Pazo de Casal Novos
Localización: Os Barreiros, Caldas de Reis
Coordenadas: 42°35'26.5" N, 8°38'16.3" O (42.590709, -8.637895)
Propietario actual: Jardines de Casalnovo, S. L.
Cita previa (692 892 220) | Plano (pdf)
E-mail: info@pazocasalnovo.com
HISTORIA
O pazo de Casal Novo é unha edificación histórica de planta irregular datada na segunda metade do século xvi. Nos seus inicios foi propiedade da familia Varela, descendentes do rei Ramiro I de Aragón e da súa esposa Ermisinda.
As construcións máis antigas, coma a torre, o corpo, o acaroado e as cortes, iniciáronse en 1556, baixo o mando de Jorge Varela de Dubra. Na primeira metade do século xix, cando era titular José Varela de Torres, engadíronse a torre maior e o corpo lateral do nacente e no último cuarto deste século realizáronse o deseño e os inicios do xardín.
Posteriormente engadíronse outras edificacións: a capela —hoxe semipública, que se atopa integrada no edificio principal—, un hórreo e un pombal, tras o cal se conserva unha pequena carballeira.
Desde marzo de 2021 o predio figura a nome de Jardines de Casalnovo, S. L. Na actualidade, a empresa propietaria está realizando traballos de restauración e ampliación, tanto no edificio do pazo coma nos xardíns. Neste proceso de restauración estase a seguir un proxecto de remodelación completa para acoller eventos e celebracións, e o seu futuro uso como hospedaxe ou aloxamento.
A superficie actual do predio é de, aproximadamente, 13 ha, das que unha pequena parte será dedicada a xardín e o resto da superficie a viñedo.
Entre os edificios e instalacións, ademais do edificio principal do pazo, a capela, o hórreo e mais o pombal, podemos gozar de fontes, estanques, un lagar, un cruceiro e un lavadoiro. Está pendente a instalación dun invernadoiro de cristal.
UN PASEO POLO XARDÍN
A superficie axardinada comprende os terreos situados fronte á edificación principal, cunha superficie de cerca de 6.000 m2. Nesta área están as árbores máis antigas, que formaban o xardín de finais do século xix, antes de que o adquirisen as novas persoas propietarias.
A especie con máis representación ao longo do xardín é a Camellia japonica, con vinte exemplares ben distribuídos ao longo deste, que ocupan lugares destacados na entrada ao predio, fronte á fachada principal e nos laterais do pazo.
Na entrada principal, entre as copas das camelias, destaca un magnífico exemplar centenario de cedro da California (Calocedrus decurrens Torr.). A parte central do xardín está tamén dominada por camelias, aínda que sobresae un grande exemplar de criptomeria (Cryptomeria japonica)que tamén supera os cen anos, xunto a outro exemplar de criptomeria e outro cedro da California —ambos os dous de menores dimensións— e unha magnolia (Magnolia grandiflora L.), que destaca polo seu maxestoso porte. Na zona central, máis próxima ao pazo, atopamos dúas árbores de Xúpiter(Lagerstroemia indica L.), que cun terceiro exemplar, que medra no lateral esquerdo do xardín, ao lado do cruceiro, forma un conxunto para ter en conta polas súas considerables dimensións e avanzada idade.
Ademais, a colección de plantas complétase con outros exemplares de Calocedrus decurrens, Eryobrotria japonica, Castanea sp., Cotinus coggygria, Acer palmatum, Rhododendron sp. e Liquidambar styraciflua, ben distribuídos polo xardín.
No 2021 comezou a restauración e respectáronse as árbores de maior valor de todas as especies, algunhas delas exemplares centenarios, plantados na época do deseño do xardín orixinal, e que son o eixe central do proxecto do novo xardín deseñado polo paisaxista Anxo Otero.
A restauración do xardín en execución consiste en reestruturalo cara a un estilo naturalista, de aspecto campestre, cun deseño atractivo en parterres e socalcos (creados a partir de recheos e soportados por muros de contención) debido á gran pendente natural do terreo, que cubra toda a superficie axardinada. Este deseño leva o selo persoal do seu autor e está baseado en especies herbáceas locais e alóctonas, perennes e de tempada, que van variando ao longo do ano co ciclo estacional, para crear un xardín vistoso, alegre, de aspecto cambiante e totalmente natural.
Destaca o uso de gramíneas ornamentais e herbáceas vivaces, plantas vistosas e cambiantes ao longo das catro estacións, algunhas delas cun longo período de floración e con escasos requirimentos de mantemento. Ademais do xardín ornamental, haberá un espazo produtivo dedicado á horta.
PUNTOS DE INTERESE
*Árbore de Xúpiter (Lagerstroemia indica)
Os tres exemplares de árbore de Xúpiter, situados na zona axardinada máis próxima á edificación principal, tanto no frontal coma no lateral esquerdo, xunto ao cruceiro, destacan pola súa dendrometría —sobresae especialmente o diámetro dos seus troncos— e pola rareza no uso desta especie na época na que foron plantadas, posiblemente a principios do século xx. A estrutura da copa viuse transformada co paso do tempo debido á perda de grandes pólas, onde creceron outras que aínda non acadaron o calibre das anteriores e que forman notorias copas irregulares con perfil redondeado, que amosan o seu máximo esplendor a finais do verán, época na que ten lugar a súa espectacular floración.
*Cedro da California (Calocedrus decurrens)
Este exemplar, situado no xardín máis próximo á entrada principal, plantado probablemente nos inicios do século xix, no momento de creación do xardín antigo, merece ser incluído no Catálogo galego de árbores senlleiras.
CATÁLOGO BOTÁNICO
- Acer palmatum
- Calocedrus decurrens
- Camellia japonica L.
- Castanea sp.
- Cercis canadensis
- Cotinus coggygria 'Dammeri Grace'
- Cryptomeria japonica (L.f.) D. Don
- Eriobotrya japonica
- Lagerstroemia indica
- Liquidambar styraciflua
- Magnolia denudata 'Yulan'
- Magnolia grandiflora
- Magnolia x soulangeana
- Pyrus calleriana 'President'
- Quercus robur L.
- Quercus rubra L.
- Rhododendron japonicum
- Vitis vinifera L.
- Wisteria sinensis