia Gil Armada

Cita previa (660 078 252/ 986 524 877)

E-mail: gilarmada@pazodefefinans.com

Webwww.bodegagilarmada.com/el-pazo/

  HISTORIA

A orixe da antiga vila señorial de Fefiñáns remóntase a mediados do século xvi, cando Juan Sarmiento de Valladares, conselleiro do rei Filipe II, lle merca o terreo ao monarca. A construción do pazo iníciase a partir dunha antiga torre medieval, co obxectivo de vixiar a costa de posibles ataques por mar. O groso das obras terá lugar xa no século xvii con Gonzalo de Valladares, primeiro vizconde de Fefiñáns, e o seu fillo Fernando de Valladares, quen herdará o título e finalizará a construción cara a 1670.

O contacto coa corte deixa ver a influencia da arquitectura dos palacios italianos dos séculos xv e xvi, por exemplo, na creación dun espazo orientado a embelecer a praza, que rodea dous laterais e abre a ela numerosos balcóns na primeira planta. Aos lados dos vans e nos frontóns, multitude de medallóns con retratos de reis, eclesiásticos e antepasados da familia, percorren a fachada. Sobre o portal do leste que lle dá acceso á primeira planta da vivenda resalta o escudo de armas de Gonzalo de Valladares coa serea da familia Mariño de Lobeira. No outro lateral do pazo ábrese o portal de acceso ao patio de armas e sobre el o escudo de Fernando de Valladares, custodiado polas figuras de Zeus e Apolo.

A gran praza de Fefiñáns era o antigo patio do pazo e nela organizábase o mercado semanal ata mediados do século xx. Pechando a praza ao norte está a igrexa de San Bieito, capela do pazo e panteón da familia. A lenda di que, daquela, o mar chegaba preto das torres da igrexa e a praza continuaba aberta ata o porto de Fefiñáns, famoso polos barcos cargados de cítricos que saían das hortas do pazo.

Cruzando o portal sur atópase o patio de armas decorado cos escudos de armas. Unha gran figueira medra diante das antigas cocheiras, hoxe adegas, e unha fonte de comezos do século xix traía ata aquí a auga fresca que nacía nas hortas. Baixo a primeira planta da casa un pórtico cobre parte do claustro e no seu extremo leste soben unhas escaleiras ata a parte posterior do outro lateral do pazo, que comunican cunha ampla solaina.

A media altura entre a horta e a casa, a solaina une toda a primeira planta da vivenda co exterior a través dunhas escaleiras; o longo tramo cóbrese cunha gran glicinia, roseiras e buganvíleas; e péchaa unha balconada pétrea que permite ver toda a horta e o seu viñedo. No medio da horta, e continuando cara á muralla leste, destaca unha fonte de tres canos de estilo neoclásico, rematada nun frontón. Na fachada norte, facendo esquina, atopamos a torre da homenaxe, edificada en 1525 cun marcado estilo renacentista.

Na unión do pazo coa outra horta unha ponte salva o antigo camiño real a Caldas de Reis; a súa rica balaustrada granítica permítenos gozar das vistas sobre a igrexa e a praza; ademais, comunica coa horta grande e dá acceso a unha terraza cunha mesa e bancos en pedra baixo cepas de albariño e a unha escaleira que se vai abrindo en curva a medida que se descende ao xardín. Xa nesta horta descubrimos as reminiscencias do seu pasado esplendoroso; segundo recolle Caamaño Bournacell, cronista de Fefiñáns a mediados do século xx, no xvii a súa frondosidade e abundancia competía cos mellores xardíns de España e destacaba pola gran cantidade de froiteiras.

  UN PASEO POLO XARDÍN

Entrando pola adega percorremos un túnel de uns 50 metros, creado na década dos anos trinta do século pasado, que conduce a unha primeira estancia axardinada coñecida como Horta do Pombal; preside o espazo unha grande araucaria da illa de Norfolk (Araucaria heterophylla), que dá comezo a unha pequena avenida ou dobre aliñación composta por arbustos de flor, entre os que destacan as hortensias (Hydrangea macrophylla), filodendros (Philodendron bipinnatifidum), breixos (Erica spp.) ou roseiras (Rosa banksiae 'Lutea', R. rugosa). Rodeando estes parterres crece unha pequena sebe de buxos (Buxus sempevirens) podados a baixa altura.

Baixando da solaina cara á horta amurallada, atopámonos de fronte a grande araucaria e o viñedo de albariño que rodea todo o predio, onde destacan as cepas centenarias prefiloxéricas. No medio da horta atópase unha carreira axardinada con buxos, lavandas, rododendros e camelias.

Cruzando a ponte de pedra sobre a avenida de Rosalía de Castro (antigo camiño real a Caldas de Reis), accédese ao segundo espazo do xardín, onde unha sebe de buxos forma un labirinto cun banco de pedra no seu interior. Tamén atopamos un estanque de pedra con ducias de carpas e unha parella de magnolias (Magnolia grandiflora) que presiden o espazo, así como un cordiline (Cordyline australis), camelias (Camellia japonica), ou o cipreste de Lawson (Chamaecyparis lawsoniana). Seguindo a sebe de buxos chégase a un dos lugares de maior relevancia botánica do xardín, con dous loureiros (Laurus nobilis) e dúas palmeiras de abano mexicanas (Washingtonia robusta) de grandes dimensións, que crecen arredor do estanque e que ben se poderían incluír no Catálogo galego de árbores senlleiras. O chan baixo as copas está cuberto de taros (Colocasia esculenta) e aves do paraíso (Strelitzia reginae).

Atravesando uns 50 metros entre as plantacións de viñedo e franqueando un portalón metálico atópase un bosque escondido, no que unha sebe de buxos de grandes dimensións medra baixo a sombra de carballos (Quercus robur), castiñeiros (Castanea x coudercii), pradairos (Acer pseudoplatanus), cerdeiras (Prunus avium) e freixos de folla estreita (Fraxinus angustifolia), acompañados de árbores exóticas, coma piñeiros americanos (Pinus radiata), acacias negras (Acacia melanoxylon), falsas acacias (Robinia pseudoacacia) e eucaliptos (Eucalyptus globulus), que foron plantados en distintas épocas. O chan está tapizado de hedras (Hedera hibernica) e silveiras (Rubus ulmifolius) que compiten polo dominio do estrato herbáceo coa herba de orixe brasileira coñecida como herba da fortuna ou tradescancia (Tradescantia fluminensis).

  PUNTOS DE INTERESE

*Pazo e capela

Situado na praza de Fefiñáns, é un edificio en forma de L, de gran beleza e adornado con balcóns e escudos. Na fachada, facendo esquina, atopamos a torre da homenaxe, edificada en 1525 cun marcado estilo renacentista. Cara ao norte consérvase unha ponte de pedra que salva o antigo camiño real a Caldas de Reis (hoxe avenida de Rosalía de Castro) cunha rica balaustrada granítica e, no extremo, unha pequena construción rematada en cúpula decorada con pináculos. Tamén cara ao norte atopamos a igrexa de San Bieito, capela do pazo e panteón da familia, coas súas fachadas decoradas cos escudos dos vizcondes.

*Loureiros (Laurus nobilis)

A carón da fonte central pódense ver dous exemplares de máis de cen anos de idade que superan en dimensións os demais loureiros espallados pola xeografía galega. A súa morfoloxía é practicamente idéntica, con bases fortemente engrosadas para conferirlles estabilidade aos exemplares fronte ao vento. Contan cunha altura aproximada de 17 m e o seu perímetro normal, medido á altura do peito, é superior a 3 m.

*Palmeiras de abano mexicanas (Washingtonia robusta)

Compartindo espazo cos loureiros hai unha parella de palmeiras case xemelgas nas que destaca a súa grande altura, que as fai sobresaír no medio das demais árbores do xardín. Os troncos aséntanse sobre anchas bases e os estipes son pelados, dereitos e moi verticais. A coroa sitúase superados os 23 m de altura e está formada polo clásico penacho de palmas en abano (follas). O seu perímetro normal, medido á altura do peito, está próximo a 2 m.

*Freixo de folla estreita (Fraxinus angustifolia)

No bosque, a carón da muralla, atopamos un exemplar de máis de cen anos de historia cuns datos dendrométricos (tamaño) moi destacados. A súa altura supera os 21 m e o seu perímetro, medido á altura do peito, é superior a 3,5 m, entre os de maiores dimensións de Galicia.

  CATÁLOGO BOTÁNICO
  • Acer pseudoplatanus L.
  • Araucaria heterophylla (Salisb.) Franco
  • Arbutus unedo L.
  • Buxus sempervirens L.
  • Calocedrus decurrens (Torr.) Florin
  • Camellia japonica L.
  • Castanea x coudercii A.Camus
  • Cercis siliquastrum L.
  • Chamaecyparis lawsoniana (A. Murray) Parl.
  • Choisya ternata Kunth
  • Cochliasanthus caracalla (L.) Trew
  • Colocasia esculenta (L.) Schott
  • Cordyline australis (G. Forst.) Endl.
  • Crataegus monogyna Jacq.
  • Cupressus lusitanica Mill.
  • Cupressus macrocarpa Hartw.
  • Diospyros kaki L.f.
  • Diospyros virginiana L.
  • Eucalyptus globulus Labill.
  • Euonymus japonicus Thunb. 'Microphyllus'
  • Fagus sylvatica L.
  • Fraxinus angustifolia
  • Ginkgo biloba L.
  • Gleditsia triacanthos L.
  • Hydrangea macrophylla (Thunb.) Ser.
  • Jacaranda mimosifolia D.Don.
  • Laurus nobilis L.
  • Magnolia grandiflora L.
  • Magnolia liliiflora Desr.
  • Myrtus communis L.
  • Nerium oleander L.
  • Parthenocissus quinquefolia (L.) Planch.
  • Persea americana Mill.
  • Philodendron bipinnatifidum Schott ex Endl.
  • Phoenix canariensis Chabaud.
  • Phoenix dactylifera L.
  • Phyllostachys aurea Rivière & C. Rivière
  • Plumbago auriculata Lam.
  • Pyrus communis L.
  • Quercus roburL.
  • Rhus typhina L. ´Dissecta´ Rehder
  • Rosa banksiae R.Br. 'Lutea'
  • Rosa rugosa Thunb.
  • Spiraea cantoniensis Lour.
  • Spiraea japonica L.f.
  • Spiraea thunbergii Siebold ex Blume
  • Tilia platyphyllos Scop.
  • Vitis vinifera L.
  • Washingtonia robusta H.Wendl.

Fotos