Parque Quiñones de León

O tamén chamado pazo de Castrelos é unha institución dependente do Concello de Vigo, emprazado no pulmón verde da cidade. A súa historia xa aparece documentada no século XV como antiga fortaleza, consecuencia das incursións dos piratas sobre a ría, e máis concretamente por causa da guerra contra Portugal, aínda que é reedificado no século XVII.

O aspecto actual da obra completouse coas torres e coa fachada corrida de clara inspiración renacentista, herdanza da escola castelán-leonesa de Valladolid. En 1883, a marquesa de Valladares entronca co marquesado de Alcedo tras o seu matrimonio con Fernando Quiñones de León. Amplíase entón a estrutura palaciana imprimíndolles un claro gusto inglés tanto á vivenda coma aos xardíns.

O 12 de decembro de 1924 o último marqués de Alcedo dooulle o pazo ao pobo de Vigo para transformalo en museo de arte rexional. Nel pódense contemplar importantes coleccións de arte, arqueoloxía e historia.

Pazo, museo e xardíns están declarados ben de interese cultural e varias das árbores do xardín figuran no Catálogo de árbores senlleiras de Galicia.

O xardín créase en tempos do I marqués de Alcedo e hai constancia de que en 1860 se trouxeron camelias a procedentes dos viveiros de marqués Loureiro de Portugal. Continúase co ix marqués de Valladares, a cargo de persoal inglés. Nos anos setenta plántase a zona hortícola baixo a administración do museo de Anxo Ilarri Gimeno, e sucédense diferentes actuacións ata os anos noventa.

O xardín ten tres niveis. O superior, a Rosaleda, arrinca dun ceador cuberto cunha pérgola metálica que foi antigamente un invernadoiro. O intermedio constitúe o xardín francés, cun trazado de sebes de buxo case labiríntico. No nivel máis baixo atopamos o xardín inglés, tamén chamado pradeira do Té, rodeado por dúas sendas de paso. No seu centro hai un estanque para patos cun illote no que se contempla unha maqueta do pazo. Cómpre mencionar o espécime de Camellia japonica con flores rosas incluído no Catálogo de árbores monumentais de Galicia, que se coñece popularmente co nome de Matusalén debido á súa antigüidade.

  CATÁLOGO BOTÁNICO
  • Acacia melanoxylon R. Br.
  • Acacia verticillata (L'Her.) Willd.
  • Acer platanoides L.
  • Acer pseudoplatanus L.
  • Acer rubrum L.
  • Acer saccharinum L.
  • Acer saccharum Marshall
  • Aesculus hippocastanum L.
  • Ageratina ligustrina (DC:) R. King & H. Robinson
  • Alnus cordata (Loisel.) Duby
  • Araucaria angustifolia (Bertol.) Kuntze
  • Araucaria heterophylla (Salisb.) Franco
  • Betula pendula Roth
  • Butia odorata (Barb. Rodr.) Noblick
  • Camellia japonica L.
  • Carpinus betulus L.
  • Catalpa bignonioides Walter
  • Cedrus deodara (Roxb. ex D. Don) G. Don
  • Cedrus libani A. Rich.
  • Celtis sinensis Pers.
  • Cephalotaxus harringtonii (Knight ex J. Forbes) K. Koch
  • Cinnamomum camphora (L.) J. Presl
  • Cinnamomum glanduliferum (Wall.) Meissn.
  • Corylus colurna L.
  • Eucalyptus globulus Labill.
  • Eucalyptus obliqua L'Her.
  • Euonymus europaeus L.
  • Fagus sylvatica L.
  • Fraxinus angustifolia Vahl
  • Fraxinus excelsior L.
  • Fraxinus pennsylvanica Marshall
  • Laurus nobilis L.
  • Liquidambar styraciflua L.
  • Liriodendron tulipifera L.
  • Livistona australis (R. Br.) Mart.
  • Magnolia x soulangiana Soul.-Bod.
  • Magnolia grandiflora L.
  • Phoenix reclinata Jacq.
  • Pittosporum undulatum Vent.
  • Platanus x acerifolia (Aiton) Willd.
  • Populus x canadensis Moench.
  • Populus x canescens (Aiton) Sm.
  • Populus alba L.Pyramidalis'
  • Populus nigra L.
  • Quercus robur L.
  • Quercus rubra L.
  • Robinia pseudoacacia L.
  • Sannantha pluriflora (F. Muell.) P.G. Wilson
  • Taxodium distichum (L.) A. Rich.
  • Thuja plicata Donn ex D. Don
  •   Plano do xardín
  •   Web
  •   parque de Castrelos s/n, 36213 Vigo (Pontevedra)
  •   ++34 986 295 070
  •   Entrada gratuíta

Fotos